Segue aberto o prazo para matricularse no CFEA Pedro Murias en produción agroecolóxica e aproveitamento e conservación do medio natural

Segue aberto o prazo para matricularse no CFEA Pedro Murias en produción agroecolóxica e aproveitamento e conservación do medio natural

Xornada de portas abertas no CFEA Pedro Murias

O prazo para matricularse nos graos medios do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, no concello lucense de Ribadeo, segue aberto. Este centro oferta os ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Produción Agroecolóxica.

O primeiro céntrase en cuestións silvícolas, como as instalacións forestais ou a sanidade vexetal. Ademais, impártense materias relacionadas coa conservación de especies cinexéticas e pisícolas, así como as nocións necesarias sobre control fitosanitario. O alumnado deste grao medio conta cun amplo abano de saídas profesionais, como son, entre outros, o de especialista en traballos de repoboación e tratamentos silvícolas, motoserrista, traballador especializado en inventario, seguimento e adecuación dos hábitats forestais ou auxiliar de traballos de control de depredadoras e especies invasoras.

Mentres tanto, os estudantes de Produción Agroecolóxica poderán traballar como agricultores, avicultores, apicultores, criadores de gando ou produtores ecolóxicos. Para iso, os estudos están focalizados en fundamentos agronómicos e zootécnicos, a implantación de cultivos ecolóxicos e en principios de sanidade vexetal. Tamén recibirán nocións sobre infraestruturas e instalacións agrícolas; así como en produción gandeira e vexetal de xeito ecolóxico.

Ademais, ambos graos contan coa materia “Lingua estranxeira profesional”, polo que os alumnos aprenderán as nocións básicas para comunicarse noutro idioma, o que mellorará a súa competencia nese ámbito e os preparará para o seu futuro laboral.

Cabe sinalar que estes ciclos forman parte da modalidade Formación Profesional Dual, polo que os estudantes poderán recibir formación teórica no centro educativo e ao mesmo tempo poñela en práctica -remunerada- nun centro de traballo. Deste xeito, o alumnado formarase de forma teórica e práctica tanto no centro educativo como na empresa. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que ao rematar o ciclo o estudante contará con experiencia previa.

Aquelas persoas interesadas en matricularse, poderán solicitar máis información nesta páxina web ou no número de teléfono: 982 828 552.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información