San Sadurniño dá a coñecer o programa da XXVIII Feira da Plantación

Publicidade
San Sadurniño dá a coñecer o programa da XXVIII Feira da Plantación

O espazo da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia volverá acoller durante o último domingo deste mes de abril unha nova edición da Feira da Plantación. Unha cita que estrea a primavera e o tempo de botarse fóra e que, ademais, ten como obxectivo poñer en valor o potencial produtivo da nosa terra, na que medran árbores, flores, froita, horta e practicamente todo o que se semente. Durante a xornada atoparemos á venda planta ornamental, todo tipo de pés para os nosos morteiros, maquinaria, produto alimentario e artesanía relacionada co mundo floral. Pero tamén múltiples actividades entre música, obradoiros infantís, demostracións e degustacións. O programa completo xa pode consultarse nesta ligazón.

O Concello de San Sadurniño agarda que nesta XXVII edición da Feira da Plantación se supere o número de expositores e de visitantes do ano pasado, cando o evento marcou un récord en canto a participación e vendas. Unha das claves deste éxito foi a redistribución dos postos ao longo do sendeiro principal da Cortiña, colocando na parte final a carpa do Concello que acolle os sorteos e o punto de entrega gratuíta das plantas de cortesía doadas pola empresa Vivergal, colaboradora habitual da feira.

Nese percorrido poderemos atopar todo o necesario para os nosos xardíns e cultivos: plantas, flores, sementes, apeiros e maquinaria de labranza, etc., que se alternan cun animado mercado agroalimentario e artesán cheo de produto de proximidade e da máxima calidade.

Aínda que os postos están xa ao tanto da data e do prazo de inscrición, lembramos que o último día para reservar espazo é o luns 22 de abril. Dous días despois publicarase a lista de admitidos, que deberán aboar entre 5 e 45€ de taxa -segundo os metros que ocupen-, ademais de ter a opción (voluntaria) de que o Concello se ocupe de cubrirlles o expositor cun toldo.

A feira abrirá ás 10:00h e prolongarase de maneira ininterrompida até as 20:00h. Durante ese tempo, en distintos horarios, desenvolveranse obradoiros ambientais para a rapazada, demostracións de arte floral e de cociña sostible, degustacións de produtos elaborados na Fusquenlla, unha sesión de pintura ao vivo con Leandro Lamas (o cadro que faga sortearase ás 19:45h), varias charlas sobre xeoloxía -con exposición de rochas do xeoparque- ofrecidas por Fran Canosa e a actuación musical do Trío de Tres.

Tamén haberá os tradicionais rifas presenciais entre as papeletas que se entregarán con cada compra e, só por vir á feira, levaremos de balde a bolsiña de de plantas de Vivergal. O recinto contará, por último, cun posto para xantar, aínda que tamén é boa opción reservar en calquera das casas de comidas que hai en San Sadurniño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información