En canto aos gandeiros asistentes á poxa, a maioría proviñan do concello de Lalín, aínda que tamén se presentaron doutros puntos da provincia, como Rodeiro. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Sarria, en Lugo; Santa Comba ou Brión, na Coruña, ou San Xoán de Río, en Ourense.
A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería.
As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.