Carne

“Queremos sacar unha carne de máxima calidade só cos alimentos que producimos na explotación”

Víctor Piñeiro e Rubén Gómez teñen no concello lugués de Cospeito unha pequena explotación de Porco Celta, que lles serve de renda complementaria aos seus traballos, e na que conseguen producir unha carne de alta calidade a partir só dos alimentos producidos na propia granxa. Así é como traballan....

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Gutier Salgado 21/12/2023 12:51 p.m.

Dende os inicios de Asoporcel, o traballo pola recuperación desta raza autóctona foi constante. No ano 1999, o Porco Celta, cun censo moi reducido e espallado por toda a xeografía galega, estaba en serio perigo de extinción. Os traballos de recuperación nestas dúas décadas sitúannos a día de hoxe cunha cabana porcina de máis de 5200 animais e cun crecente número de explotacións, sendo a provincia de Lugo, e a Terra Chá principalmente, a que conta cun maior censo.

Asoporcel iniciábase como unha entidade xestora do libro xenealóxico da raza, pasando a ofrecer a día de hoxe un servizo integral aos gandeiros. Actualmente, a xestión de axudas, plans de mellora e incorporación ou cursos de benestar pódense realizar a través da asociación.

No último ano, comercializáronse baixo o selo de Porco Celta máis de 200 toneladas, sendo o outono e o inverno os meses por excelencia. Un volume que se consume practicamente en Galicia e que a medida que o aumento da produción o permita se poden ver as posibilidades de explorar outros mercados, nacionais e internacionais.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Iván Rodríguez, veterinario e director técnico de Asoporcel explica que “froito da boa aceptación que está a ter o produto, pola súa calidade e tamén polo seu modo de crianza, é un sector máis atractivo para os novos gandeiros. Nos últimos anos tramitamos varias incorporacións de explotacións con maior tamaño, algunha con ata 300 animais”.

Aínda así, a maior parte das granxas son de carácter familiar, cun censo reducido e nas que o traballo na explotación é un complemento de outra actividade principal.

“Seleccionamos femias que teñan arredor de 8 leitóns por parto para que os críen ben”

Unha destas explotacións, espalladas pola xeografía galega, é a que atenden Víctor Piñeiro e Rubén Gómez no concello de Cospeito. “Temos isto porque é algo que nos gusta e ao mesmo tempo sacamos un complemento económico. Aínda que levamos pouco tempo e parte dos beneficios os fomos reinvestindo na explotación podemos sacar unha renda complementaria coa granxa”, aseguran.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Esta gandería de porco celta divídese en dous núcleos. Na casa de Victor, aproveitáronse unhas instalacións de vacún de leite para reformalas e facer 5 boxes individuais máis unha parideira onde albergar as porcas de cría. “O límite para non pasar a granxa industrial son 5 femias, por iso non pensamos en construír unha nave maior. Ao estar limitados neste aspecto, intentamos ter as mínimas perdas na época de partos xa que do traballo dunhas semanas depende o resto do ano. Ao mesmo tempo, seleccionamos femias que teñan arredor de 8 leitóns por parto para que os críen ben. En canto a xenética tamén inseminamos con aqueles porcos dos que nos parece que van saír mellores canais”, explica Victor acerca desta fase da crianza, na que prestan especial atención.

Unha vez destetados, os leitóns pasan a unha finca ubicada preto da casa de Rubén. A partir dese momento pasarán preto dun ano, en réxime extensivo, ata ser comercializados. Ao mesmo que na explotación de porcas, no caso de cebo, o límite para non pasar a industrial está en 25 animais, polo que ademais dos porcos cebados tamén comercializan leitóns unha vez son destetados.

“Nesta etapa centrámonos en darlles de comer cada día e revisar que non haxa problemas, é unha fase que nos dá menos traballo, ou que polo menos é un traballo máis flexible. Entran nestas parcelas unha vez os destetamos e empezan a comer ben e témolos ata que chegan a un peso entre 100 e 120 quilos de peso”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Todo o que comen é producido na propia explotación”

Un punto común á maioría de granxas de Porco Celta, favorecido tamén por non ser explotacións industriais, é a alimentación dos animais. “Queremos que o produto que finalmente comercializamos sexa de máxima calidade e criado de xeito natural. Para isto a alimentación é un punto primordial. Todo o que comen é producido na propia explotación”, comenta Víctor a pé de finca.

Deste xeito a ración diaria está formada por 2 quilos de centeo moído, medio quilo de altramuz hidratado, remolacha, cabazas e outros produtos da horta segundo a dispoñibilidade, pasto e as landras que hai nos soutos da explotación. En total, para a alimentación dos porcos dispoñen dunha superficie de arredor de 6 hectáreas. Unha terceira parte do terreo está destinado á produción de altramuz, centeo, cabazas ou remolacha e o restante son soutos e praderías polas que van rotando os porcos durante a súa crianza.

En canto á parte agrícola da explotación, Víctor comenta que “comezamos co altramuz asesorados polo enxeñeiro Fernando Almeida e estamos moi contentos co cultivo, tanto polo seu rendemento como pola calidade. É un cultivo que por esta zona xa se utilizara na época da colonización para mellorar as terras pero actualmente non se ve. Sementámolo en rotación co centeo, que tamén nos está funcionando ben en canto a rendementos. Co cultivo do altramuz queremos fixar nitróxeno para o cereal e así ser menos dependentes de abonos químicos e ter unha produción máis natural e sustentable”.

“Co centeo e o altramuz medran ben e ao mesmo tempo non engraxan excesivamente”

Víctor recorda que a alimentación, a crianza en extensivo e as propias características da raza dan como resultado un produto de máxima calidade. “A pesar disto tamén hai que ter en conta que o porco celta ten unhas cualidades especiais e que a alimentación inflúe directamente na calidade das canais. É unha raza xeneticamente adaptada a unha crianza en extensivo e a base de pastos, verduras e froitos polo que tende a engraxar bastante se empregamos certos cereais como o millo. Intentamos imitar do xeito máis fiel este tipo de alimentación complementándoa cos cereais que producimos na explotación. Co centeo e o altramuz medran ben e ao mesmo tempo non engraxan excesivamente”.

Víctor e Rubén consideran que nos inicios “para ser rendibles temos que ser autosuficientes, empregando a base territorial e a maquinaria da que xa dispoñíamos. É unha explotación de pequeno tamaño e tardaríamos moito en recuperar inversións. A pesar disto, de cara a un futuro, se é un produto que vemos que ten boa saída como ata agora, non descartamos facernos con fincas ou material para poder ampliar o número de porcos”.

O punto final da crianza do porco celta é a comercialización. Nesta explotación de Cospeito buscan a venta directa como a principal saída do seu produto. “Polo meu traballo de comercial teño contactos por toda Galicia e a quen vexo interesado convídoo a que nos veña visitar. Quero que os clientes vexan eles mesmos o xeito no que criamos os porcos. Tamén, a través da asociación, contactamos con todas as persoas que mostran interese no produto a pesares de que non todas se converten en clientes. Para darnos a coñecer, tamén nos gusta estar presente en feiras e actos de degustación”, explica.

[caption id="attachment_218635" align="aligncenter" width="1320"] Campo de altramuz[/caption]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada