Primeiro Túnel do Mel de Galicia no Salón de Gourmets
Un total de 19 marcas comerciais pertencentes a envasadoras acollidas a este selo de orixe e calidade, entre as que se atopaban os meles premiados nas Catas de Galicia 2023 foron os protagonistas nesta viaxe guiada pola presidenta da IXP, Ma. Esther Ordóñez Dios. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a calidade e a diversificación do Mel de Galicia ao degustar 30 referencias dos distintos tipos de meles: multiflorais; monoflorais de eucalipto, breixo, castiñeiro, silva; e o mel de melada ou de bosque.
Isto, representa unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia, á vez que se recoñece a importancia dun oficio ancestral coma é a apicultura e un produto senlleiro da despensa galega coma o ouro doce.
Outro dos targets que establece o plan de promoción son os mais cativos. Para eles, ademais das accións levadas a cabo nos colexios galegos, no marco da feira Goumets tamén se organizaron os Talleres Infantís con Mel de Galicia destinados a máis de 900 escolares de Madrid e os seus mestres. Guiados por Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do panel de cata da IXP Mel de Galicia, puideron coñecer de cerca o apaixonante universo das abellas, o proceso de obtención do mel e degustar os distintos tipos de mel da natureza galega.
Mel de Galicia en datos
Con estas iniciativas, o sector aposta por dar un valor engadido ás súas producións, algo que se reflicte no aumento dun 8% no número de envasadores certificados nos últimos anos, sumando na actualidade un total de 42 envasadoras certificadas da IXP Mel de Galicia. Do mesmo xeito, a xente moza xa ve a apicultura como unha profesión con futuro, representando o 15% dos inscritos.
Sen embargo, “tamén é certo que o mel colleitado descendeu un 20% no último ano debido a factores como a climatoloxía ou a presenza da vespa velutina, entre outros. No caso do mel contraetiquetado, descendeu a comercialización preto dun 7%. É por iso que é necesario un plan estratéxico para o sector apícola galego que non só beneficiará á apicultura, senón tamén a outros sectores vinculados como son a agricultura, a gandaría ou a alimentación humana”, demandan desde o Consello Regulador.
“Iso si, cabe subliñar que o descenso na produción non se viu reflectido no valor do mel xa que, neste senso, Mel de Galicia incrementou o seu valor nun 35% en cinco anos” apuntan.