A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Por cada euro investido na vacina contra a mamite, aforramos 6,35 euros en perdas”

A veterinaria Mónica García explica os resultados que tivo a vacinación fronte á mastite na Sat Veiga da Lama, en Castro de Rei, e sinala recomendacións a ter en conta

“Por cada euro investido na vacina contra a mamite, aforramos 6,35 euros en perdas”

Mónica García Mon, veterinaria.

Mónica é técnica de Calidade de Leite e Certificación no Centro Veterinario de Meira, que maiormente dá cobertura a explotacións de vacún de leite da zona da Terra Chá. É colexiada no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, onde teñen un grupo de Calidade de Leite. Nesta entrevista, explica os resultados que tivo a vacinación con Startvac contra a mamite na Sat Veiga da Lama (Castro de Rei, Lugo).

Cales son, segundo a túa opinión, os principais problemas relacionados coa calidade do leite e as perdas económicas que producen as mastites?
– A calidade de leite é un dos maiores problemas nunha explotación, onde se producen máis perdas, tanto perdas económicas, perdas en produción, nos gastos de tratamentos e no maior traballo que lle dá ao gandeiro cando ten problemas de mamite.

Cando empezaches a vacinar para previr a mastite e que vos levou a tomar esta decisión?
– Nesta explotación, en Veiga da Lama, empezamos no ano 2015, sobre abril ou maio, porque, a ver, era unha explotación cun reconto celular en tanque de 120.000-150.000 células, que ese non era o problema, pero tiña unha alta incidencia de mamites clínicas e eran colibacilares, polo que decidimos implantar unha pauta de vacinación de Starvac.

“De 90 casos clínicos de mamite nun ano, pasouse tras a vacinación a 38, a maioría leves e sen uso de antibióticos”

Como reaccionaron cando lles explicaches que existía unha vacina para a prevención da mastite?
– Eu expliqueilles que era conveniente implantar unha pauta de vacinación por Starvac e eles dixéronme que “adiante”. En principio non crían que fosen ter os resultados que tiveron pero, hoxe por hoxe, están moi contentos.

Que foi o que te chamou a atención do produto e por que decidistes utilizalo?
– Decidimos usalo porque é unha vacina que cubría os xermes que había nesta explotación, e despois pola presentación, xa que trae tanto unidose coma doses maiores, e adaptábase ben á granxa.

Cales foron os principais beneficios, tanto a nivel de calidade de produto como a nivel económico, que obtiveches con esta vacinación?
– O maior beneficio foi a baixada drástica das mamites clínicas. De feito, no ano anterior a utilizar a vacina tiveron coma uns 90 casos clínicos, e deles 10 graves, con algunha morte de vacas, e a partir do seguinte ano houbo 38 casos leves nos que practicamente non se usou antibiótico, algún antiinflamatorio e nada máis.

Que lle dirías a unha persoa que non sabe se comezar a vacinar para a prevención de mastite na súa explotación?
– En primeiro lugar, que o consulte co seu técnico de Calidade, xa que non en todas as explotacións é aplicable e, se llo recomenda, que a aplique e que mire nos datos, xa que nos datos das enfermidades, de recontos celulares, de incidencia, de prevalencia… é como realmente ti sabes se é bo ou non, ou sexa, se che funciona ou non che funciona. Por exemplo, nesta explotación fixemos un cálculo dende que se comezou a utilizar a vacina, e por cada euro investido na vacina aforraron en perdas de mamites 6,35 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *