Pedrafita acolle o domingo a poxa de cinco xovencas preñadas de Acruga

O evento desenvólvese coincidindo co XXX Certame de Gando Vacún da localidade

Pedrafita acolle o domingo a poxa de cinco xovencas preñadas de Acruga

Imaxe dunha poxa anterior en Pedrafita.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) celebra este domingo unha nova poxa no mercado gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo). A subasta contará nesta ocasión con cinco xovencas de 18 a 24 meses e preñadas de 2 a 4 meses. O prezo de saída de cada exemplar será de 1.800 euros e haberá unha axuda á compra de 200 euros por parte de Caixa Rural Galega.

A poxa comezará a partir das 12 horas e desde unha hora antes poderán retirarse tarxetas para a participación na mesma. O evento coincide co XXX Certame de Gando Vacún de Pedrafita do Cebreiro, polo que se agarda unha alta participación na poxa dos animais, procedentes da granxa de recría Gayoso Castro, que Acruga xestiona nas instalacións da Deputación de Lugo.

O presidente de Acruga, César Dorado, destaca tamén a importancia do concello de Pedrafita do Cebreiro no marco da raza Rubia Galega, pois hai 53 ganderías inscritas en Acruga con máis de 1.300 cabezas de gando. “En Pedrafita organizamos dúas poxas cada ano, en abril e setembro, e sempre obteñen un gran resultado. É unha das citas máis consolidadas das que organizamos desde Acruga e temos que destacar o apoio que sempre tivemos por parte do Concello de Pedrafita”, destaca Dorado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información