Ovica advirte do instrusismo e competencia desleal na campaña da rapa da lá

Ovica advirte do instrusismo e competencia desleal na campaña da rapa da lá

Esquiladores profesionais nunha gandería galega. Foto: Ovica

A pasada semana deu comezo un ano máis a campaña de rapa da lá nos rabaños de gando ovino de Galicia. Por este motivo, dende a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) defenden a profesionalización do sector.

Neste sentido, informan de que “dispoñemos de cuadrillas de traballadores cunha ampla traxectoria e experiencia no servizo que ofrece aos socios da Asociación e ao resto de gandeiros”. “Son traballadores asalariados, dados de alta na Seguridade Social e con contrato laboral”, subliñan.

Ademais, destacan que estes traballadores realizan prácticas compatibles co benestar e sanidade animal, en constante asesoramento por parte dos veterinarios da Agrupación de Defensa Sanitaria de Gando Ovino e Cabrún ACIVO, cos que Ovica conta cun convenio de colaboración.

A este respecto, dende Ovica denuncian “o intrusismo e competencia desleal que se está a producir en moitas zonas de Galicia por parte de rapadores que non están dados de alta na Seguridade Social, polo que esiximos que a administración tome as medidas pertinentes para tratar de poñer arranxo a esta problemática, xa que en caso de producirse un accidente laboral na explotación do gandeiro suporía un grave perxuízo para a súa persoa, ademais dos propios riscos sanitarios e de benestar animal que supón que a rapa sexa realizada deste xeito”.

“O mercado somerxido de recollida de lá prexudica aos gandeiros profesionais”

Por outra parte, dende a asociación lembran que a lá está catalogada como un subproduto animal de categoría 3, e a súa xestión está regulada polo Regulamento (CE) Nº 1069/2009 de Subprodutos animais e produtos derivados non destinados a consumo humano. Isto fai que sexa obrigatorio para os gandeiros dispoñer dun certificado oficial emitido por un axente autorizado para o tratamento dese subproduto. “En Ovica -subliñan- dispoñemos do contacto do recolledor autorizado”.

Pero do mesmo xeito que no caso dos rapadores, existen tratantes e compradores de lá que carecen da autorización administrativa que os capacita para a emisión do certificado de trazabilidade.

Neste sentido, dende Ovica lembran que “son as autoridades as encargadas de velar por evitar os fraudes deste tipo nas explotacións gandeiras do país e evitar a proliferación dun mercado somerxido que prexudica aos gandeiros que realizan correctamente o seu traballo e cumpren coa lexislación vixente”.

Solicitan á Xunta un carné profesional de esquilador

Por último, a asociación anuncia que está organizar para este ano unha nova edición dos cursos de esquileo, “que pretenden chegar a toda a poboación interesada en aprender unha profesión desprestixiada pero con moito futuro”.

Neste sentido, dende a Ovica aseguran que “queremos contar coa axuda da administración para poder ofrecer unha ensinanza regrada e homologada que permita capacitalo mediante un carné profesional emitido por Ovica e homologado pola Xunta de Galicia”.

“Unha proposta que leva sendo plantexada de xeito continuo á administración sen obter resposta favorable por parte da Xunta”, critican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información