Os Consellos Reguladores advirten de que “2021 vai ser un ano máis duro que o 2020 para o sector do viño”

Publicidade
Os Consellos Reguladores advirten de que “2021 vai ser un ano máis duro que o 2020 para o sector do viño”

O CECRV demanda que as axudas do Ministerio ao almacenamento privado e poda en verde se destinen só para os viños con DOP

A Conferencia Española de Consejos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), a organización que representa ás denominacións de orixe de viño, trasladoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa posición sobre as medidas que, a xuízo das DDOO, necesita o sector do viño en 2021.

En concreto, demandan fondos adicionais e unha reorientación das medidas extraordinarias, para que impulsen un modelo de sector que aposte pola calidade e pola valorización dos produtos.

Para CECRV, “2021 vai ser un ano máis duro que 2020 para o mundo do viño, xa que os efectos da crise económica xerada pola pandemia persisten e a recuperación albíscase aínda afastada”.

Caída en canle HORECA e do turismo

A nivel sectorial, os viños con D.O. están a ser os máis prexudicados pola caída de actividade xeneralizada provocada pola COVID-19 en vectores de crecemento e de posicionamento en valor para o viño, caso da canle HORECA e do turismo. Hostalaría e turismo son as actividades económicas que permiten, ademais, un mellor posicionamento vía calidade e unha maior valorización do produto, as que a xuízo de CECRV deben ser as dúas grandes apostas do sector en termos estruturais.

A isto engádeselle que os viños con denominación de orixe son os que permitiron soster as exportacións en 2020 e que estas arroxasen resultados menos dramáticos do previsto ao comezo da crise.

Sobre estas dúas premisas, a identificación da categoría de viños máis golpeados polos efectos da pandemia e a necesidade de que as Administracións senten as bases dun modelo de sector que aposte pola calidade e polo valor do produto, a Conferencia Española de Consejos Reguladores Vitivinícolas solicitou ao ministerio unha reorientación das medidas extraordinarias postas en marcha en 2020, reclamando á súa vez máis fondos, para que poidan contar cun orzamento ambicioso e suficiente, que permita ampliar o alcance e a eficacia das mesmas e evite que as solucións teñan que ser á conta de medidas, as do Programa de Apoio ao Sector do Viño (PASVE), que seguen sendo necesarias para os operadores, como as axudas á promoción en terceiros países ou aos investimentos.

A Conferencia considera ademais que as medidas deben atender a diversidade de zonas produtivas, que teñen estruturas e características diferentes, así como tamén diferentes tipos de produto. 

Axudas ao almacenamento privado e poda en verde, pero só para os viños con DOP

En base a iso, CECRV considera que o almacenamento privado e a vendima en verde, por esta orde, han de ser as medidas prioritarias, circunscribindo ambas aos viños con DOP. Ademais, as denominacións de orixe indican que a medida de destilación de crise debe reorientarse. 

No que respecta ao almacenamento privado, a Conferencia defende que a enorme acumulación de stock nas adegas, por mor da caída nas vendas, está a elevar os custos das adegas e minguando aínda máis os seus ingresos, o que pode provocar unha saída precipitada de produto, que xeraría unha caída dos prezos e afectaría á súa vez á calidade percibida. Sería esta a medida que, a xuízo de CECRV, máis favorece un modelo de sector que busque a diferenciación e o valor do produto. 

En canto á vendima en verde, a organización destaca que é unha medida que vai directamente ao viticultor, aínda que, para aumentar o seu impacto, debe ser permitida de forma parcial, é dicir, favorecendo a redución de rendementos e non obrigando a eliminar a totalidade do froito da parcela ao completo, algo que os produtores con parcelas pequenas non poden permitirse

Por último, CECRV considera que a destilación de crise debe contar cunha cota maior para os viños con DOP e cun prezo tamén máis elevado neste caso. Ademais, debería establecerse unha repartición desta axuda por Comunidades Autónomas, de tal modo que se garantise que chega a todas as zonas produtivas e que estea ao alcance tamén de zonas con DOP nas que a produción de viños brancos, rosados e tintos novos é relevante, tratándose de viños menos adecuados para o almacenamento. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información