Desenvolvemento rural

A orde dos módulos contempla unha rebaixa do 15 % no IRPF 2023 para gandeiros e agricultores

O Goberno publicou a orde que fixa reducións en diferentes sectores e mantén a minoración no rendemento neto do 35 % pola adquisición de gasóleo agrícola

Campo Galego 19/04/2024 12:28 p.m.

O Ministerio de Facenda publicou a orde na que se indican as reducións dos índices de Rendemento Neto e a redución xeral aplicables en 2023 no sistema de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), o denominado sistema de módulos, para agricultores e gandeiros. En dita orde recóllese a proposta do Ministerio de Agricultura de minoración dos índices e ten en conta a incidencia da seca e outras circunstancias excepcionais que afectaron á rendibilidade de moitas explotacións agrícolas e gandeiras durante 2023.

Na publicación indícase unha redución xeneralizada do 15 % no rendemento neto, á que se engade a minoración de entre o 30 % e o 80 % nos sectores máis afectados polas adversidades climáticas. Tamén fixa as minoracións pola compra de gasóleo agrícola (35 %) e fertilizantes (15 %), que este ano tamén se abre aos declarantes en estimación obxectiva agraria do IRPF.

A orde establece unha redución xeral do rendemento neto do 15 % á que poderán acollerse os, aproximadamente, 800.000 agricultores e gandeiros que tributan polo sistema de módulos. Determinados sectores benefícianse ademais de reducións específicas, que son do 80 % no caso da castaña, 50 % para os cereais, leguminosas, oliveiral e a apicultura, e do 30 % para uva de vinificación e sectores gandeiros en réxime extensivo.

O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75

Establécese nun 0,5 o índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros, sempre que representen máis do 50 % do importe dos produtos alimenticios consumidos, e aplícase tanto aos sectores gandeiros intensivos como a extensivos. O índice corrector por cultivos en terras de regadío que utilicen enerxía eléctrica redúcese a 0,75.

As reducións dos índices de rendemento neto establecidas con carácter nacional para a declaración da renda 2023 son as seguintes:

Sectores gandeiros:
- Bovino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
- Bovino de cría extensivo de 0,26 a 0,18
- Ovino e caprino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
- Porcino de carne extensivo de 0,13 a 0,09
- Porcino de cría extensivo de 0,26 a 0,18
- Apicultura de 0,26 a 0,13

Sectores agrícolas:
- Cereais e leguminosas de 0,26 a 0,13
- Produtos da oliveira de 0,26 a 0,13
- Uva para viño con D.O. de 0,32 a 0,22
- Uva para viño sen D.O. de 0,26 a 0,18
- Castaña de 0,26 a 0,05

Finalmente, efectuáronse un elevado número de reducións a nivel autonómico, provincial ou municipal noutras producións, entre as que destacan as aprobadas para os froiteiros non cítricos en importantes áreas produtoras.

Etiquetado
Ir a la portada