A madeira cultivada en Galicia para satisfacer o consumo de Ence nun só ano supón un volume de operacións cun importe superior aos 24 millóns de euros/ano, segundo os achados preliminares dun estudo que está a desenvolver a Universidade de Vigo. Tendo en conta a produción media de madeira de eucalipto, dedúcese que a subministración sostida de madeira galega a Ence fai necesarios máis de 3 millóns de xornais nos montes de Galicia.
Tan só en labores de selvicultura, a demanda anual de madeira da empresa xera preto de 178.000 xornais nos montes.Estas son algunhas das conclusións do estudo, que está a ser realizado por investigadores da Universidade de Vigo ao abeiro da Cátedra Ence. O informe defintivo, que será presentado no mes de setembro, realizouse a partir de todos os datos de consumo de madeira de Ence no último trienio finalizado: 2012-2014.
O mesmo estudo revela que Ence levou a cabo durante o citado período 2013 compras de madeira en 186 municipios distintos de Galicia, o 59.05% dos existentes na Comunidade. Ence comprou madeira nese período na práctica totalidade dos municipios da provincia da Coruña, no 88.71% dos municipios da provincia de Pontevedra, o 52.2% dos concellos lucenses e pouco máis do 4% dos ourensanos.
De acordo ás conclusións alcanzadas polos investigadores da Universidade de Vigo, Ence destinou á prevención de incendios entre 2012 e 2014 máis de 3.8 millóns de euros, e realizou actividades de formación para preto de 2.000 propietarios forestais en toda a Comunidade Autónoma.
Informe de KPMG
Este estudo da Cátedra Ence vén a sumarse a análises recentes sobre o impacto económico da actividade de Ence. É o caso do Informe sobre a contribución da fábrica de Ence en Pontevedra ao desenvolvemento social, económico e ambiental de Galicia, realizado pola consultora KPMG en 2013. Aquel estudo desvelou outros datos que sinalan a repercusión que mantén a presenza do Centro de Operacións da compañía en Lourizán, entre os que se inclúe un resultado de 5.000 persoas que traballan de xeito directo e indirecto en Galicia grazas á actividade de Ence en Pontevedra. Un total de 800 persoas, desas 5.000, traballan na bisbarra de Pontevedra, directa ou indirectamente, para Ence.
O mesmo Estudo indicaba que o 30% das persoas empregadas no sector forestal de Galicia dependen das actividades de Ence, o que actúa como efecto vertebrador no territorio galego, dado que a compra de madeira e as súas actividades de xestión de masas forestais contribúen á distribución de rendas e á fixación da poboación no ámbito rural.