Forestal

O souto de Vilar, en Folgoso do Courel, recupérase dos lumes a través dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta

12/11/2023 9:10 a.m.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, visitou este sábado o souto de Vilar deste concello lucense, onde os veciños están en proceso de constitución dunha agrupación forestal de xestión conxunta na súa superficie de máis 20 hectáreas que se viron afectadas polo incendio forestal de xullo de 2022.

A Xunta de Galicia aposta polas agrupacións forestais de xestión conxunta e, por iso, no 2024 investirá 2,4 millóns de euros para impulsar estas figuras, que están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ademais, para facilitar a súa constitución, o goberno galego puxo a disposición dos interesados os modelos de estatutos para estas agrupacións e tamén para constituír dereitos de usos e aproveitamento, publicados esta mesma semana nunha orde no Diario Oficial de Galicia.

O exemplo do souto de Vilar

No caso concreto do souto de Vilar estase a traballar para podelo recuperar e por iso leváronse a cabo unha serie de traballos para mellorar unha pista forestal que permitirá o acceso para a retirada da madeira queimada. O obxectivo, segundo o conselleiro, é “recuperar este extraordinario souto” e darlle unha finalidade máis, a de protexer ao núcleo de poboación fronte aos lumes. José González engadiu que os soutos teñen que ser, neste caso no Courel, unha infraestrutura preventiva fundamental.

Os traballos realizados consistiron na colocación de pasos de auga naqueles lugares onde foi preciso e realizouse a mellora e ensanche da plataforma da pista mediante o pase con bulldozer, co obxectivo de posibilitar o acceso na zona de actuación para facilitar os labores de extinción de lumes.

O titular do Medio Rural puxo en valor a decisión dos veciños involucrados neste proceso de creación dunha agrupación forestal de xestión conxunta para recuperar este souto afectado polo lume. Xunto a este proxecto piloto, José González destacou os outros que se están a levar a cabo nos concellos lucenses do Incio e Paradela, ademais de na provincia de Ourense en Parada de Sil, O Bolo e A Veiga.

José González tamén quixo resaltar o reforzo do apoio do goberno autonómico ao sector da castaña para a recuperación de soutos e novas plantacións. Para estas accións, os orzamentos do 2024 contemplan unha inversión de 3 millóns de euros que permitirán continuar co incremento da superficie de castiñeiros en Galicia. A esta cantidade, hai que engadirlle os 500.000 euros que se concederán en axudas a aqueles soutos que se viron afectados polos incendios do verán de 2022.

Prevención de lumes

Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación do fondo público-privado impulsado pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais, que traballa en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central, afectados habitualmente polos incendios forestais.

Estes traballos preventivos están realizados baixo unha planificación “transversal e integral” do territorio, segundo resaltou José González, que lembrou que Inditex foi a primeira empresa en participar neste fondo, cunha achega de 9 millóns de euros, nunha folla de ruta deseñada polo goberno autonómico e traducida en labores preventivas e a aposta por implantación de actividade agrogandeira sostible. Este fondo conta cunha dotación orzamentaria da Xunta de 3,2 millóns de euros en 2024.

Aldea modelo de Moreda

O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a alcaldesa de Folgoso, aproveitou a xornada para visitar a aldea modelo de Moreda, que conta cunha superficie de 38,86 hectáreas e entrou en funcionamento este ano cunha explotación de porco celta en extensivo. En paralelo, estúdase para ela a posibilidade de combinar a explotación con apicultura, cultivo de horta e árbores froiteiras; xunto coa implantación de oliveiras e castiñeiros para froito. A Xunta destinou preto de 122.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa.

Ademais, nesta aldea modelo estase a levar a cabo, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, un proxecto piloto sobre monitorización do gando que permite ás empresas gandeiras -neste caso, na explotación de Moreda- coñecer o estado dos animais e a súa localización cunha aplicación destinada para esta función. Esta aplicación permite controlar, a través dun rastreador GPS, a actividade desenvolvida por cada animal e amosa estudos comparados coa actividade media de cada un.

As aldeas modelo -actualmente están decretadas 21 ao longo de Galicia- son unha das ferramentas de mobilización incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Os orzamentos para 2024 da Consellería do Medio Rural contan con 7,4 millóns de euros para seguir potenciando os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, e máis de 3 millóns de euros para actuacións deseñadas arredor desta lei.

Etiquetado
Ir a la portada