Desenvolvemento rural

O Sindicato Labrego advirte de incidencias pola vacina da língua azul

A organización agraria solicita unha reunión con Medio Rural para abordar a situación

Campo Galego 13/07/2023 9:30 a.m.

A raíz da confirmación da circulación no sur de Galicia do virus da lingua azul o 17 de Febreiro de 2023, foi activada unha campaña de vacinación e medidas de control e erradicación desta enfermidade. Desde o Sindicato Labrego sinalan que "son varias" as granxas que se viron afectadas con incidencias relevantes no gando vacinado, tanto mortes como problemas no ciclo xestante, que están dando lugar a abortos ou infertilidade.

Ante esta situación, o Sindicato Labrego vén de solicitar unha reunión coa área de Sanidade animal da Consellería do Medio Rural, a fin de concretar o grao de incidencias e afrontar unha posible solución a esta problemática.

Ademais dos prexuízos derivados das perdas económicas asociadas a estes casos detectados na cabana gandeira vacinada, a organización sinala que as granxas están especialmente preocupadas pola persistencia de reaccións adversas á vacina, xa denunciadas anteriormente, recoñecidas pola propia Administración, e que motivaron unha modificación nas pautas de vacinación, que pasou a ser voluntaria no ano 2011.

Cabe lembrar que os primeiros casos desta enfermidade na Galiza foron detectados na zona da Mariña no ano 2008, e xa dende o inicio das campañas da vacinación o sector gandeiro a nivel de todo o Estado advertiu das consecuencias negativas que esta inoculación estaba a causar nos animais.

O SLG apunta que vén denunciando esta situación dende o seu inicio, mantendo no ano 2010 unha xuntanza co Director Xeral de Gandaría para demandar unha actuación urxente por parte da Administración e animando ás granxas a denunciar esta problemática. En xaneiro do ano 2011 a vacina deixou de ser obrigatoria para todas as explotacións. A día de hoxe a vacina é obrigatoria en zonas onde se detectan casos de lingua azul.

Etiquetado
Ir a la portada