Agroalimentación

“O consumo de lácteos é esencial desde o período fetal e en todas as etapas da vida”

A doutora Rosaura Leis, representante do Comité de Sustentabilidade Láctea de InLac, defende a alimentación saudable na que se inclúan os lácteos

Campo Galego 23/03/2023 10:46 a.m.

Cales son as claves para manter unha alimentación saudable? E que papel deben xogar os lácteos como o leite, o queixo ou o iogur? A doutora Rosaura Leis, recoñecida pediatra con décadas de experiencia profesional no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, profesora da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) e asesora do Comité de Sustentabilidade Láctea de Interprofesional Láctea (Inlac), non ten dúbidas de que os lácteos deben formar parte da base da pirámide alimentaria saudable. Leis recomenda tomalos todos os días -polo menos tres racións- para garantir a inxesta de macro e micronutrientes esenciais para saúde.

Leis é investigadora principal do grupo de investigación Nutrición Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; membro do Ciber de Obesidade; presidenta da Fundación Española da Nutrición (FEN) e do Comité de Nutrición e Lactación Materna da Asociación Española de Pediatría. A súa tese doutoral analizaba a prevalencia da mala absorción e intolerancia á lactosa en Galicia. Máis de 20 anos de experiencia, case douscentos artigos científicos e múltiples traballos de investigación sobre boa alimentación e menor risco metabólico nos nenos e adolescentes aválana.

Na súa opinión, non se entenderían as dietas mediterránea ou atlántica sen os alimentos tan vinculados ao territorio como os lácteos. Entre os seus beneficios, son fonte principal de calcio, de vitaminas liposolubles e proteínas. Sen esquecer as graxas, xa que cada vez máis investigacións científicas observan a súa asociación con menor risco de certas enfermidades.

Os lácteos nas diferentes etapas da vida

A doutora considera imprescindible o consumo de lácteos pola muller durante a xestación e lactación, e polo neno ata o final da adolescencia, que é cando se alcanza o máximo pico de masa ósea, garantindo a achega de calcio. Neste contexto, Leis remarca que a nai xestante debe ser consciente de que tomar lácteos nesta etapa da vida, no contexto dunha boa alimentación e estilos de vida, non só vai favorecer a súa saúde, senón a do seu fillo a curto, medio e longo prazo. Os 1000 primeiros días de vida, que inclúen desde o período fetal son unha xanela de oportunidade para previr enfermidades de neno, de adulto e de ancián.

"Cunha adecuada inxesta de lácteos, poderemos alcanzar un máximo pico de masa ósea ao final da adolescencia, aínda que logo deberemos manter o seu consumo ao longo de toda a vida”

“Non esquezamos que unha das enfermidades máis prevalecentes e dexenerativas durante a idade adulta é a osteoporose. Cunha adecuada inxesta de lácteos, poderemos alcanzar un máximo pico de masa ósea ao final da adolescencia, aínda que logo deberemos manter o seu consumo ao longo de toda a vida”, lembra a doutora.

A doutora tamén insiste en que a idade pediátrica é fundamental para os nosos ósos. Ao final da adolescencia alcánzase o pico máximo de masa ósea. “Todo o que almacenásemos nas nosas reservas é unha garantía para a saúde ósea a curto, medio e longo prazo, e a prevención da osteoporose”, indica.

En opinión de Leis e outros expertos médicos de referencia, unha dieta equilibrada inclúe 2-3 racións de lácteos ao día en nenos e adultos e 3-4 se falamos de certas etapas e colectivos con necesidades adicionais. Unha ración de leite equivale a 200-250 mililitros (unha cunca ou vaso) e a ración de iogur sitúase nos 250 gramos (2 iogures). Mentres tanto, a porción de queixo semicurado ou curado recomendada rolda os 30 gramos e, a de queixo fresco chega ata os 60 gramos ao día.

Conta cos produtos lácteos europeos

Desde a Inlac tamén reivindican o modelo de produción láctea europeo, onde prima a calidade, rastrexabilidade, benestar animal, seguridade alimentaria e o compromiso ambiental, que contribúen a que os lácteos elaborados no mercado comunitario teñan cada vez máis proxección internacional, ofrecendo amplas garantías aos consumidores de todo o mundo. A campaña europea “Conta cos produtos lácteos europeos” impulsada pola InLac busca informar desde unha perspectiva científica dos valores que hai detrás do sector lácteo, no plano ambiental e tamén nutricional.

O sector lácteo está moi sensibilizado co cambio climático, e por iso, traballa nunha folla de ruta para alcanzar a neutralidade climática, que empeza por avaliar os niveis de emisións asociadas á produción, procesado e comercialización dos lácteos. O obxectivo é reducir as emisións progresivamente para producir a mesma cantidade de leite, optimizando os recursos e reducindo a súa pegada ambiental. Ademais, os propios pastos, son un sumidoiro natural de carbono e a actividade gandeira axuda a mantelos.

A xuízo de InLac, a opinión pública debe coñecer todas as implicacións positivas derivadas do pastoreo, que axuda á dispersión das sementes, favorecendo así a rexeneración das especies vexetais, á vez que contribúe a evitar os incendios forestais.

Desde a Inlac reivindican que o sector lácteo europeo está firmemente comprometido coa produción de alimentos de calidade e cada día máis respectuosos co Planeta.

Etiquetado
Ir a la portada