O concello lucense de Friol inaugura o Centro Colaborativo para o impulso económico do municipio

O concello lucense de Friol inaugura o Centro Colaborativo para o impulso económico do municipio

O concello lucense de Friol inaugurou hoxe o Centro Colaborativo, co que busca impulsar o desenvolvemento económico e tecnolóxico do municipio. O edificio supuxo un investimento 295.000 euros e servirá tamén para poñer ao alcance de todos os veciños e veciñas o uso das novas tecnoloxías.

No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde, Jose Ángel Santos, acompañado do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz e varios membros do seu Equipo de Goberno.

O “Centro Colaborativo de Friol” comezará a funcionar de inmediato. O obxectivo é poñer a disposición de toda a poboación do municipio, tanto particulares, como asociacións, emprendedores, entidades de economía social, e do propio Concello, un espazo adaptado ás necesidades actuais para a prestación de servizos económicos e formativos, con puntos de acceso TIC, para suplir as deficiencias detectadas no municipio

Está ubicado no centro de Friol, anexo ó Centro Sociocultural, co ánimo de coordinar as actividades de ambos centros e poder realizar unha oferta tanto formativa como recreativa, cultural e de servizos sociais á poboación, conxunta e coordinada, que se espera poder ampliar de cara ao próximo ano.

Para a posta en marcha de este “Centro Colaborativo”, con unha inversión de 295.000 euros conta con unha axuda da AGADER, e dentro do marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a través do Programa Leader, por un importe de 160.000 euros, foi precisa a demolición do antigo edificio do Punto de Atención a Infancia e a construción dunhas novas instalacións que fosen capaces de cumprir cos obxectivos marcados e así, proxectouse un centro con unha superficie útil de 160m2, dunha sola planta e con dúas zonas independentes, unha para formación e outra para usos e servizos xerais.

Para iniciar as súas actividades neste centro colaborativo xa se encontra instalada unha aula de formación e de informática, para dar acceso a un programa de formación online non regrada flexible e con titorizaciónpersonalizada, que ampliará as competencias persoais e profesionais de persoas adultas.

Tamén están en marcha diferentes actuacións, entre outras un programa de economía social para dar apoio ás entidades de economía social do municipio e fomentar as mesmas, o asesoramento a pequenas e medianas empresas en materias relacionadas coas necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do Covid-19.

Homenaxe a Celestino Fernández de la Vega

Durante o acto de inauguración descubriuse unha placa en honor a un dos escritores máis destacados da provincia e veciño do municipio, o escritor, filósofo, ensaísta e intelectual Celestino Fernández de la Vega, coñecido como Cilistro. Participou no acto o seu fillo Alberto, o cal se mostrou agradecido pola iniciativa do Concello de dedicar un edificio á figura do seu pai.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que a Administración autonómica distribuirá 7,3 millóns de euros entre os 24 GDR galegos para garantir a continuidade da súa actividade durante os anos 2021 e 2022. Con esta medida, dixo, “trátase de seguir implicando aos axentes locais de cada territorio no impulso de novos proxectos que contribúan a acadar un maior grao de desenvolvemento do medio rural”.

O rexedor Jose Ángel Santos sinala “ a partir de agora con máis forza seguiremos incrementando e poñendo a disposición da nosa veciñanza proxectos de índole económica, social, formativa e todos aqueles que poidan axudar ao noso tecido produtivo. Poremos á súa disposición locais de reunión, e coidaremos a economía social como motor da fixación da poboación no noso municipio, a aposta polo rural en Friol xa é unha realidade, non unha necesidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información