Agricultura

Murias Maseda, unha das maiores produtoras de faba de Galicia

En plena campaña de recollida, visitamos esta explotación situada no concello de Mondoñedo que debulla á man 20 toneladas de faba da IXP Faba de Lourenzá con destino ao mercado asturiano

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 10/10/2018 4:47 p.m.

Rocío Maseda comezou hai tres anos botando 5 hectáreas de fabas na parroquia de Vilamor, pertencente ao concello de Mondoñedo pero limítrofe con Lourenzá. Nesta campaña xunto ao seu home, Carlos Murias, teñen plantadas 12 hectáreas e son xa os máximos produtores de faba fresca de Galicia.

"Optamos pola faba fresca porque pensamos que é o futuro da comarca. Supón máis gasto que apañala seca, porque require máis man de obra para a recollida e a apertura da baina, que ten que facerse á man, pero é máis rendible que a seca porque pesa o dobre", consideran.

A explotación de Carlos e Rocío está a supoñer un pequeno revulsivo económico para a parroquia de Vilamor. A metade das fincas que cultivan son alugadas a outros veciños, aos que lles están pagando 500 euros por hectárea. Ademais, neste momento, en plena campaña, dan traballo a unhas 30 persoas, que traballan por peonadas en varias cuadrillas apañando e debullando as fabas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unha empresa asturiana págalles entre 5 e 6 euros o quilo de faba fresca e véndeas entre 10 e 11

"A faba fresca hai que sacala toda en dous meses, comezamos a mediados de setembro e rematamos en novembro", explica Carlos. Unha vez apañados os bagullos cando estes comezan a amarelear pero cando dentro a faba aínda está verde, ábrense un a un para sacar as fabas, que se pesan e embolsan. Pasan entrón a unha cámara de frío onde se conservan a 4 grados de temperatura. "Cada tres días veñen buscar as que tempos recollidas e lévanas para conxelalas", conta.

O principal cliente de Murias Maseda é unha empresa asturiana, que llela paga entre 5 e 6 euros o quilo. Pero esa mesma faba unha vez conxelada duplica o seu prezo. "Os comercializadores véndena a entre 10 e 11 euros o quilo, o beneficio queda todo neles e iso non pode ser", considera Carlos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Queren empezar a conxelar e comercializar directamente as fabas que producen para non depender de intermediarios

Por iso Carlos e Rocío queren empezar a conxelar e comercializar eles directamente as súas fabas, "para non estar baixo o xugo dos intermediarios". "Queremos empezar a facer venda directa o ano que vén e temos en proxecto a tres anos vista contar cunha nave no polígono para preparado e conxelado de toda a nosa produción e tamén para a recollida e procesado de fabas doutros produtores da zona", avanzan.

"Na Mariña temos calidade, pero en Asturias teñen imaxe e marca"

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Aínda que pouco a pouco a faba que se produce na Mariña, baixo a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, vai abrindo cada vez máis portas, a faba asturiana seque copando o mercado. "A faba que se produce na Mariña é de tanta calidade ou máis que a asturiana pero o nome téñeno eles e non somos capaces de competir de momento en imaxe de marca, coñecimento e introdución no mercado", recoñece Carlos.

Ademais de faba fresca, o seu forte, cunha produción dunhas 20 toneladas anuais, Murias Maseda produce tamén outras 7 toneladas de faba branca seca e 3 de faba verdina. Teñen para iso un secadeiro de 1.000 metros cadrados. "Só o secadeiro custounos 30.000 euros e en estacas de madeira tamén temos moito diñeiro metido", conta Carlos, que estima en 80.000 euros o investimento feito nestes tres anos. "Eu son unha persoa moi dicidida", recoñece.

Finca de 2 hectáreas con regadío

Os nomes dos seus tres fillos, Diana, Víctor e Alba, identifican as distintas fincas que traballan Carlos e Rocío. Teñen todas máis dunha hectárea de superficie. "Senón é imposible traballalas de xeito eficiente", aseguran. Unha delas, de dúas hectáreas e situada na veciña parroquia de Masma conta con regadío. É outra das innovacións que introduciron nestes tres anos. "É unha finca máis seca que as que temos en Vilamor, que son máis húmidas e adáptanse moi ben para plantar fabas, e optamos por instalarlle regadío porque senón venche un ano seco e se non regas perdes todo", conta Carlos.

Dispoñen de dous tractores de dunha máquina hidráulica para facer a plantación, pero a recollida é toda manual, igual que o desbagullado. "De momento non se inventou máquina algunha para iso", asegura Rocío.

A faba é un cultivo moi estacional (de primavera a outono), polo que Murias Maseda conta tamén para complementar a súa actividade con 2.500 metros cadrados de invernadoiros, onde poñen tomate ou xudía, e plantan tamén ao aire libre repolo e grelo en inverno e leituga no verán.

Esta explotación de Vilamor é un exemplo máis do rexurdir do sector da horta en Mondoñedo nos últimos tempos, apoiado desde o Concello mindoniense con iniciativas como a recente creación dunha marca de calidade. Hai tres anos que Rocio e Carlos comezaron a plantar fabas, pero no cultivo de horta Carlos contaba xa cunha bagaxe familiar importante. Os seus pais, Jaime e Manoli, levaban 25 anos plantando hortalizas e vendéndoas nos mercados da zona. Son fixos aínda todas as semanas en Vilalba, Castro ou Meira.

[caption id="attachment_75125" align="aligncenter" width="660"] Unha das fincas que Murias Maseda cultiva en Vilamor[/caption]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada