Lanzamento de adoquín, salto á comba ou cucaña nas I Olimpiadas Rurais de Galicia

Friol acollerá o encontro en xuño, coa organización do colectivo deportivo Hércules e con apoio da Xunta e do Concello

Lanzamento de adoquín, salto á comba ou cucaña nas I Olimpiadas Rurais de Galicia

Presentación do evento hoxe en Friol.

O concello lucense de Friol acollerá as “I Olimpíadas Rurais de Galicia” co obxectivo de amosar as habilidades de veciños e traballadores do campo. Haberá competicións en diversas disciplinas ligadas ao mundo rural e aos seus traballos e actividades. Todo isto co obxectivo de amosar as diversas capacidades das persoas que desenvolven a súa vida profesional no sector agrogandeiro galego.

O evento contou na súa presentación cun numeroso respaldo institucional, co conselleiro do Medio Rural, José González, á cabeza, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, e polo presidente do colectivo deportivo Hércules, Enrique Thor López

Na súa intervención, celebrada no salón de actos do centro sociocultural de Friol, José González amosou o seu apoio ao proxecto, que está organizado polo colectivo deportivo Hércules e que contará co patrocinio do Goberno autonómico. Así, puxo de relevo a confluencia de compoñentes lúdicos, turísticos e deportivos, que fan unha aposta polo medio rural e agardou “que esta sexa a primeira de moitas e que teña continuidade”.

Así mesmo, González destacou que se trata dun evento que representa o respecto pola tradición, rescatando e poñendo de manifesto probas tan senlleiras como os zancos, as carreiras de sacos, a carretilla…, indicou o conselleiro. En definitiva, “xogos aos que moitos dos que estamos hoxe aquí, eu incluído, xogamos e que son parte fundamental da infancia dos nenos galegos que fomos algún día”, afirmou sobre unha cita que supón, resumiu, “un merecido acto de agradecemento a todo aquilo que nos ten dado vivir e crecer nese rural”.

Esta iniciativa nace da inquedanza do colectivo Hércules, unha asociación deportiva sen ánimo de lucro que ten como obxectivo primordial o fomento e a participación en prácticas deportivas. O colectivo, explicaron nesta presentación, tomou como referencia as únicas olimpíadas rurais que hai en España, as do pobo de Los Pedroches, en Córdoba, que levan celebrándose dende hai 14 anos.

Programación das “Olimpíadas Rurais de Galicia”

A primeira edición das “Olimpíadas Rurais de Galicia” celebrarase en diferentes puntos do concello de Friol o 28, 29 e 30 de xuño de 2024 e contará, en principio, cun máximo de 24 equipos, aínda que, explican dende a organización, prevese ir aumentando esta cifra cada ano ata chegar a un máximo de 48.

En canto ás probas, os participantes terán que competir en distintas disciplinas: dende lanzamento de ‘adoquín’, carreira de sacos ou escalada da cucaña, ata xogos tan tradicionais como a carretilla, a cadeira da raíña ou o salto á comba, entre outros. Ademais de xogos tradicionais e deporte, a programación desta cita tamén abranguerá gastronomía ou concertos.

friol olimpiadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información