José Balseiros seguirá sendo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

José Balseiros seguirá sendo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

José Balseiros nunha comparecencia no Parlamento de Galicia. Foto: Arquivo

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de José Balseiros como novo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. Deste departamento sepárase a nova Dirección Xeral da PAC e do Control da cadea alimentaria. 

Nado en Cerdedo (Pontevedra) en 1961, José Balseiros xa desempeñara este cargo dende outubro de 2018 ata o seu cesamento en xaneiro deste ano por concorrer nas listas do Partido Popular ás eleccións autonómicas.

Diplomado en Lingua Administrativa e Xurídica Galega e técnico informático na especialidade de aplicacións para a Administración Local. A súa experiencia profesional e carreira política estivo sempre moi vinculada ao ámbito municipal, tanto en calidade de empregado público na Delegación Provincial de Estatística en Pontevedra como, posteriormente, no Concello de Cerdedo.

Neste municipio pontevedrés exerceu primeiro de tenente de alcalde e logo de rexedor, entre xaneiro de 2005 e outubro de 2016. Posteriormente desempeñou a vicepresidencia do concello de Cerdedo-Cotobade. Foi tamén deputado provincial por Pontevedra na lexislatura 2007-2011 e vicepresidente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, dende xuño de 2006 ata novembro de 2017.

Xa como deputado no Parlamento galego, onde accedeu en novembro de 2016, estivo como vogal en diferentes comisións, entre elas a de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, sendo tamén membro da Deputación Permanente da Cámara

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información