Inés Santé, nova directora xeral de Desenvolvemento Rural

Outro nomeamento é o de José Luis Cabarcos como director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), en sustitución de Manuel Rodríguez

Inés Santé, nova directora xeral de Desenvolvemento Rural

Inés Santé na súa etapa en Medio Ambiente. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural prosegue coa reorganización do seu cadro de cargos intermedios. Tras revalidar a José Balseiros á fronte da Dirección Xeral de Agricultura, Gandería e Industrias Agroalimentarias, hoxe aprobouse no Consello da Xunta o nomeamento de Inés Santé como nova directora xeral de Desenvolvemento Rural, cargo no que sucede a Miguel Ángel Pérez Dubois. Santé será tamén directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Nacida en Ferrol (A Coruña) en 1976, Inés Santé era, ata agora, profesora titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, onde impartía materias sobre ordenación do territorio, administración, valoración e instrumentos de xestión de terras, en titulacións como Enxeñaría técnica agrícola e de montes, entre outras.

Ademais, Inés Santé conta con experiencia na administración pública galega xa que foi directora do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia entre xuño de 2015 e novembro de 2018.

Cambios no Agacal
O Consello da Xunta aprobou tamén na súa reunión de hoxe o nomeamento de José Luis Cabarcos Corral como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en substitución de Manuel Rodríguez. Nado na Coruña, era ata o de agora director de Galicia da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). José Luis Cabarcos é Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais na súa rama das finanzas e é especializado en enxeñería de procesos, desenvolvemento de negocios e equipos e desenvolvemento de proxectos, entre outros. Conta cun Master in Business Administration pola Escola de Negocios Caixanova.

Foi director de operacións e de área de negocio no Grupo Aluman desde 2005 a 2011 e foi director xeral en CEO Solutions desde 2014 a 2018. Tamén desenvolveu a súa actividade na organización de proxectos no concello de Arteixo entre os anos 2002 e 2004. Ademais, no ámbito da docencia foi profesor de postgrao e de diversos seminarios na Universidade da Coruña entre os anos 2012 e o 2014.

Tamén exerceu como director Executive MBA da Escola de Negocios de Afundación e foi docente titular na dirección de operacións, proxectos e simulación empresarial desde o ano 2015 ao 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información