As granxas de vacún de carne séntense prexudicadas pola xestión da PAC

A Asociación Gandeiros Galegos de Suprema entrégalle un escrito á Xunta no que solicita unha reformulación dos apoios. Asegura que poderían perder o 23% dos importes que viñan recibindo ata o de agora, o que supón “un golpe definitivo ao sector en Galicia”

Ternera Gallega Suprema Rubia Galega

A Asociación Gandeiros Galegos de Suprema, que representa a produtores de carne inscritos na IXP Ternera Gallega Suprema, consideran que os criterios de reparto da nova PAC 2023-2027 son “destrutivos” para as explotacións de vacún dedicadas á produción de carne de calidade.

Nun escrito rexistrado este martes ante a Xunta, a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema mostra a súa “desconformidade” coas modificacións realizadas pola Consellería do Medio Rural, á que pide que adopte as medidas necesarias “para paliar os efectos nocivos para o sector”. Asimesmo cuestionan a distribución das axudas asociadas marcada polo Ministerio de Agricultura.

O presidente da Asociación, Santiago Rego, considera que co réxime de axudas que se aplicará a partir do vindeiro 1 de xaneiro “unha explotación de vacún de carne ubicada en Galicia podería chegar a perder ata o 23% do importe económico que viña percibindo ata este momento”. Unha situación, di, que agravaría aínda máis o contexto actual de “venda a perdas”.

“A nova PAC pode supoñer o golpe definitivo ao sector de vacún de carne en Galicia e provocar o peche definitivo de centos de explotacións ás que lles será imposible subsistir nun contexto continuista de venda a perdas e de redución de axudas PAC”, asegura.

De non producírense modificacións nas axudas deseñadas, é imposible que as explotacións cheguen vivas ao final do próximo período PAC; supoñerá a sentenza de morte e o completo desmantelamento do sector en Galicia

Os cambios “máis prexudiciais” para as explotacións de vacún de carne na nova PAC, segundo a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, son a retirada do pago por zona con limitacións naturais en áreas non consideradas de montaña, a conxelación das axudas asociadas por vaca nodriza, a falta de criterios de priorización das explotacións de vacún de carne no acceso aos fondos para agricultura ecolóxica -no 2022- e a limitación das axudas por ataques do lobo a determinados concellos.

Por iso, os produtores de Suprema consideran o novo período da PAC “claramente lesivo para todas as explotacións de orientación cárnica de Galicia” e advirten que “de non producirse modificacións nas axudas expostas suporá a sentenza de morte e o completo desmantelamento do sector en Galicia, sendo totalmente imposible que a maior parte das explotacións cheguen en funcionamento ao final do período PAC que agora se inicia”, aseguran.

Eliminación das axudas ZLN fóra das zonas de montaña

“Esta decisión supón condenar ao peche a un número considerable de explotacións. A retirada desta axuda é máis gravosa se cabe debido a que quen a percibe son na súa totalidade explotacións cuxos titulares son profesionais, que cotizan polo réxime da Seguridade Social no réxime especial agrario e que subsisten exclusivamente da actividade agraria e gandeira. É dicir, está a castigarse e penalizando aos titulares de explotacións que se dedican unicamente a esta actividade e que non teñen ningún ingreso doutra clase”, argumentan os produtores de Suprema.

Por iso, “as explotacións de vacún de carne que non se atopen en zona de montaña sufrirán unha perda moi importante coa supresión desta axuda, que non se verá compensada de ningunha maneira, ao contrario do que sucede no vacún de leite co incremento dun 30% na liña asociada ao pago por vaca de leite”, afirma Santiago Rego.

“Discriminación inxustificada” fronte aos produtores de leite no pago asociado

No escrito presentado ante a Xunta, a asociación que reúne aos gandeiros de Suprema denuncian “discriminacións inxustificadas” fronte aos produtores de leite no pago das axudas asociadas á produción, que nesta liña concreta, correspóndese cunha decisión do Ministerio de Agricultura.

“Na anterior reforma da PAC do ano 2015 o sector de vacún de carne saíu moi prexudicado e claramente discriminado respecto do vacún de leite. Así, a contía que se percibía no actual período por vaca nutriz presente nunha explotación era un 40% inferior ao que percibía unha explotación por unha vaca con orientación leiteira. Pero no novo período PAC esta diferenza agrándase aínda máis de forma totalmente incomprensible”, aseguran.

A axuda asociada por vaca leiteira increméntase un 30% mentres o pago asociado por vaca nodriza conxélase

“O orzamento para o pago por animal de orientación leiteira presente nunha explotación increméntase un 30%, o que vai provocar que a prima por cada un destes animais se dispare ata os 157,96€ en zona non de montaña e ata os 181,66€ en animais presentes en zona de montaña. Pola contra, a axuda por vaca nodriza mantense exactamente igual que en período PAC anterior (90,25€/vaca nutriz), sen nin sequera actualizarse o incremento do IPC que se produciu desde o ano 2015, o que a efectos prácticos supón unha nova perda de poder adquisitivo dos produtores de vacún de carne fronte aos produtores de vacún de leite”, indica Santiago Rego.

“Resúltanos moi difícil de entender e completamente inexplicable que ao sector de vacún de leite, que xa partía cunha axuda por animal moi superior ao que tiña o de vacún de carne, se lle incrementase aínda máis esta axuda por animal, disparándose a diferenza entre o que unha explotación gandeira percibe por un animal con orientación leiteira e un con orientación cárnica, ata chegar a ser practicamente o dobre. É dicir, cobrará o mesmo un produtor de leite por 1 animal que un produtor de carne por 2 vacas nutrices”, compara.

Cobrará o mesmo un produtor de leite por unha das súas vacas que un de carne por dúas

Para paliar esta “discriminación”, piden que a Xunta habilite unha liña específica de axudas aos produtores de Ternera Gallega Suprema. “Esta axuda cobraríase por animal e debería contar cun importe que permita polo menos manter a diferenza no pago de axudas asociadas a produción que existía ata este momento entre animal de orientación cárnica e animal de orientación láctea, é dicir, que esa diferenza se manteña no 40% actual, pero que non se dispare ata case un 100%”, propoñen.

Para iso, o importe de axuda debería situarse en 37 €/vaca reprodutora, calculan. “Esta axuda específica para produtores de tenreira galega Suprema serviría tamén para compensar a perda económica que suporá para moitos produtores de vacún de carne a desaparición da axuda por zona de limitacións naturais en zonas distintas ás de montaña”, xustifica Santiago Rego.

“As explotacións de carne debemos ter preferencia nos fondos para gandería ecolóxica e compensación dos ataques do lobo”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas en Mazoi (Lugo)

Desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema defenden que a Xunta fixe un criterio de priorización que dea preferencia dos produtores de carne fronte aos produtores de leite á hora de acceder ás axudas agroambientais de gandería ecolóxica, fomento de pastos e compensación por ataques do lobo.

“Son todas elas axudas claramente asociadas a unha actividade de completa extensificación, que os produtores de orientación cárnica realizamos de forma considerablemente máis intensa que os produtores de orientación láctea”, xustifican.

Os produtores de Suprema critican ademais o mapa publicado pola Consellería no que se inclúen os concellos nos que se poderá cobrar a nova axuda por ataques do lobo, que non cubrirá a totalidade do territorio da comunidade.

Orzamento insuficiente para gandería ecolóxica

As explotacións de vacún de carne galegas destacan polo seu carácter extensivo, con prácticas de pastoreo sostibles e compatibles co medio ambiente e as vacas de carne actúan como “desbrozadoras naturais”, argumenta Santiago Rego, axudando deste xeito a conservar a paisaxe tradicional en Galicia e contribuíndo a evitar o abandono e a posterior propagación de incendios forestais.

Propóñense unhas axudas agroambientais de gandería ecolóxica e fomento de pastos cunhas contías orzamentarias claramente insuficientes

Por iso, di, a falta dun volume orzamentario suficiente para as novas axudas agroambientais de gandería ecolóxica e fomento de pastos e a ausencia dun mecanismo de discriminación positiva das ganderías de vacún de carne fronte ás de vacún de leite, “moi beneficiadas no resto de axúdalas PAC e cun volume de días de pastoreo moi inferior na maioría dos casos”, vai provocar, aseguran, “que moitas explotacións extensivas de vacún de carne non vaian poder percibir estas axudas”.

En moitas ganderías de leite as vacas non pastorean, só pasean

“Non se dá ningún tipo de preferencia ás explotacións de vacún de carne, que realizan un pastoreo en extensivo durante 24 horas ao día os 365 do ano, fronte ás explotacións de vacún de leite, ás que se lles leva permitindo desde hai moitos anos cobrar unhas axudas por pastoreo cando na maior parte das ganderías de orientación láctea que as perciben os animais non pastorean, unicamente pasean. É dicir, saen ao exterior pero non comen, debido a que no interior do establo dánselles racións moi elevadas en base a penso e carro mesturador para incrementar os volumes de produción de leite”, razoa Santiago Rego.

Ampliación das zonas con dereito a axudas por ataques do lobo

Desde a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema piden ademais estender os concellos susceptibles de cobrar a nova axuda proposta para loitar contra os ataques do lobo a todos aqueles municipios nos que se comunicou algún ataque de lobo a algún animal nos últimos 5 anos.

“Se houbo ataques, sexan en maior ou menor número, é síntoma da existencia de mandas de lobo nestes concellos, polo que os gandeiros neles afincados deberían poder cobrar esta axuda”, razoan.

A limitación das axudas por ataque de lobos a determinados concellos resulta incomprensible cando non hai barreiras físicas entre os municipios que impidan a estes animais moverse e atacar en calquera punto da xeografía

E, do mesmo xeito que no caso das axudas para gandería ecolóxica, piden que o vacún de carne teña prioridade no cobro. “Por simple estatística e tamén por datos que a propia Administración posúe, sábese que máis do 80% dos ataques de lobo producidos a gando bovino prodúcense sobre gando bovino de carne, explicable polo feito de que o gando bovino de carne atópase en extensivo as 24 horas do día durante os 365 días do ano e pastoreando zonas moito máis afastadas das casas, ao contrario do que sucede coas vacas de orientación láctea, que dormen normalmente todos os días no establo”, argumentan.

Por iso, consideran que pode darse a circunstancia de que explotacións cárnicas, “vítimas de máis do 80% dos ataques do lobo”, queden sen cobrar esta axuda e, sen embargo, sexa percibida por explotacións de vacún de leite, “con incidencias de ataques de lobo mínimas e na súa maior parte inexistentes”.

“Para finalizar o absurdo e a mala formulación desta axuda, óptase por excluír da mesma aos produtores de carne que están en ecolóxico, coma se por iso non fosen obxecto de ataques de lobo, nunha decisión que carece de lóxica algunha”, engaden.

Incremento da burocracia

Finalmente, os produtores de carne critican o “incremento exponencial da burocracia” que, na súa opinión, darase no novo período PAC. “Este incremento recae no gandeiro, esixíndolle unhas competencias dixitais inalcanzables para a maior parte dos produtores”, argumenta Santiago Rego.

Polo que no escrito presentado ante a Consellería pide habilitar unha liña de axudas anual para subvencionar un servizo de asesoramento aos produtores de vacún de carne. “A complexidade na tramitación das axudas e os requisitos de control son cada vez maiores”, argumentan, debido á introdución de figuras como os eco-reximes, que incrementan as esixencias a cumprir, volvéndose estas moito máis complexas”, consideran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información