Noticias de empresa

Granxa Experimental de Leite da Deputación de Lugo: Un motor para a innovación no sector lácteo

20/10/2022 10:13 p.m.

A Deputación de Lugo puxo en marcha hai preto de dous anos a Granxa Experimental de Leite na finca Gayoso Gastro, en Castro de Rei. Trátase dun centro de referencia que impulsa o sector primario como motor económico da provincia de Lugo e de Galicia a través do apoio á actividade gandeira, a formación, a innovación e a investigación.

A Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castro, creada pola institución en colaboración co Campus Terra da USC, é o primeiro centro público experimental de Galicia que une formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo. Ten como obxectivo poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural.

A Granxa Experimental de Leite cubre unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que supón un engadido de calidade na formación do alumnado porque fan prácticas nun laboratorio vivo. Neste curso formaranse 500 alumnos e alumnas do Grao de Veterinaria.

Na actualidade, o centro experimental conta con 44 vacas en lactación cunha produción media de 40 litros por animal e máis de 1.700 litros ao día- 

Un investimento de 1,2 millóns de euros por parte da Deputación de Lugo

[caption id="attachment_183587" align="aligncenter" width="660"] Visita instituional ás instalacións[/caption]

A institución provincial destinou 1,2 millóns de euros para a construción desta dotación, unha cantidade que representa o 90% do investimento total necesario. O Campus Terra da USC achegou o 10% restante, e a institución provincial asume ademais o 100% dos gastos de funcionamento.

As instalacións están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón.

Dos 15.500 metros cadrados de superficie que ocupa a Granxa de Leite, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna do centro, investindo preto de 140.000 euros, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura. Instalouse unha sala de muxido que ten capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite.

A Granxa Gayoso Castro é un dos piares máis importantes do apoio que está a desenvolver a Deputación de Lugo ao sector primario da provincia, tanto á actividade agrogandeira e forestal como do mar, un compromiso que tamén se materializa noutras accións innovadoras e pegadas á realidade que a institución provincial impulsa en colaboración co tecido produtivo e coa Universidade para xerar actividade económica e emprego sostible no rural.

[caption id="attachment_183578" align="aligncenter" width="660"] O estudantado do Campus Terra da USC realiza prácticas na Granxa Experimental[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada