Viña

“A fortaleza dos viños de Galicia é a súa variedade, pero pode haber un problema cos altos prezos da uva”

Entrevista a Tim Atkin, galardoado escritor de viños e Master of Wine procedente de Reino Unido, que recentemente visitou a Denominación de Orixe Rías Baixas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
D.G. /I.S. 04/10/2023 10:40 a.m.

Tim Atkin, o galardoado escritor de viños e Master of Wine procedente de Reino Unido, dedicou recentemente unha semana a profundar os seus coñecementos nos viños, as adegas e a viticultura do D.O. Rías Baixas.

Atkin escribe para varias publicacións, incluíndo Harpers, Decanter, The World of Fine Wine, Gourmet Traveller Wine e The Drinks Business e é un do Tres Homes do Viño. Tamén é copresidente do International Wine Challenge e gañou máis de 30 premios polo seu xornalismo e fotografía.

-Que che atraeu do mundo do viño e cando decidiches dedicarte a este sector, logrando ser un dos expertos máis recoñecidos a nivel mundial?
En realidade, é unha historia longa, pero a resposta real, a curta, é que quería ser xornalista e presenteime a unha empresa de revistas para ser xornalista.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Había unha vacante para traballar nunha revista de viños así que en realidade foi o azar, foi sorte que a revista na que me deron traballo en 1985, case hai 30 anos, fóra unha revista de viños! Podería ser unha revista de coches ou unha revista de música, ou peor, unha revista de dentistas que escribise sobre os dentes da xente e odontoloxía. Pero foi unha revista de viños que se chamaba “Wine and Spirit” (“Viño e Espírito”).

É moi amable pola vosa banda dicir que son un experto en viño a nivel global e supoño que é algo que dicides vós, non eu. Realmente foi un traxecto longo, xa que foron máis de 35 anos, que estiven escribindo sobre viño. Os aspectos que sempre me pareceron máis atractivos son o viaxar, o viño en si mesmo, a comida, a historia, a socioloxía e máis que nada a xente. Así que eses son os aspectos que me resultan máis atractivos do mundo de viño.

Espértome cada mañá e penso que teño moita sorte de dedicarme ao que me dedico. Estou a gravar esta entrevista xusto antes de coller un voo a Sudáfrica, volvendo de España onte, así que é moi bonito.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

-Recentemente estiveches na Denominación de Orixe Rías Baixas. Como valoras esta visita e que foi o que máis che sorprendeu?
Estiven recentemente nas Rias Baixas por segundo ano consecutivo, esta vez estiven alí durante oito días. Creo que cada vez que vas a unha rexión, especialmente se vas a viñedos e falas cos produtores en particular, aprendes máis. E adquires máis coñecemento sobre o sitio que visitas, e non digo que sexa un experto nas Rías Baixas, pero cada vez que vou paso tempo falando coa xente en español, sobre a súa historia, a súa cultura e sobre todo sobre os anos de colleita e os seus viños, e o que está a pasar no mercado, aprendes máis. Moitas cousas sorpréndenme en realidade, creo que empecei a entender as subrexións mellor, e dentro das subrexións as subrexións dentro das subrexións, por dicilo así, as mais pequenas, esmiuzándoas e entendéndoas.

“Dos viños da DO. Rías Baixas sorpréndeme a súa enorme variedade e os seus tintos”

Co Salnés por exemplo, como de diferentes son as diferentes partes dos viñedos da comarca, dependendo da altitude e a exposición pero tamén segundo a proximidade ao océano obviamente, segundo a proximidade ás rías. Esa é unha das cousas, a outra cousa que me sorprendeu moito de novo, foi a calidade do viño tinto, incluso sendo menos do 2% e 1,5% do que se produce nas Rías Baixas, hai variedades xeniais, particularmente “Espadeiro” pero tamén “Caíño Tinto” e outras, están a producir viños realmente bos e esa é unha das cousas positivas, unha das vantaxes, se se pode dicir así, unha das pequenas vantaxes do cambio climático.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Desta forma, estamos a vivir, que son estes anos de colleita temperáns, máis quentes, que fan posible madurar a uva tinta de maneira regular durante o ano nas Rías Baixas.

En xeral, vin a máis xente este ano, gocei moito de comparar as diferentes colleitas, especialmente 2021 e 2022, as cales son obviamente estilos moi diferentes de viño, estiven aprendendo máis, co cal foi unha visita estupenda. E por suposto o marisco, meu deus! Simplemente encantoume comer esa comida outra vez, esquecéraseme o incrible que é a comida, e pasei máis tempo comendo marisco nesta visita ca nunca. Tamén falei cun percebeiro, xa sabes, alguén que recolle, creo esa é a palabra correcta, percebes. Ese traballo tan perigoso de estar nunha rocha no océano, e ensinoume un vídeo del mesmo facéndoo e fíxome apreciar o marisco incluso máis.

 “Creo que os albariños que mellor compiten cos de Galicia son os de Uruguai”

-O albariño tamén se cultiva noutras partes do mundo como Australia. Que diferencia ao viño de uva albariña elaborado en Rías Baixas?
O Albariño, como dis, están a cultivalo tamén en diferentes partes do mundo, incluíndo Australia. Os lugares, na miña opinión, con máis potencial son Portugal, onde obviamente en parte unha uva portuguesa tamén, no Miño, no outro lado do río entre Portugal e o Vinho Verde. Creo que os albariños australianos están ben... pero considero que os mellores fóra de Galicia e do noroeste de España e Portugal, creo que veñen de Uruguai. Son viños que tamén en moitos casos cultívanse en terras de granito, terras graníticas e están máis preto do atlántico e creo que ao Albariño gústalle a proximidade atlántica, estar preto do océano.

Entón, creo que os únicos que poden facer fronte á calidade dos de Galicia e do norte de Portugal serían os Albariños de Uruguai, particularmente os dunha área que se chama Maldonado, unha das comarcas máis frías de Uruguai. De todas as maneiras, sigo crendo que as Rías Baixas producen a maioría dos mellores albariños no mundo e é tamén a rexión que está asociada de maneira máis rápida e máis común coa variedade da uva.

-Que valoración che merecen en xeral os viños galegos e cales consideras que son as súas fortalezas e os seus puntos febles para competir nun mercado global?
Creo que os seus fortes son que obviamente é un clima frío, que como dixen dalgunha maneira está a beneficiarse do cambio climático, ten unha variedade de uva única, ou case única na Albariño pero tamén ten moitas outras variedades estupendas, como treixadura, todos os Caiños que mencionei, caiño tinto, caiño branco, espadeiro.... Quero dicir, que Galicia ten moitas, moitas variedades xeniais, que son pouco usuais, e nalgúns casos únicas de Galicia. Creo que ese é un moi bo punto forte, creo que a demanda de Albariño no mercado é grande, é significante e está a crecer. A xente realmente entende e gústalle o Albariño. É un viño que esta adecuado aos consumidores modernos.

“A fortaleza dos viños galegos é a súa gran variedade pero pode haber un problema cos prezos altos da uva e se se planta demasiado”

A debilidade creo que é plantar demasiado, demasiado rápido. Penso que as áreas de viñedos expandíronse moi rápido, e nalgúns casos as áreas plantadas non están necesariamente nas mellores localizacións. Creo que as mellores localizacións tenden a ser ou en pendente ou preto do océano, e creo que é importante que a rexión non se desenvolva, non se expanda demasiado rápido. O outro problema, e non é realmente culpa de Galicia, ou culpa das Rías Baixas, é o prezo da uva, creo que porque a demanda é tan grande, significa que os produtores dominan a rexión, e a maioría das adegas non teñen viñedos extensos propios, entón quere dicir que os produtores poden pedir prezos altos para as uvas, e estas son das uvas máis caras de España, probablemente as máis caras de España. Moito, moito máis caras que as que foron cultivadas en sitios como a Rioxa, e Ribera del Duero. E deberían de ser DO´s comparables incluso aínda que estean, obviamente producindo viño tinto de maneira predominante. Así que opino que a preocupación máis grande de Galicia, ou das Rías Baixas é que podería ser un viño demasiado caro.

En resumo, a fortaleza dos viños galegos é a gran variedade, cunhas marabillosas DO´s , que son moi diferentes.

-O Reino Unido é un de principais destinos de exportación dos viños galegos, mesmo desde a Idade Media. Que destacarías da situación do mercado neste momento?
O mercado do Reino Unido é, en efecto, un mercado importante, especialmente para o Albariño, pero tamén para outros viños de Galicia, e foino desde hai moito tempo. No mercado británico agora mesmo eu creo que, como en moitos outros países, o consumo non está a aumentar, e penso que cos problemas que estivemos tendo coa economía e a inflación, a xente probablemente está a gastar menos en viño.

Galicia debe ter coidado de continuar sendo un lugar que produce viño de alta calidade, pero que non estea percibido como demasiado caro. Esa sería a miña preocupación no mercado do Reino Unido neste momento. Pero o Albariño en particular, e Galicia en menor medida, teñen unha gran reputación, e a xente está cada vez máis interesada nos estilos de viños que se producen alí.

- Cales son as tendencias en canto á demanda de viños?
Creo que depende do consumidor, e depende do mercado. Pero considero que, se xeneralizamos, e é unha gran xeneralización, creo que a xente está a buscar viños cun lugar de procedencia con identidade, que veñan dalgún sitio cunha identidade forte, creo que cousas como os viños orgánicos e biodinámicos están a volverse máis importantes, Posiblemente nunha categoría máis pequena os viños naturais e os viños laranxas. Pero creo que o que se demanda son os viños de máis baixo alcol, que acompañan mellor coa comida, que son frescos, viños que son un pracer para beber. E de novo, iso vai a favor das que creo son as fortalezas naturais de Galicia. Así que penso que son boas novas para Galicia.

-O mercado de viños tintos está a pasar por un mal momento, con arranque de viñas en Bordeus e vendimas en verde na Rioxa. Cal é a súa análise desta reestruturación?
Non creo que sexa necesariamente o viño tinto que está a ter dificultades, creo que son esas dúas rexións en particular, Rioxa e Bordeus, son percibidas como bastante tradicionais, posiblemente uns pouco pasados de moda en estilo, e son ambas as rexións bastante grandes que producen moito viño, de calidade bastante variable. E mentres os mellores viños véndense a prezos altos, e definitivamente teñen mercado, os viños de prezos máis baixos poida que teñan dificultades para atopar mercado. Particularmente despois do COVID houbo unha especie de colapso no mercado, especialmente para o Rioxa en España, quizais é un viño que a xente non bebe tanto como adoitaba.

Así que non creo que sexan realmente os tintos que estean a sufrir, creo que son os tintos de lugares específicos. Creo que dalgunha maneira é algo bo como a xente está a equilibrar a oferta e a demanda. Agora é responsabilidade dos Consellos Reguladores desas rexións o que decidan retirar, eu espero que simplemente preserven as mellores viñas vellas. O peor é que creo que se unha rexión retira as súas viñas máis vellas porque non producen cantidades tan grandes como as viñas mais novas ou a miúdo viñas máis novas con irrigación. Esa sería a miña preocupación.

“Non creo que haxa un problema de mercado cos tintos, senón con rexións vitícolas que son percibidas como anticuadas”

Non creo que sexan os tintos o que á xente non lle guste, como dixen, simplemente penso que certas rexións son percibidas como un pouco anticuadas.

-O cambio climático parece que está a favorecer a viticultura en latitudes máis ao norte, como en Inglaterra. Como evoluciona a produción de viño no teu país?
Está a axudar a Inglaterra? Si que o está facendo. Inglaterra é coñecida predominantemente polos viños espumosos, pero empezas a ver algúns viños brancos moi bos, pero mesmo viños tintos feitos de variedades xeniais como o Pinot Noir nun condado que se chama Essex, que está a ser cada vez máis coñecido como un bo lugar para producir Pinot Noir. Aínda así, a industria do viño de Reino Unido é bastante pequena, quero dicir, se a comparas con algo como Rioxa, verás que tes menos viñedos mesmo que en Galicia, ou que os da DO. Rías Baixas incluso.

“A superficie de viñedo en Inglaterra é pequena pero estamos a lograr brancos, e mesmo tintos, de moi boa calidade”

En todo caso, creo que a calidade é moi boa, e penso que a consistencia dunha colleita á seguinte, o cal é moito máis difícil de conseguir nun clima máis frio e húmido, creo que iso está a cambiar. Pero vale a pena lembrar que o cambio climático non é só que suban as temperaturas, tamén é variabilidade e o caos climático dalgunha maneira. Este ano tivemos un verán particularmente húmido en Inglaterra, en xullo e en agosto, e como sabemos non é o mellor para a uva, así que considero que é positivo en xeral para lugares como Galicia e tamén para Inglaterra, pero creo que, con certas excepcións, pois hai outras cousas que necesitamos ter en consideración.

-Por último, se che preguntase por un viño e por unha paisaxe vitícola inesquecible, con cales quedarías?
Creo que a resposta a iso é sempre, quen está a pagar? Se é outra persoa quen está a pagar o viño, probablemente hai máis posibilidades de que escolla algo máis caro, que eu non me podería permitir. O marabilloso do meu traballo é que non teño un estilo de viño favorito, ou un viño favorito ou mesmo unha rexión favorita, hai moitos lugares que me gustan, pero os lugares sobre os que escribo tenden a ser os lugares que máis gozo visitando. E son obviamente España, encántame España, profundamente. Sudamérica, especialmente Arxentina, Chile, Uruguai, vou a Bolivia este ano por primeira vez, e Sudáfrica. E eses son os lugares que eu tendo a visitar de maneira máis regular. E Francia, Borgoña, é probablemente o meu lugar favorito, pero tamén me gusta moito o viño do Val do Ródano. Son un gran bebedor de viño italiano especialmente, os viños de Barolo e gústanme moito os Riesling alemáns. Así que eses son os meus estilos de viño favoritos. Outro que mencionaría agora mesmo sería o viño tinto da illa grega de Santorini.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada