Formación en Lalín sobre as Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible

Acción contra el Hambre organiza unha xornada o xoves 21 de marzo para presentar o proxecto das Comunidades no Espazo Xove

Formación en Lalín sobre as Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible

O organismo Acción contra el Hambre organiza unha xornada de presentación do proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible. O evento terá lugar o xoves 21 de marzo de 11:30 a 14:00 horas no Espazo Xove de Lalín (Pontevedra).

Contará cunha mesa redonda na que participan Olga Rivas, da Fundación Roberto Rivas e Polo de Emprendemento de Silleda, e Chus García Diéguez, xerente da Asociación de Empresarios do Deza.

Acto seguido, daranse a coñecer diferentes proxectos de boas prácticas. Primeiro, narrarase a experiencia da Comunidade Enerxética de Tameiga (Mos), dirixida por unha Comunidade de Montes. Logo presentarase Coliving Anceu (Pontecaldelas), na que se falará sobre o impacto que está tendo dito proxecto no territorio. Posteriormente será a quenda de Naturoteca (Baixo Miño), un proxecto de emprendemento que busca axudar aos cativos a volver a conectar co entorno natural no que habitan. Finalmente, Daniel Liñares será o encargado de presentar a Feira da Alvariza, Mel de Lalín, e falará sobre como se pode levar a cabo un evento deste tipo e que impacto ten no rural.

Fases de creación das CAPE
As Comunidades serven para xerar ou potenciar espazos de cooperación e colaboración social, ademais de fomentar a participación activa da poboación no desenvolvemento social e económico do territorio. Tamén permiten formar, asesorar e apoiar no emprendemento social e cooperativo. Por último, fomentan a inserción laboral por conta propia e allea en poboacións de zonas rurais.

Nunha primeira fase, para crear as Comunidades de Emprego, hai que identificar as necesidades sociais e formativas, así como as oportunidades de mercado e sectores máis dinámicos de cada rexión. Nun segundo paso, débense realizar entrevistas personalizadas cos participantes para coñecer os seus intereses, habilidades e aspiracións, para posteriormente realizar plans de inserción. Nunha terceira fase, brindarase a formación e o acompañamento para o desenvolvemento das iniciativas emprendedoras e a busca de emprego. Tamén se potenciarán as habilidades laborais e técnicas dos participantes para mellorar as súas oportunidades de emprego e emprendemento.
CAPE Deza
Estes programas diríxense, principalmente, para persoas con discapacidade ou dependencia, e tamén aquelas que teñen algún tipo de adicción. Mulleres en situación de risco de pobreza ou exclusión social. Tamén para aquelas en risco de exclusión social que viven no entorno rural. Finalmente, para persoas desempregadas incluídas aquelas paradas de longa duración e sen formación e con maiores dificultades para a inserción laboral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información