A Fonsagrada acolle este venres ‘A Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’

A xornada é gratuíta e está aberta a todas as persoas que estean interesadas en participar

A Casa do Concello da Fonsagrada acollerá este venres 26 de abril unha serie de faladoiros, presentacións e actividades que conformarán a ‘Xornada de Promoción do Emprego para Repoboar o Rural’. Esta actividade está organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), dentro do marco do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente financiado pola Dirección General de Políticas Contra la Despoblación pertencente ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico do Gobierno de España.

A xornada contará cun abundante programa matutino e pecharase cunha comida e xa pola tarde coa visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia, en Negueira de Muñiz. A xornada, totalmente gratuíta para os que se animen a participar, abrirase ás 10 da mañá na Casa do Concello da Fonsagrada coa benvida e inauguración a cargo de Carlos López, presidente do GDR Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada; Roberto Fernández, vogal da Comisión Executiva da Fegamp e alcalde de Ribeira de Piquín; e Pedro Blanco, delegado do Gobierno en Galicia.

Un cuarto de hora máis tarde, ás 10.15 horas, celebrarase o primeiro faladoiro, que estará centrada nas ‘Oportunidades de traballo no sector primario e agroalimentario’. Nela participarán representantes dos Obradoiros Compartidos de Brión, Adegueiros do Navia e da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia, así como membros do Sindicato Labrego Galego, que falarán sobre distintos proxectos agroecolóxicos.

O segundo faladoiro será a partir das 11 horas e xirará en torno ás ‘Oportunidades de traballo impulsadas desde o sector asociativo e público’. Coa moderación de Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP, contarán a súa experiencia impulsando unha cooperativa de coidados persoais a domicilio representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur); a Fundación TerrEo explicará como se poden aproveitar os recursos produtivos desde o sector público; e Sofía Sanesteban e María José Coira darán a coñecer a experiencia da rede de coworkings da Deputación da Coruña.

A terceira e última mesa redonda dará comezo ás 11.45 horas e terá como temática as ‘Oportunidades en servizos sociais innovadores’. Abordarase o Zwit Project de videoasistencia e presentarase a proba piloto do programa de videoasistencia que se está realizando xunto cos Servizos Sociais de A Fonsagrada no marco tamén do proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente.

Aldeas Vivas
Tralas mesas redondas levaranse a cabo tres presentacións. A primeira, prevista para as 12.45 horas, será a do programa de mobilización de vivendas para aluguer (VI426E) da Xunta de Galicia, que conducirá Marco Antonio Fernández Piñeiro, xefe provincial en Lugo do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia; a segunda, a partir das 13.15 horas, será a do programa de apoio aos alugueres da Deputación de Lugo, unha presentación que levará a cabo Pablo Rivera, deputado de Promoción Económica e Social na Deputación de Lugo; e a terceira, desde as 13.45 horas, servirá para coñecer a ferramenta Aldeas Vivas que impulsan a FEGAMP e o GDR Montes e Vales Orientais, que é outra das liñas de traballo deste proxecto.

Ás 14.15 horas será a clausura institucional da xornada, aínda que despois haberá tempo, a partir das 14.30 horas, para unha comida networking con produtos de quilómetro cero da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) e posteriormente, a iso das 15.30 horas, aqueles participantes que o desexen poderán asistir en Ernes, en Negueira de Muñiz, a unha visita ao proxecto agroecolóxico da Cooperativa Ribeira do Navia e un achegamento á historia da Comuna que se asentou naquela zona.

Inscrición aberta e totalmente gratuíta
O prazo para anotarse nesta xornada permanecerá aberto ata este mércores día 24 ou ata que se complete o aforo da Casa do Concello da Fonsagrada. Todas as actividades da xornada, incluso a comida e a visita, serán gratuítas para todas aquelas persoas interesadas en participar. É preciso anotarse para a comida e para a visita a Ernes, xa que o transporte desde A Fonsagrada está incluído. A inscrición pode realizarse a través da páxina www.montesevalesorientais.gal.

“Animamos á xente a que se inscriba porque de momento hai prazas, pero quen estea interesado que non tarde demasiado en facelo porque hai bastante demanda tanto para as mesas redondas, como para a comida networking e a visita a Negueira de Muñiz”, explicou a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fe Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información