O proxecto APIXEN, enfocado en promover a innovación e sustentabilidade na apicultura, chega á súa finalización tras 3 anos de intenso traballo colaborativo. O proxecto foi executado por ASEFOGA co apoio da Universidade de Vigo e a Asociación Agrogandeira Apícola e Forestal de Bande, no marco da convocatoria 2021 das axudas cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) – Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Os principais obxectivos foron innovar a nivel de tecnoloxías no traballo nas colmeas, a implementación de prácticas respectuosas co medio ambiente e a divulgación de coñecementos a través de talleres formativos. O proxecto contou coa participación activa da Asociación Apícola de Bande e da Universidade de Vigo.
Así, realizáronse técnicas de cría e selección de raíñas autóctonas, contribuíndo á preservación da diversidade xenética das abellas para adaptarse ás condicións locais. Os resultados servirán como referente para futuros proxectos e espérase que contribúan ao desenvolvemento e crecemento do sector a nivel rexional e nacional.