Fin de semana para saborear o Caldo de Ósos en Taboada

A cita gastronómica complétase cun completo programa de actividades que inclúe escultura en madeira, ruta cabalar, exposición de coches clásicos e actuacións de distintos estilos musicais

Acto de presentación do programa da Festa do Caldo de Ósos 2023

Acto de presentación do programa da Festa do Caldo de Ósos 2023

No Concello de Taboada a matanza ten un prato típico, o Caldo de Ósos. A súa festa, que se celebra esta fin de semana, é, sen dúbida, unha das citas fundamentais do inverno galego. O alcalde da localidade, Ramiro Moure, celebrou durante a presentación do programa deste ano que Taboada poida recuperar por fin a Festa sen ninguna limitación, como a que o ano pasado obrigou a aprazar a cita ao mes de abril por mor da pandemia. 

A Festa do Caldo de Ósos, organizada polo Concello en colaboración cos hostaleiros locais e outras asociacións do municipio, leva 31 anos celebrándose como xeito de exhaltar esta receita tradicional deste concello da comarca de Chantada.

A festa comezou a celebrarse en 1985 para exhaltar esta receita tradicional do municipio vinculada á matanza do porco

O día grande será o domingo coa degustación do caldo de ósos e un completo programa durante todo o día con ruta cabalar, exposición de coches clásicos, demostración de escultura en madeira, venta de produtos do campo e derivados do porco, actuacións musicais e verbena, pero como preliminar o sábado pola tardiña haberá tamén música e ruta de viños polos bares da localidade. 

Cada ano, para pregoar esta cita, o concello bota man de persoas naturais do municipio. Nesta ocasión será o músico e escritor Francisco Xabier Almuíña Chorén, zanfonista e poeta. 

Amplo e variado programa

O día grande da festa, o domingo, haberá durante toda a mañá na Praza de Riazón exposición e venda de productos de alimentación, como as galletas Xianas, orixinarias de Taboada, queixos de Arzúa-Ulloa, mel de Galicia, viños da Ribeira Sacra, etc. Marcos Mariño fará demostracións de escultura en madeira con motoserra a partir das 10 da mañá e ás 12.30 será a concentración de coches clásicos e a ruta cabalar pola vila. 

Ás 2 da tarde será a degustación do caldo de ósos, ofrecida polo gremio de hostalería e actuará a Asociación Cultural Os Rechouchíos. A partir das 3 da tarde os restaurantes da vila ofrecerán o xantar co menú da Festa a base de caldo de ósos, costela asada, filloas e queixo con mel a un prezo de 25€. Para dar cabida a todo o mundo que se achegue a Taboada, poderá mercarse tamén nos food trucks que se instalarán ese día na localidade para que ninguén quede sen comer por falta de sitio nos locais de hostalaría, que acostuman encherse. 

Sete locais de hostalaría da localidade ofertarán o domingo un menú especial por 25€ que tamén se poderá mercar nos food truck que se instalarán ese día na vila

Durante a tarde seguirán as actividades e o programa festivo cun fin de festa con verbena coa orquestra Gran Parada a partir das 8 da tarde. O peso económico da festa recae sobre o Concello, que organiza a cita en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais do gremio de Hostalería e a participación doutras asociacións, como Marrao Enxebre ou Rechouchíos.

Os ingredientes dun plato único

O domingo pola mañá, ás 11:45 horas, o cociñeiro Álvaro Villasante, integrante do Grupo Nove, que representa a vangarda da cociña galega, fará un show cooking sobre as posibilidades culinarias do Caldo de Ósos.

Trátase dun prato elaborado con ósos da soá do porco, acompañado de garbanzos e unha pataca picada miúda. Despois de cocer a lume lento fáiselle un sofrito que é o que dá o gusto especial. No prato que se fai nas casas con motivo da matanza botanse tamén os miolos do porco.

Outros atractivos para visitar o municipio

Ademais deste plato gastronómico, Taboada conta tamén con outras tradicións propias, como a das Fachas de Castelo, que terán tamén un espazo na festa a partir das 11 e media da mañá. A queima das Fachas, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase na parroquia de Castelo na noite do 7 de setembro.

Ademais de gozar dun prato único que segue a formar parte dos menús dos locais de hostalaría da localidade, as persoas que se acheguen a Taboada poderán disfrutar doutros atractivos do concello, como a arquitectura tradicional dos pazos ou o románico das igrexas, e as paisaxes, sobre todo na zona da ribeira con vistas sobre o río Miño.

cartel Festa Caldo de Osos Taboada 2023

programa Caldo de Ósos Taboada 2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información