A Feira Apícola das Rías Baixas converterase este ano na primeira xornada inrternacional de apicultura que se celebrará en Galicia vía online.
Organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, en colaboración coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, este evento ven celebrándose puntualmente cada mes de marzo no concello pontevedrés de O Porriño.
Porén, as restriccións sanitarias motivadas pola pandemia da Covid 19 obrigaron este ano a realizala vía online. Deste xeito, terá lugar o sábado 20 de marzo, cun nutrido programa de actividades que se artellarán entre as 10.30 h e as 20.00 h.
Entre elas, inclúese unha cata comentada en streaming dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia. Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia será a encargada de guiar este experiencia virtual.
O prazo de inscrición na Feira Apícola está aberto e accesible a través da páxina web da Agrupación Apícola de Galicia. A asistencia é totalmente gratuíta.
Cata comentada online de meles da IXP Mel de Galicia
Todas as persoas que estean ademais interesadas en participar na cata comentada da IXP Mel de Galicia, deberán inscribirse nun formulario aparte, tamén dispoñible na web.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro día 15 de marzo, e o número de prazas está limitado a un máximo de 50 participantes. Cabe subliñar que existen dúas modalidades de participación: coma oínte —gratuíta— ou coma catador —coste de 5 euros e envío das mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia a domicilio. So envío a Península—.
Velaquí o programa, onde se pode consultar o contido, condicións e estruturación dos horarios.