A feira Abanca Cimag-GandAgro analizará a actualidade nos sectores porcino e cunícola

A cooperativa Cogal e a ADS de Gando Porcino de Silleda organizan estes encontros para produtores

A feira Abanca Cimag-GandAgro analizará a actualidade nos sectores porcino e cunícola

Xornada en Cimag Gandagro

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2017, que se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, converterase en foro de análise dos temas de maior actualidade nos sectores porcino e cunícola.

Así, o día 27 de xaneiro o certame acollerá o XXI Monográfico de Gando Porcino, unha cita consolidada que reúne en cada edición a multitude de profesionais e produtores do sector.

Organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) de Gando Porcino de Silleda, abordará nun primeiro relatorio a “Eliminación de colas no cebadeiro a partir do manexo na maternidade”. Luis Sanjoaquín Romero, socio de Think in Pig Asesoramiento Porcino, será o encargado de impartir este relatorio no cal dará as pautas para mellorar os leitóns mentres están na parideira e así evitar que queden no cebadeiro porcos atrasados (máis pequenos que os demais).

A segunda das charlas, a cargo de José Ramón Pujol González, director veterinario da empresa Pujol Torguet, versará sobre “Prevención de problemas entéricos como consecuencia da restrición do uso de antibióticos en penso”. Os asistentes escoitarán as claves para previr posibles diarreas nos porcos ante o cambio lexislativo que restrinxe o emprego de antibióticos nos pensos.

Uso de antibióticos en cunicultura

Por outra banda, Cogal Sociedad Cooperativa organizará o día 28 unha xornada técnica organizada en dous bloques. No primeiro deles presentará o proxecto de investigación Tecnocún, centrado no desenvolvemento de novas tecnoloxías para minimizar o uso de antibióticos na produción de coellos.

O segundo bloque tamén se centrará nos antibióticos, tratando “O futuro da utilización dos antibióticos en cunicultura”, por parte de Julián Gullón Álvarez, veterinario de Cogal; e “As autovacunas en cunicultura, unha alternativa real ao emprego de antimicrobianos”, de man de Santiago Cabaleiro Martínez e Belén Budiño Rodríguez, do Clúster de Acuicultura de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información