Archives

Rías Baixas pecha a vendima con máis de 40 millóns de quilos, a terceira máis abundante da súa historia

Vendima cuantiosa e de gran calidade na Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas con 40.904.676 quilos recollidoos, un 6,62% menos que a campaña anterior, considerada a máis abundante da súa historia. Aínda así, as cifras converten á vendima de 2022 na terceira de maior cantidade ata a data nesta Denominación de Orixe. Unha campaña que se prolongou durante 51 días e na que participaron 167 adegas e 4.690 viticultores. A vendima na DO Rías Baixas comezou o pasado 25 de agosto coa uva destinada á elaboración de espumosos e finalizou o 14 de outubro. “No período comprendido entre o 7 e o 21 de setembro, de 15 días, recolleuse o 80% da colleita, resaltando o 10 de setembro cunha cifra récord de 5 millóns de quilos”, explica o informe do Departamento Técnico. Dito informe tamén dá conta de que se tratou "dunha vendima tranquila cunha entrada da uva en adega cunha elevada calidade, perfecto estado de madurez e unha boa gradación alcohólica”. O rendemento medio por hectárea nesta campaña foi de 9.466 q/ha, moi parecido á colleita de 2018. Trátase dun valor superior á media dos últimos 10 anos, que foi de 8.600 quilos por hectárea. As expectativas para os viños da anada 2022 son moi boas.

As cifras por variedades

A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade, logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a Albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente deuse paso ás tintas e vendimas tardías. Na DO Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,10% da uva recollida, abandeiradas pola Albariño que chegou aos 39.322.747 quilos, seguida pola Caiño Blanco, a Loureira e a Treixadura. As variedades tintas representan o 0,90% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida pola Mencía e, moi próxima, a Caiño Tinto. En canto á produción por subzonas, o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción cun 63,5% do total, seguida polo Condado do Tea cun 21,3% e O Rosal co 10,3%. Na presente campaña de vendima participaron 167 adegas elaboradoras. Un total de 4.690 viticultores recolleron uva nas 4.321,40 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas, o que supuxo un aumento de 137,22 hectáreas, un 3,27%, con respecto á vendima de 2021.   Produción por variedades e subzonas da DO Rías Baixas. // Fonte. Consello Regulador.  

Lánzase a campaña “Treixadura. Modo Ribeiro”

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a decana das denominacións de orixe de Galicia, lanza a súa nova campaña publicitaria: “Treixadura. Modo Ribeiro”, que ten como novidade a exploración de todos os formatos dixitais dispoñibles na actualidade, como o uso de plataformas como Spotify, influencers ou publicidade en redes sociais, entre outros. Trátase dun novidoso enfoque que sitúa a esta denominación no seu conxunto e á súa uva máis representativa, a Treixadura, no foco de todas as miradas cunha idea clara: cando desexas gozar dun momento especial, necesitas activar o “modo Ribeiro” saboreando unha copa de Treixadura do Ribeiro. Activamos o modo Ribeiro que levamos dentro cando gozamos dun Treixadura, cando queremos celebrar, cando nos acompañan as persoas coas que estamos ben e nos sentimos cómodos, cando queremos incorporar un sabor único ás nosas comidas e ceas. A campaña conta tamén coa colaboración de personalidades de diferentes ámbitos que encaixan á perfección co público Treixadura: desde artistas a creadores de tendencias, como a ex modelo e deseñadora Laura Ponte, o xornalista de viaxes e influencer Miguel Carrizo, a escritora Alejandra G. Remon, o deseñador de interiores Guille García Hoz, e ilustradoras e artistas como a galega Lara Lars ou Laura Agustín. Tamén se lanzou unha web específica da campaña na que, activando o “modo Ribeiro”, ademais de información sobre a uva Treixadura, pódense encontrar diferentes contidos interactivos, como playlists musicais en Spotify, ou materiais descargables, como fondos de pantalla personalizados para o móbil.

Un clip principal e varias historias

A campaña céntrase nun vídeo principal e tres clips secundarios, un por cada protagonista, nos que podemos ver os diferentes perfís que gozan dun viño Treixadura no seu día a día ou nos momentos especiais. Distribuiranse a través de medios de comunicación online e de redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube e Instagram). Para a creación e desenvolvemento da campaña, o C.R.D.O. Ribeiro contou con Nasas (www.agencianasas.com), axencia de publicidade situada na Coruña,quen tamén deseñou e desenvolveu a campaña de lanzamento, xunto coa planificación e xestión de medios.

A D.O. Ribeiro e a uva Treixadura

A Denominación de Orixe Ribeiro é a máis antiga de Galicia e representa á perfección a súa esencia única, polo seu territorio, paisaxe e factor humano. Aposta con determinación por uvas autóctonas e por fusionar tradición e vangarda na procura da calidade máis alta nos seu produtos. A uva Treixadura é a variedade raíña na Denominación de Orixe Ribeiro, en Ourense. Os viños que produce esta variedade de uva branca son aromáticos, frescos e elegantes. Web campaña: https://treixaduraribeiro.wine