Archives

Gandeiros organizados e relacións estables na cadea láctea, claves para o futuro do sector

Organización dos gandeiros a través das Organizacións de Produtores; aplicación real dos contratos e que estes se adapten a un mercado con prezos do leite cambiante, e relacións estables entre gandeiros, industria e distribución. Estas son algunhas das claves de futuro para o sector que se poden extraer da mesa redonda sobre a situación actual e as perspectivas de futuro do mercado lácteo que se celebrou o pasado venres en Lugo. O encontro tivo lugar dentro das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro e na mesa participaron o director xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Fernando Miranda; o director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil); Luis Calabozo; o representante da Asociación Española de Distribuidores, Autoservizos e Supermercados (Asedas), que representa o 66,7% da superficie de venda de alimentación en España, Felipe Medina; e o profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC, Jorge Antonio Santiso. O debate estivo moderado por Francisco Sineiro, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada na Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC. Velaquí ofrecemos un resumo das intervencións dos distintos participantes, tanto nas súas exposicións como nas respostas ás numerosas preguntas do público.

Fernando Miranda, director xeral de Producións e Mercados Agrarios do MAGRAMA

No sector lácteo vivimos os pasados meses unha tormenta perfecta, despois de dous anos, o 2013 e o 2014, con moi boas condicións de prezos. En España hai un escaso nivel de organización dos gandeiros, con escaso peso das cooperativas con capacidade de transformación industrial e unha industria moi volcada no leite líquido e con carencias en fabricación de produtos lácteos de alto valor engadido e de longa vida. Medidas postas en marcha polo MAGRAMA: entre outras axudas á constitución de Organizacións de Produtores de ámbito supraautonómico.
Fernando Miranda: “Un sistema de compras a longo prazo da distribución á industria vai permitir valorizar o leite”
Acordo lácteo: o máis importante é que a distribución cambie o seu sistema de poxas por un sistema de compras a longo prazo, pois iso vai permitir valorizar o produto. O leite non se pode comprar con subastas quincenais ou semanais, porque cando un xefe de compras presume de que está a comprar o leite a 40 céntimos está a arruinar ao gandeiro. Publicaremos en decembro o primeiro informe sobre o cumprimento do acordo lácteo, sinalando públicamente ás industrias ou empresas de distribución que o incumpren para que sexa o consumidor e a sociedade quen sancionen. É todo o que legalmente podemos facer, xa que a Unión Europea prohíbe fixar prezos de forma directa ou indirecta para todo un sector, aínda que si se pode facer a través dunha Organización de Produtores. Hai 95 primeiros compradores, e deles o 80% son cooperativas. Neste sentido, hai gandeiros que están traballando para estas cooperativas primeiro compradores e non as cooperativas para eles.
Fernando Miranda: “De aquí a 2020 prevese que en España cheguemos a producir 7 millóns de toneladas”
O futuro? España vai medrar en produción de leite e de aquí ao 2020 prevese que cheguemos a producir 7 millóns de toneladas anuais. Co acordo lácteo iniciamos unha nova cultura de diálogo intersectorial. Non hai solucións máxicas a curto prazo e agora todo depende máis da capacidade do sector de falar entre si e de organizarse.

Luís Calabozo, director xeral da Fenil

Coa fin do sistema de cotas comezou unha nova época na que haberá volatilidade de prezos do leite, das materias primas e da produción láctea. Dende o ano 2007 o leite compórtase como calquera commoditie global e iso non vai cambiar. En todo caso, unha volatilidade extrema pode destruír a oferta de leite, a capacidade da industria e cambiar os hábitos dos consumidores cara outros produtos.
Luis Calabozo: “Non hai garantías de que todos os gandeiros dunha OP asuman un acordo en canto a volume e prezo”
O prezo do leite estandarizado, a 3,7 de graxa e 3,1 de proteína, é similar en España, Francia e Alemaña. Cando unha industria vai negociar cunha Organización de Produtores ten ter garantías de que os contratos vanse cumprir. E a día de hoxe non se garante que que os contratos coas OP´s sexan asumibles en prezo e volume por todos os gandeiros integrantes. Ademais, se nunha OP hai cooperativas industriais que transforman o leite hai un conflito de intereses coa industria á que lle vende o leite a OP. Sobre as marcas brancas, a distribución acostumou ao consumidor a elixir supermercado polo prezo do leite da marca branca e deste xeito non sobe o prezo de venda ao público. As marcas brancas acaban tirando á baixa o prezo das marcas dos fabricantes.
Luis Calabozo: “As marcas brancas acaban tirando á baixa o prezo das marcas dos fabricantes”
O noso futuro depende de que a poboación se convenza da necesidade de consumir produtos lácteos. En España, ata o mes de setembro as vendas de leite líquido caeron un 4% en volume, un 6% en valor e un 2,7% no prezo de venda ao consumidor. O aumento da demanda de leite a nivel mundial vai depender do aumento do nivel de renda e do aumeto da poboación, e estas dúas variables parece que se manteñen en liña positiva. Como dato positivo, hai que salientar que nos últimos 5 anos España pasou de importar 3,52 millóns de toneladas de leite a 3,33 e de exportar 0,77 millóns de toneladas a 1,25. É dicir, gañamos cota de mercado en España e no extranxeiro

Felipe Medina: representante de ASEDAS

Na próxima década a Comisión Europea prevé un aumento do 9% na produción de leite na Unión Europea. Está caendo de xeito moi importante o consumo de leite líquido, sobre todo na xente nova. Temos que preocuparnos moito de como recuperalos para o consumo. 3 céntimos máis sobre o prezo do leite fan que o consumidor cambie de supermercado. Son inxustos os ataques ás marcas brancas. Os gandeiros que facían leite de marca branca dunha importante cooperativa -en referencia a COVAP, que elabora a marca branca de Mercadona- foron durante a crise dos que mellores prezos recibiron. Ademais, un prezo baixo do leite no lineal dunha tenda non ten porque ter detrás a gandeiros mal pagados, e viceversa.
Felipe Medina: “Por tres céntimos de diferencia no prezo do leite o consumidor cambia de supermercado”
Dende o primeiro momento a distribución estivo a favor do acordo lácteo. Neste sentido, estamos a traballar coa INLAC para definir que é banalización do produto e que é promoción. Estamos tamén traballando en cal é a forma máis idónea de comunicar a orixe do leite, pero sobre todo dos produtos lácteos, que a veces levan ingredientes que non son elaborados en España. Non estamos de acordo en que se demonicen as subastas de leite. Está reguladas pola Lei da Cadea Alimentaria e, polo tanto, son legais. Ademais, non toda a distribución compra o leite a 1 ou a 2 meses. De feito, a primeira empresa de distribución en España -en referencia a Mercadona- fai contratos indefinidos para o subministro de leite e a maioría das empresas de distribución con marca branca teñen contratos a un ano.

Jorge Santiso, profesor da Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Santiago de Compostela

O sector necesita información fiable e crible para xestionar os volumes de leite que se producen en España, una información que a día de hoxe non temos. Hai tamén un problema de xestión da volatilidade de prezos do leite no mercado, que non se está a trasladar do campo aos consumidores. Eso crea tensións na cadea: especialmente aos gandeiros cando baixan os prezos e á industria cando soben porque non o poden trasladar á distribución.
Jorge Santiso: “A administración non debe permitir que quen estea nunha OP asine un contrato individual”
Neste sentido, é urxente unha maior implicación da administración para que se implanten os contratos e as Organizacións de Produtores. A administración non debe permitir que quen estea nunha OP asine un contrato individual coa industria á marxe da OP. Autor: Jorge Santiso As perspectivas para os próximos anos son de prezos inestables e impredecibles e de dificultades para concretar volumes. O problema do prezo e do volume debe contemplarse nos contratos e para iso existen mecanismos que permiten compatibilizar contratos estables en mercados inestables, a través de fórmulas como a indexación de prezos ou un modelo de dobre volume e dobre prezo, que permita axustar os volumes ás producións. Os gandeiros tamén se deberían organizar para a venda e a transformación do leite, é unha das claves de futuro. Como reflexión final, penso que o futuro pasa pola organización dos gandeiros, pola aplicación real dos contratos e polas Organizacións de Produtores.

A falta de unidade leva á desconvocatoria da tractorada de Lugo

O voceiro dos gandeiros da tractorada de Lugo, Roberto López, tomou esta mañá a decisión de desconvocar a tractorada de Lugo en base ós incidentes rexistrados durante a noite nos bloqueos a Leite Río e Larsa. López, que comunicou primeiro a súa decisión á prensa e logo á asemblea de gandeiros, argumentou a desconvocatoria no seu medo a ter que responder do seu patrimonio personal polos incidentes rexistrados. “A solicitude da mobilización de Lugo está asinada por min, así que respondo co meu patrimonio personal dos danos”, asegurou. Arredor de medio cento de tractores que participaban na mobilización de Lugo optaron na noite de onte por abandonar a mobilización na muralla e iniciar un bloqueo ás industrias lácteas de Leite Río, no Ceao, e a Larsa, en Outeiro de Rei. Con esta medida, os gandeiros sumábanse á folga de entregas iniciada na Coruña pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que ten bloqueadas a totalidade das principais industrias da Coruña e Pontevedra.
"Desconvoco porque respondo co meu patrimonio personal dos danos e das perdas causadas na mobilización de Lugo" (Roberto López)
En asemblea celebrada esta tarde na muralla, López criticou con dureza o bloqueo ás industrias. “Os gandeiros que deixaron a tractorada non respetaron a vontade da maioría e vulneraron unha condición básica que puxen o primeiro día, que esta mobilización fose pacífica e que non rompésemos nada”, declarou. López tamén se despachou sobre o bloqueo emprendido na Coruña: “Quedaron en que antes de iniciar un bloqueo esperarían a ver cal era a nosa decisión, pero non cumpriron”, criticou. Nova organización Ante esa situación, o voceiro dos gandeiros decidiu desconvocar a tractorada, non sen antes asegurar que impulsaría unha organización para tratar de darlle continuidade á asemblea gandeira da muralla. “A unión fai a forza”, proclamou. “Díxenvolo o primeiro día e creo que o que conseguimos aquí nos últimos dez días é un logro que non podemos perder. Días atrás, trascendera que López acordara a integración dos gandeiros de Lugo na Organización de Productores de Leche (OPL). Sen embargo, o propio López negou ese acordo nos últimos días e hoxe insistiu na creación dunha organización autónoma.
A desconvocatoria da tractorada de Lugo cuestiona o éxito do bloqueo ás industrias lucenses
O obxectivo da nova entidade sería a de pelexar polos intereses dos seus asociados. En principio, o voceiro dos gandeiros descartou que vaia implicarse na intermediación da compra venda de leite como unha organización de produtores (OP). Sobre as 18 horas de hoxe estaban saíndo os tractores da muralla de forma progresiva. A desconvocatoria da tractorada e a negativa da maioría dos gandeiros de Lugo a sumarse á folga de entregas de leite e ó bloqueo das industrias cuestiona o éxito en Lugo da protesta iniciada na noite de onte. “Ter que tirar o leite é algo moi negro”, valoraba un gandeiro na muralla. “Hai xente que está económicamente ata o pescozo e non pode permitirse tirar o leite por moi mal que lla paguen”.
"Pacíficos fomos unha semana e non se logrou nada. Se nos imos daquí, é para pechar a explotación", aseguran gandeiros no bloqueo de Larsa
As opinións nos bloqueos ás industrias lucenses eran diferentes. “Pacíficos fomos máis dunha semana na muralla e xa se viu de que serviu”, criticaban. “A este home estaban pagándolle o leite a 16 céntimos, pero a xente segue fría. Ao final, a este paso imos ter que acabar pagando para que nos leven o leite”, sinala un gandeiro. O aludido confirmaba a cifra: “A 16 céntimos, pero está visto que non baixou o suficiente, que a xente vaise para casa” -critica-. “A nosa idea é seguir aquí.”, asegura. “Se nos imos hoxe é para pechar a explotación”, completa o seu compañeiro. Os produtores dos bloqueos entenden que o acordo proposto polo Ministerio non inclúe compromisos claros para a revalorización do leite, pero na muralla, López amosouse máis esperanzado. “A min o primeiro que me dixeron en Santiago na reunión con Feijoo é que o acordo do Ministerio era como o francés só que escrito en español”.

‘Tormenta perfecta’ no sector lácteo

O sector lácteo galego, en especial as cooperativas, afronta estes días unha ‘tormenta perfecta’ na que todo se xunta. Dun lado, o peor escenario de mercado dos últimos anos. Doutro, as industrias, que aplicando a lóxica empresarial, tentan sacar o maior beneficio posible do exceso de oferta. E no medio, cooperativas e gandeiros, que denuncian unha estratexia industrial para tirar os prezos do leite en orixe e para desmantelar as estruturas gandeiras de venda en conxunto, caso das cooperativas e das organizacións de produtores Os focos apuntan en especial a dúas industrias, Leche Celta e Logística Alimentaria, que nas últimas semanas lle comunicaron a media ducia de cooperativas que lles cancelaban a recollida a partir do 1 de maio. Cooperativas afectadas como as de Mopán (Monterroso), Codegui (Guitiriz), Tierra Llana (Castro de Rei) ou Coba de Vales (Mesía – Curtis) levan desde entón buscando alternativas, con pouco éxito, para as entregas de leite. A falta de comprador pode obligar a parte das cooperativas a enviar provisionalmente a súa produción á torre de leite en po de Reny Picot (Asturias) a prezos que rondarían os 20 céntimos, segundo estimacións do sector. En todo caso, as agrupacións afectadas ultiman conversas coas industrias para pechar contratos a prezos de mercado. As cooperativas que lle estaban entregando o leite a Leche Celta están reconducindo a situación e van continuar enviándolle alomenos parte da súa produción a esta industria, segundo indicaron fontes do sector nas últimas horas.
"Para as industrias é máis fácil negociar cun gandeiro que cunha cooperativa ou cunha OP" (Higinio Mougán, Agaca)
Así as cousas, non se agarda que quede leite no campo sen comprador. Outra cousa serán os prezos de venda. As maniobras das industrias nas últimas semanas están poñendo contra as cordas ás cooperativas. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) denuncia unha estratexia industrial para desmantelar as estruturas gandeiras de venda en conxunto. “É claro que para as empresas é máis fácil negociar cun gandeiro individual que cunha cooperativa ou cunha organización de produtores (OP), así que están emprendendo unha operación para acabar coas cooperativas que operan como primeiro compradoras –intermediarias- na venda do leite”, considera o xerente de Agaca, Higinio Mougán. As organizacións agrarias, que onte mantiveron un encontro en Santiago con alcaldes das comarcas gandeiras da provincia da Coruña, engaden outras dúas motivacións á estratexia que ven nas industrias: “Con estas accións, reducen tamén os pagos ata un prezo basura –din- e crean no resto dos gandeiros a sensación de que non poden levantar a voz, non vaia ser que non lles recollan o leite”, sinalan desde Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Xóvenes Agricultores. Tamén a Federación Rural Galega (Fruga), que onte ofreceu unha rolda de prensa en Lugo, criticou con dureza a Leche Celta e a Logística Alimentaria, e pediu a acción inmediata da Xunta para cortar cunha situación que entende de “chantaxe” das industrias ós gandeiros. Unións, Sindicato Labrego e Xóvenes coincidiron asimesmo en demandar a acción da Xunta e en pedir inmediatas sancións para industrias e distribución. Organizacións de produtores Entre tanto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, reitereou onte en declaracións ós medios que a solución pasa por unha unión das organizacións de produtores (OPs) existentes en Galicia, Ulega –impulsada por Unións Agrarias-, e Aprolact, de base cooperativa. “Se os produtores se agrupan e teñen forza, poderán negociar con maior claridade”, sostivo.
"Se os produtores se agrupan e teñen forza, poderán negociar con maior claridade" (Alberto Núñez Feijoo)
Os reiterados chamamentos das Administracións para a unións das OPs non se entenden no sector. Tanto Ulega como Aprolact teñen advertido de que non hai xeito de que as industrias se queiran sentar a negociar. “O Ministerio ten que revisar a lexislación do paquete lácteo de cara a darlle un poder real ás OPs e mesmo ás cooperativas de primeiros compradores, xa que agora mesmo son o ‘hazmerreír’ para algunhas industrias” -demanda Agaca en nota de prensa-. “Para iso é necesario prohibir de inmediato que as industrias negocien directamente cos produtores socios dunha OP ou mesmo dunha cooperativa, xusto o contrario do que están facendo estes días”. Agaca pide tamén un control dos primeiros compradores intermediarios, “que están a aumentar de xeito desproporcionado” con actuacións propias de “oportunistas e especuladores”, valora a Asociación Galega de Cooperativas. A entidade demada das Administracións inspeccións e controis estrictos sobre o leite mercado a baixos prezos. Perspectivas A suba estacional da produción de leite, habitual cada primavera, xuntouse este ano con outras dúas circunstancias, unha mala situación de mercado, cos prezos dos produtos lácteos industriais tocando fondo, e o fin da cota láctea en toda Europa, cos conseguintes aumentos das entregas de leite ás industrias. Estas circunstancias desencadearon no agro galego unha complicada situación que, máis alá das solucións a curto prazo, esixe estratexias de futuro, ó entender do sector.
"Precísase dun marco estratéxico onde toda a cadea láctea estea implicada e teña garantida unha rendibilidade" (Agaca)
“Precísase dun marco estratéxico onde toda a cadea láctea –gandeiros, industria e distribución- estea implicada e teña garantidas unhas rendibilidades básicas”, defende Agaca. “É fundamental tamén que as industrias atopen mecanismos para defender o mercado lácteo español e que traballen conxuntamente para exportar produtos, por exemplo con infraestruturas conxuntas de leite en po”, suxiren as coopetivas en nota de prensa emitida onte. As cooperativas, por último, fan unha reflexión sobre a necesidade de estruturas industriais propias: “Os gandeiros galegos fixeron un gran esforzo na modernización das súas explotacións, pero nunca se lles ocurriu pensar que o seu problema podería estar en que facer co leite, como lle pasa a moitos gandeiros a día de hoxe”. ACTUALIZACIÓN A Consellería do Medio Rural asegurou a media tarde do 1 de maio en nota de prensa que xa estaban resoltos todos os problemas que había na recollida do leite en cooperativas galegas. Medio Rural asegura que estivo a facer xestións entre industrias e cooperativas e que conseguiu que a algunha cooperativa se lle presentasen ata catro ofertas pola súa produción. A Consellería insistiu tamén na nota de prensa en culpar ás organizacións de produtores de deixación de funcións neste caso. En declaracións ós medios, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, asegurou que os contratos pechados estes días entre cooperativas e industrias son a prezos de mercado, no entorno dos 27 céntimos.