Advirten dunha “tormenta perfecta” para os produtores de carne de polo e de pavo pola suba do penso e da electricidade
A Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola (AVIANZA) advirte da "tormenta perfecta" para as granxas avícolas españolas debido ao forte encarecemento do penso, a subida do custo da electricidade e a baixada dun 16% nos prezos da carne de polo e de pavo. A organización calcula que os produtores poderían perder máis de 300 millóns de euros este ano.
En concreto, e como mostra da situación crítica pola que pasan os produtores, lembran que "desde xaneiro de 2020 a agosto de 2021, o custo de penso para polo, o máis común nas cadeas de distribución, subiu un 26,20%, pasando dos 297,42 € por tonelada aos 375,37 €". "Extrapolando os datos aos 600 millóns de exemplares que se producen ao ano no noso país, cunha media de 3,9 quilos de alimentación para o seu engorde, só nese ámbito estímase un sobrecusto de máis de 198 millóns de euros. Este sobrecusto supón pasar de 1,13 € por alimentación de exemplar a 1,46 € máis de 0,33 € por polo", explican.
Estes incrementos tamén afectan os criadores de pavos, xa que o custo de penso de engorde pasou dos 293,22 € por tonelada en xaneiro de 2020 aos 362 € actuais (un 23,4% máis). "Un exemplar de 10 kg de peso pode requirir até 24 kg de alimentación ao longo da súa crianza (adoitan estar entre os 8 e o 17 kg de peso/exemplar). De xaneiro de 2020 a setembro de 2021 o custo de alimentar a un pavo en granxa pasou de 1,10 €/kg a 1,29 €/kg, é dicir máis de 1,9 € adicionais por exemplar. En total prodúcense cada ano máis de 13 millóns de pavos en España, polo que o sobrecusto total podería superar os 24,7 millóns de euros", aseguran desde Avianza.