Archives

Tarefas de prevención contra incendios na Comunidade de Montes do Viso

A Comunidade de Montes Veciñais en man Común do Viso (Redondela) traballa desde hai anos baixo o lema "os lumes apáganse en inverno". Por iso, a xestión diaria do monte, o estar pendente de cada necesidade do mesmo e o seguimento permanente da súa evolución son as principais ferramentas para loitar contra a lacra dos incendios forestais. Así o indican dende a Xunta Directiva do monte veciñal do Viso: “un monte abandonado e sen xestión nun territorio tan antropizado leva, tarde ou cedo á súa destrución polas lapas, sobre todo coa desastrosa situación actual de cambio climático”. Por este motivo, a Comunidade de Montes mantén unha actividade constante nos seus montes, que se rexen baixo estándares internacionais de xestión forestal sostible. No último ano traballouse en multitude de áreas e fíxose un importante esforzo para reducir a biomasa no entorno das zonas habitadas na parroquia e lindeiras co monte veciñal. No monte Espiño traballouse sobre 12,62 hectáreas (ha) do rexenerado de piñeiro, reducindo a súa densidade e rozando o mato. Neste caso contouse cunha axuda para actuacións silvícolas da Consellería de Medio Rural. Reforestáronse 4,91 ha destruídas no incendio do ano 2016, das cales a metade foron de piñeiro do país e a outra metade de castiñeiros, bidueiros e carballos. Esta actuación contou cunha axuda da Xunta de Galicia para forestación de rasos. Tamén se realizaron pequenas repoboacións con frondosas en zonas do monte Outeiro Grande e do monte Espiño. A propia comunidade realizou xornadas de voluntariado coa veciñanza enmarcadas no Día da Árbore nas que, entre o ano 2023 e o 2024, repoboáronse máis de 800 frondosas caducifolias en zonas de defensa contra incendios no entorno de vivendas na zona de Saramagoso, onde previamente se cortara o eucalipto alí presente, e no entorno da senda alternativa ao Camiño de Santiago que pasa polo monte comunal. Rozáronse pistas forestais no monte Espiño, rozouse a parcela da Lomba e rozouse e podouse o arborado do entorno do Miradoiro do Outeiro Grande. Na Nogueira, cunha axuda do Plan Social de Ence, actuouse sobre dúas zonas de matogueira e arborado moi próxima a unhas vivendas. Xa recentemente rozouse unha zona de difícil acceso no entorno das casas no lugar da Feixoeira, na base da Peneda. O traballo é permanente e a xestión dos montes do Viso busca fomentar unha importante descontinuidade arbórea e definir de maneira estratéxica franxas de defensa pasiva contra incendios forestais. Así pois, nos vindeiros meses seguirase traballando coa roza de pistas forestais, e realizarase un esforzo importante no monte que os comuneiros do Viso teñen na Peneda, un lugar emblemático da comarca no que os incendios provocaron importantes danos no pasado.

Melloras de infraestrutura e tratamentos preventivos en montes do distrito forestal IX Lugo-Sarria

A Consellería do Medio Rural está realizando diversas actuacións preventivas en montes e infraestruturas do distrito forestal IX Lugo-Sarria, en concreto, nos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo, Sarria, Guntín e Portomarín. Os obxectivos polos que se levan a cabo estas accións son evitar a propagación de incendios e facilitar as labores de prevención, ou extinción no caso de incendio. Así, os traballos consisten no arranxo de camiños forestais mediante a execución de roza, faixas auxiliares, refino, planeo e escavación de cunetas ou colocación de canos nas pistas forestais dos montes de Guntín, Santa Uxea, Entrambasaguas e Pradeda -localizados no concello de Guntín-, e Biduedo, Sabadelle e Ferreira -no concello de Portomarín-. Nestes casos, a superficie que se está traballando correspóndese cun total de 45,39 hectáreas. Outra das accións que se están a levar a cabo consiste na roza de matogueira e na realización de faixas auxiliares nas marxes de pistas forestais que atravesan os montes dos concellos de Castroverde, Láncara, Lugo e Sarria, incidindo ademais en áreas cortalumes. Con esta actuación búscase evitar a propagación de incendios forestais e facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción de incendios. Ao igual que as obras anteriores, estas tamén están situadas en zonas declaradas de alto risco de incendios forestais e abarcan unha superficie total, neste caso, de 66,99 hectáreas.