90 profesionais do sector forestal participan no webinar organizado por PEFC Galicia
Este martes, 26 de setembro, PEFC GALICIA organizou un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR), que ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sustentables nas cadeas de subministración.
Máis de 90 persoas, principalmente traballadores de empresas forestais galegas, seguiron o webinar no que se analizou o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal galego. No acto de apertura contouse coa intervención de Isabel Puentes, directora da Área de Promoción e Calidade da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), e Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia.
O evento desenvolveuse en módulos diferenciados. No primeiro presentouse a situación actual da certificación forestal PEFC por parte de Ana Belén Noriega, Secretaria Xeral de PEFC España; mentres que no segundo, abordado por Belén Bris, Xefa do Servizo da Propiedade Forestal e Odón López, Xefe do Servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, explicouse o Regulamento de Deforestación da UE, requisitos e o papel da Xunta de Galicia, así como as distintas aplicacións desenvolvidas pola administración que axudarán ao cumprimento da lexislación. No terceiro módulo interviñeron de xeito conxunto Marta Salvador, directora técnica de PEFC España, e Pablo Narváez, responsable de Cadea de Custodia & Desenvolvemento de Marca. Os dous ponentes informaron sobre a Norma PEFC ST 2002:2020 de Cadea de Custodia de produtos forestais e arbóreos, e sobre o Sistema de Dilixencia Debida recollido dentro da propia Norma, contrastando os requisitos actuais coas novas esixencias establecidas no Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR).