¿Como protexer as sementes de millo fronte aos corvos e xabaríns?
Dende o pasado 3 de abril está prohibido en toda a Unión Europea o uso de Mesurol, un produto rexistrado como insecticida nalgúns países e como repelente de aves noutros, e que tiña un efecto moi eficaz contra os corvos, polo seu alto efecto vomitivo, pero que tamén resultaba eficaz para evitar os ataque dos xabaríns.
A Comisión Europea decidiu o 25 de setembro do ano pasado non renovar a autorización para o emprego do metiocarb, a materia activa do Mesurol, ao detectar un alto risco tanto para a saúde dos aplicadores como para a das aves, as miñocas e mamíferos como os ratos ou as toupas.
Ademais, deu de prazo aos Estados membros para retirar todas as autorizacións dos produtos fitosanitarios que conteñan esta materia activa ata o pasado 3 de xaneiro, podendo empregar os stocks como moito ata o día 3 deste mes, co que se deixa fóra a sementeira do millo. De non cumprir con esta prohibición, o agricultor exporíase a unha multa medioambiental e a perder as axudas da PAC, polo uso de substancias prohibidas.
Ábrese por tanto un período de incerteza sobre que produtos empregar como repelentes para previr os ataques da fauna salvaxe na sementeira, e sobre a eficacia que terán, xa que faltan ensaios suficientes.
No caso dos córvidos, as perdas que poden ocasionar no millo durante as primeiras semanas son cuantiosas. Os síntomas típicos dun ataque dos corvos durante a nascencia son un burato no fondo do cal permanece a epiderme da semente de millo e ao seu carón a planta desarraigada e seca. Os ataques poden producirse tanto antes da emerxencia, como con plántulas de 2-3 follas e mesmo en estadio de 3-4 follas. As parcelas con máis risco son aquelas con árbores nos bordes e non existen solucións culturais definitivas, máis alá de aumentar a profundidade de sementeira en 1 ou 2 centímetros, aínda que tendo en conta que prexudicaríamos a nascencia do millo con profundidades de máis de 6 centímetros.
Os produtos alternativos cos que están a traballar este ano as comerciais de sementes son tres: Korit, Redigo e Force. Consultamos a continuación a catro delas para coñecer como afrontan este ano o reto de protexer as sementes do millo fronte aos ataques da fauna salvaxe.
Ataques de córvidos. Foto: ARVALIS Institut du Végéta
Porén, por ser da mesma familia que o metiocarb, a materia activa do MESUROL, augúrase que o seu futuro de rexistro de KORIT na Unión Europea será limitado e pode acabar prohibíndose nun par de anos.
Para esta campaña LG si que ten variedades tratadas con Korit en diferentes ciclos para asegurar ao agricultor /gandeiro poder sementar millo naquelas zonas con forte ataque de paxaros.
“Ademais, pola nosa banda como sabemos que o futuro do Korit será limitado no tempo, estamos implantado outras estratexias con diferentes produtos para poder axudar ao agricultor agora e no futuro. Así, estamos usando Force, que é un produto autorizado como insecticida para o tratamento de sementes de millo, ( principalmente vermes do chan: arame, verme branco..), aínda que non está rexistrado como insecticida. Sen embargo, en diferentes ensaios realizados ao longo de Europa viuse que ten un efecto repelente contra paxaros (nos ensaios estímase entre un 60 e 70% de eficacia respecto de Mesurol). Ademais LG uniu a eficacia de Force coas súas Bioestimulantes STARCOVER; así o millo ao levar bioestimulantes aceleramos o seu nascencia, co que é menor o período que está con menos de 4-5 follas, fase durante a cal se producen máis do 95 % dos ataques de paxaros”, informan desde LIMAGRAIN.
Ademais dos métodos con produtos químicos como o Korit ou o Force, Limagrain está a traballar en buscar outras solucións con métodos biolóxicos e/ou outros cultivos “refuxio” que permitan no futuro loitar contra o ataque de paxaros e ao mesmo tempo ser o máis respectuosos posible co medio ambiente.