Estabilidade nos prezos dos becerros de recría en Silleda e suba do porco cebado

Nas mesas de prezos dos ovos mantivéronse os prezos, mentres que o vacún maior mantívose estable. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia do 17 de maio

Estabilidade nos prezos dos becerros de recría en Silleda e suba do porco cebado

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizáronse pola estabilidade xeral dos prezos dos tenreiros de recría, tanto os de Frisona como os de Cruce Industrial, con altibaixos segundo a categoría. O vacún maior mantivo os seus prezos con lixeiras oscilacións.

Deste xeito, nos becerros de Frisoa os machos de menos de 20 días pagáronse a unha media de 117 euros, fronte aos 127 do pasado martes. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 141 euros por xato, fronte aos 143 da semana pasada. Pola contra, nos tenreiros de máis de 51 días houbo unha suba: 157 euros de media por animal fronte aos 147 do pasado martes.

Nos becerros de recría de Cruzamento industrial a tendencia xeral tamén foi moi variable. Na categoría de menos de 20 días, houbo uns prezos medios de 218 euros fronte aos 273 da pasada semana. Pola contra, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos foi de 328 euros, fronte aos 313 do pasado martes. Nas femias os prezos medios baixaron de 242 euros por animal a 232. En canto aos xatos de máis de 51 días, os prezos mantivéronse case sen cambios: 408 euros fronte aos 407 da anterior sesión.

No vacún maior a tendencia xeral foi a unha lixeira baixada. Deste xeito, quedaron en 1.063 euros de media en categoría primeira, 709 en segunda -a máis numerosa- e 441 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.104, 711 e 434 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_PORCINO_17_MAIO

Ovos e coellos estables

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis manter as cotizacións sen cambios: 1,17 euros a ducia para a categoría XL, a L quedou nos 1,02 euros, a M nos 0,97 e a S nos 0,85 euros a ducia.

Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, os prezos tamén se mantiveron nos 1,30 €/quilo da semana anterior, marcando un mínimo anual.

Suba do porco cebado

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis subir os prezos desta volta un 0,06% para as categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,075 e 1,050 euros por quilo, respectivamente. A Canle II tamén subiu, un 0,078% ata 1,364 euros por quilo.

En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, esta semana os prezos subiron un 0,04% ata os 1,42 euros o quilo, unha tendencia alcista que se reproduciu nos principais mercados europeos.

En canto aos leitóns acordouse manter os prezos. Deste xeito quedaron nos 31 euros os procedentes de varias explotacións e nos 36 euros os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

SILLEDA_VACUN_17_MAIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información