Noticias de empresa

“Esta Timberpro é moi diferente, pero tamén moito mellor no monte”

Marcos Maseda é o operario que manexa a Timberpro 725D da empresa Maderas Díaz Ramos SL. A pesar de que afirma traballar con unha máquina ‘diferente’, agradece a potencia, o peso e as garantías de nivelación que ofrece

Campo Galego 03/10/2022 12:45 p.m.

No ano 2019 a empresa Maderas Díaz Ramos SL. adquiriu a taladora Timberpro 725D, unha máquina importada dos Estados Unidos e adaptada á xeografía galega para dar o rendemento máis alto co menor consumo. Marcos Maseda, maquinista e operario desta máquina destaca as súas propiedades para traballar no sector forestal: “ten moita máis potencia, sempre traballas moito máis libre sen depender de controlar temperaturas nin de controlar nada”.

O avance da mecanización da actividade está cada vez máis presente no sector forestal galego. “O traballo de motoserrista é cada vez un ben máis escaso e a tendencia está en mecanizarse”, destaca Manuel Portas, comercial de Forest Pioneer, importardor exclusivo para España. As necesidades do territorio galego, debido ás diferenzas entre montes, á pedregosidade, ou a inclinación do terreo, levaron a Maderas Díaz Ramos SL a interesarse por unha máquina que tivera un alto rendemento en calquera superficie; é por iso que chegou á Timberpro 725D.

“A gran vantaxe que temos neste tipo de maquinaria é que é propiamente feita forestal, ou sexa, é unha máquina pensada para levar implementos forestais; a gran diferencia con respecto ás máquinas de obra pública é que non están deseñadas para levar un implementos deste calibre”, detalla Manuel Portas. Por este motivo, existe unha ampla diferenza de potencia e de tamaño con outras taladoras do mercado.

“A gran vantaxe que temos neste tipo de maquinaria é que é propiamente feita forestal” (Manuel Portas)

A Timberpro 725D conta cun motor Cummins L9 Performance de última xeración que contén unha arquitectura sen EGR e un sistema de postratamento de gases compacto. Esta redución no tamaño destes compoñentes permite un aumento de potencia e par motor, permitindo chegar a esta máquina aos 338 cv, “e por este motivo conseguen un maior rendemento”, explica Portas. O seu peso aproxímase ás 28 toneladas, e a pesar de parecer un inconveniente “é un punto a favor a ter en conta no monte porque aporta maior seguridade”, aporta Marcos Maseda.

Outro dos puntos fortes é o sistema de nivelación, polo cal a cabina pode estar recta cun desnivel frontal de 30 graos, cun desnivel traseiro de 7 graos e cun lateral de 25 graos. “O tema da nivelación é moi importante no monte porque podes andar en sitios moito máis complicados sen preocuparse tanto. É moito máis estable. En pendente ata 35 grados máis ou menos soes estar a nivel ti, e a cabina nivela ata os 30 ou 35 graos”, amplía o operario de Maderas Díaz Ramos S.L.

“O tema da nivelación é moi importante no monte porque podes andar en sitios moito máis complicados sen preocuparse tanto” (Marcos Maseda)

A ferramenta habitual coa que soe traballar esta Timberpro é cun cabezal talador de cizalla, a TMF 500 R deseñada e feita polo Centro Técnico de Maquinaria Forestal (Tecmaf). Un detalle significativo deste implemento forestal “é que as coitelas van soldadas e en ningún momento entorpecen o corte”, explica Manuel Portas. Así mesmo, esta cizalla xera un amplo rendemento e ademais “non ten ningún custe adicional de cadea para ser afiado simplemente son dúas coitelas que cortan e dá igual que toque pedra, que toque terra, etc. porque nunca van a acabar co fío”, comenta.

Etiquetado
Ir a la portada