As empresas cárnicas galegas defenden o respecto do sector polo benestar animal e o medioambiente

A Asociación Galega da Carne destaca que "a produción cárnica de Galicia supera amplamente as normativas europeas e nacionais de benestar animal en todas as fases da cadea"

Actual directiva de Asogacarne, de la que forman parte representantes de los principales mataderos y empresas cárnicas gallegas

Directiva de Asogacarne, da que forman parte os principais matadoiros e empresas cárnicas galegas

Ante a recente polémica e o debate xurdido nos medios de comunicación, tralas declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, ao xornal británico The Guardian, a Asociación Galega da Carne (Asogacarne) defende que as ganderías e empresas do sector cárnico galego “destacan polo seu compromiso coa sanidade e o benestar animal, a innovación e o desenvolvemento rural sostible”.

“Pasados uns días e desde a reflexión queremos destacar que a produción cárnica de Galicia supera amplamente as normativas europeas e nacionais de benestar animal, en todas as fases da cadea, tanto nas explotacións gandeiras, como durante o transporte e nos matadoiros”, afirma Emilio Pedro González Iglesias, presidente de Asogacarne e responsable do matadoiro do Carballiño e da empresa ourensá Cárnicas Milucho e Hijos SL.

“No marco da Unión Europea, e de España como país membro, o sector cárnico está suxeito a unha lexislación europea en materia de benestar animal moi estrita, que se basea no coñecemento derivado da investigación, que trata cada día de mellorar e reforzar o nivel alcanzado”, asegura.

Os gandeiros galegos saben mellor ca ninguén que unha boa saúde e benestar dos seus animais tradúcese en mellores rendementos

“As explotacións gandeiras e as industrias cárnicas galegas veñen apostando pola sustentabilidade, o respecto ambiental e o benestar animal, cumprindo todas as normativas vixentes e, de todos os xeitos, os gandeiros galegos saben mellor que ninguén que unha boa saúde e benestar dos seus animais tradúcese en mellores rendementos”, remarca o presidente de Asogacarne.

Inspeccións constantes en ganderías e matadoiros

vaca rubia galega pastoreo

“En Galicia, os profesionais do sector cárnico veñen traballando nos últimos anos na aplicación de certificacións homologadas en materia de benestar animal. Trátase de garantías adicionais á lexislación de obrigado cumprimento, que o consumidor pode visualizar no produto final”, engade González Iglesias.

As industrias cárnicas e os matadoiros dispoñen de inspectores oficiais veterinarios con presenza física permanente que supervisan e controlan de maneira continua o estrito cumprimento da normativa vixente en materia de sanidade e benestar animal e de saúde pública

“As explotacións gandeiras e os matadoiros están suxeitos a inspeccións constantes de benestar animal, debendo superar ademais auditorías periódicas para obter as correspondentes certificacións homologadas benestar animal. Ademais, hai que subliñar que tanto as industrias cárnicas como os matadoiros son as únicas empresas que dispoñen de inspectores oficiais veterinarios con presenza física permanente, que supervisan e controlan de maneira continua o estrito cumprimento da normativa vixente en materia de sanidade e benestar animal e de saúde pública”, argumenta a patronal cárnica galega.

Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria

Asogacarne lembra que as inspeccións en materia de benestar animal están recollidas no Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria. “Actualmente está en vigor o IV plan para o período 2021-2025, que está coordinado e aprobado, entre outros, pola AESAN (Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición), organismo adscrito ao Ministerio de Consumo”, subliñan desde a asociación que engloba aos matadoiros galegos.

Ademais, insisten as empresas cárnicas galegas, “é necesario que a opinión pública coñeza que os requisitos de exportación da carne e dos produtos cárnicos desde España a terceiros países son moi superiores ás esixencias de produción e transformación das empresas nacionais deses mesmos países”.

“Por tanto desde Asogacarne pedímoslle aos representantes do Goberno que sexan rigorosos nas súas declaracións, que se informen e documenten previamente”, conclúe Emilio Pedro González Iglesias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información