Á hora de abordar a historia da fabricación e distribución de tractores agrícolas en territorio español é preciso entender o contexto histórico no que se sitúa a instalación das primeiras fábricas de tractores agrícolas en España e os obxectivos da Ditadura naquela época. Entre outros, figura o obxectivo de instalar industrias en zonas urbanas, aumentando as rendas urbanas e atraendo man de obras dos espazos rurais. Trátase dunha idea que buscaba modernizar a agricultura a toda costa a través da moto-mecanización.
É importante sinalar que, cando se instalan as dúas primeiras fábricas de tractores (Ebro en Barcelona en 1955 e Lanz Ibérica en Xetafe en 1956), a Ditadura franquista estaba inmersa nun programa de axudas, créditos e grandes transferencias tecnolóxicas que recibían fundamentalmente dos Estados Unidos. Estas aportacións económicas, que comezaran en 1950, xogaban un papel esencial na recuperación da economía española, aínda non recuperada dos efectos da Guerra Civil provocada polo golpe de Estado de 1936. Aparte diso, tamén había que destacar a precaria situación económica da Ditadura, illada política e economicamente dende 1945, polo que esas axudas económicas xogaban agora un papel moi importante para normalizar a Ditadura no contexto da Europa democrática.
En Galicia, empresas como Auto Avión, na Coruña, e Díaz y Prieto en Lugo, foron imprescindibles para a distribución de tractores
Os anos 50 aparecen entón como unha década clave, recuperándose as importacións de tractores dende 1950 e a fabricación a partir de 1955. Moitas das empresas distribuidoras de tractores que tiñan sobrevivido o crítico período de 1936-1949, recuperáronse a partir de 1950, grazas ás importacións pagadas polas axudas e os créditos norteamericanos. Entre outras, empresas de distribución como a barcelonesa Parés Hermanos S.A., ou a madrileña Finanzauto S.A. Para Galiza, empresas como Auto Avión S.A., fundada na Coruña en 1953, ou Díaz y Prieto S.A., fundada en Lugo en 1959, ocuparían anos máis tarde unha posición central na difusión de tractores.
A instalación das fábricas de tractores foi considerada pola Ditadura como un éxito, aínda que parcialmente, dado que a intención do goberno franquista era acadar un control total da fabricación de tractores, un obxectivo que ía acorde coa liña da política económica autárquica da Ditadura dende 1939. Porén, os altos requirimentos económicos e científico-técnicos necesarios para fabricar con éxito tractores agrícolas baratos e adaptables impedían á Ditadura, a través das empresas do Instituto Nacional de Industria (INI), fabricar en serie tractores agrícolas.
Entre os intentos fracasados que tiñan colleitado naqueles anos, destacaban algunhas empresas como a sevillana Saca. Finalmente, foron as multinacionais Ford, Lanz e John Deere, as que lograron controlar unha parte importante do proceso da fabricación de tractores agrícolas, acadando así unha situación de privilexio nun mercado que se abría.
Ata os anos 60 a compra de tractores só se podía realizar se se dispoñía dunha superficie mínima de máis de 50 hectáreas ou cultivos de cereais, oliva ou arroz
O comezo da fabricación de tractores agrícolas en 1955 e 1956 non foi, con todo, unha cuestión inmediata. Practicamente ata 1960 non se logrou producir grandes liñas de tractores para abastecer á demanda existente. Un síntoma claro desta incapacidade era o funcionamento do Programa Oficial de Adxudicación de Tractores (Poat), un programa que regulaba, ata a súa desaparición en 1960, o acceso á compra de tractores en función duns criterios necesarios para solicitalos. Entre outros, superficies mínimas en propiedade que adoitaban ser de máis de 50 ou incluso 100 hectáreas, ou tamén o cultivo de cereais, oliva ou arroz. Na práctica e, como é lóxico segundo os criterios sinalados, o Poat funcionou ata a súa desaparición como un limitador ou disuasor da demanda de tractores en agriculturas de pequena propiedade e gandeiras como a galega.
Outra característica da industria española de tractores é que estivo durante toda a Ditadura e parte da democracia moi protexida ante as importacións. Chegouse incluso ata unha situación de mercado cautivo do que se beneficiaron fabricantes como Ebro, John Deere ou Barreiros.
O resultado dese proteccionismo, pola contra, foi que se pagaron polo xeral uns prezos polos tractores máis elevados dos que obterían nun mercado completamente liberado.
A distribución dos tratores en España
Mais, ¿como se difundiron os tractores? Os canais de difusión estiveron controlados polas propias empresas fabricantes ou distribuidoras nas décadas centrais da súa introdución no campo, nos anos 60 e 70 do século XX. Esta situación contrastou coas primeiras décadas dos anos 40 e 50, onde os canais de difusión estaban controlados polo Estado, a través dos concursos anuais de adxudicación do POAT.
A partir dos anos 60, será o Servicio de Extensión Agraria (SEA) o que colabore a nivel local cos axentes de ventas, empresas e distribuidoras, para informar sobre os futuros propietarios. Nesta función difusora tamén participarán os monitores dos cursos de formación de tractoristas que se levaban a cabo a través da Promoción Profesional Obrera (PPO), así como tamén dos técnicos do Instituto de Reforma y Desarrollo Agrario (Iryda). Todos eles acompañaron o proceso de difusión, facilitándolle ás empresas fabricantes e tamén ás distribuidoras a información necesaria para adaptar a oferta á demanda.
Por outra banda, algo que prexudicou probablemente os intereses das comunidades labregas e, pola contra, beneficiou os intereses das empresas fabricantes e distribuidoras, foi a debilidade do sistema de difusión pública de tractores, préstamos de maquinaria ou experimentación. Esta era unha eiva destacada en España, sobre todo en comparación con outros países como Francia, cunha forte rede de centros locais de préstamos e experimentación que servían de servizo, a prezos económicos, para que os labregos e labregas se acostumasen ó manexo do tractor, o seu mantemento, etc. Esta situación era outro resultado directo das políticas da Ditadura, quen profesaba unha profunda desconfianza ás fórmulas cooperativas de uso e compra de maquinaria agrícola.
A Ditadura apostou pola figura do ‘propietario rico-innovador’, que servía de referencia e de exemplo para o resto dos veciños na compra de tractores
Sen fórmulas cooperativas de éxito para amortizar en sociedade os altos custos da compra de tractores, sen campos de demostración públicos locais e cos canais de difusión controlados polas propias empresas, a Ditadura apostou pola figura do ‘propietario rico-innovador’, que servía de referencia e de exemplo para o resto dos veciños na compra de tractores. Deste xeito, pretendíase que eses propietarios serviran de exemplo para as súas aldeas, prestándolles servizos de mecanización baixo arrendo ata que mercaran o propio tractor da casa. Todo isto, en definitiva, axudou a converter a difusión de tractores agrícolas nun proceso extremadamente individualizado. Unha situación que redundaba máis aínda nos intereses dos fabricantes e distribuidores de tractores, que vían como aumentaba de forma extraordinaria a demanda.
Cómpre destacar o alto grao de dependencia tecnolóxica exterior que prevaleceu tanto no sector da fabricación como na dependencia que os distribuidores tiveron das grandes multinacionais. O resultado disto foi que, para cando se completou o cambio tecnolóxico e a demanda española de tractores desapareceu, as multinacionais desmantelaron as fábricas en España, retirándolle o apoio tamén a determinados grupos distribuidores para adaptarse ás novas realidades da fabricación de tractores a nivel europeo e internacional.
Deste xeito, fábricas e distribuidoras españolas sucumbiron mentres as multinacionais continuaron a súa andaina nunha situación de oligopolio repartido entre John Deere, Massey Ferguson e New Holland, este último grupo como resultado da fusión da marca italiana Fiat e da norteamericana Ford nos anos oitenta.
O final da fabricación española de tractores chegou nos anos 90. No caso de John Deere Ibérica S.A., presente en España dende 1963, pondo punto final á fabricación de tractores en 1994 e concentrando a fabricación en Europa nas fábricas que mantiñan en Francia e Alemaña. Do mesmo xeito procedeuse coa fábrica de tractores da antiga Ebro en Barcelona. O grupo fabricante chamado Motor Ibérica S.A., entrara nun lento devalo a partir dos anos 80, debido á caída da demanda de tractores e a problemas estruturais do grupo. Xa en 1986 a fábrica de tractores fora vendida ó grupo xaponés Nissan, o cal vendía á súa vez a fábrica ó grupo, tamén xaponés, Kubota. Porén, os problemas económicos persistirían e a fábrica poría o seu peche en 1994, no medio de grandes perdas económicas e despidos de traballadores.
-Consulta aquí máis información sobre a historia do tractor en Galicia.