A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

De Heus lanza o seu novo plan nutricional para porcino ibérico

A compañía de alimentación animal desenvolve un programa de alimentación que mellora a dixestibilidade grazas aos niveis de proteína utilizados, a calidade da fibra dietética e á incorporación de aminoácidos para favorecer a saúde intestinal dos animais

De Heus lanza o seu novo plan nutricional para porcino ibérico

A firma multinacional De Heus acaba de lanzar o seu novo programa de alimentación dirixido ao porcino ibérico, co que mellora a dixestibilidade dos pensos, no camiño para reducir a resistencia aos antibióticos, unha das preocupacións do sector porcino a nivel global tanto para produtores como consumidores.

Tras meses de investigación, De Heus iniciou o pasado verán a fase de proba de Porciber Digest, un programa de alimentación para porcino ibérico orientado á seguridade dixestiva e á saúde intestinal. Esta liña de pensos mellora a dixestibilidade grazas aos niveis de proteína utilizados, ao incremento da calidade da fibra dietética e á incorporación de aminoácidos e ácidos graxos que favorecen a saúde intestinal dos animais. “Un dos seus obxectivos fundamentais é evitar os problemas dixestivos sen necesidade de antibióticos, reducindo así o uso de premesturas medicamentosas nos pensos, sen afectar aos resultados produtivos”, explica Francisco Rodríguez, xefe de produto de Porcino de De Heus.

Esta liña de alimentación inclúese dentro do proxecto Natural Power que ten como obxectivo lograr que o 100% dos seus pensos estea libre de antibióticos. Cabe destacar, que en 2019 a compañía, dentro das accións deste proxecto xa logrou diminuír o uso de antibióticos en todas as especies animais nun 26%, quedando máis do 95% da súa produción libre de antibióticos. No caso do porcino, a firma conseguiu eliminar o uso de medicamentos nun 39% respecto do ano anterior. De feito, a compañía conta na actualidade con 3 fábricas nas que xa eliminou por completo o uso de premesturas medicamentosas.

“O noso compromiso en porcino está a dar resultados moi positivos. En 2017 eliminamos a colistina das nosas fábricas. A principios de 2018 as sulfamidas, premestura responsable de moitas contaminacións cruzadas; e en 2019 limitamos o uso do óxido de zinc, restrinxindo o seu uso ao noso prestarter principalmente, co obxectivo de eliminalo completamente ao longo de 2020”, asegura Rodríguez.

Paralelamente, desde o equipo de I+D e Compras de De Heus está a avanzarse no uso eficiente das fontes de proteínas nos pensos. “Estamos a traballar co concepto de proteína ideal, que aporte os nutrientes necesarios aos animais de forma máis eficiente e sustentable, á vez que buscamos fontes alternativas de proteína para contribuír tamén á redución das emisións de nitróxeno. Mellorando ademais a eficiencia produtiva e rendibilidade dos nosos granxeiros”, engade Rodríguez.

Alimentación responsable e sustentabilidade ambiental

A compañía De Heus, líder en alimentación animal na Unión Europea, leva máis de tres anos traballando no seu proxecto Natural Power, deseñado para ofrecer respostas ás inquietudes sociais en materia de seguridade alimentaria, benestar animal e respecto ao medio ambiente, e para dotar aos gandeiros das ferramentas necesarias para mellorar os resultados económicos das súas granxas. Así, o proxecto non só aborda os desafíos relativos á nutrición animal, senón que ademais integra o asesoramento aos clientes en materia de manexo, sanidade e alimentación, asegurando ao consumidor final unha proteína animal de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *