Cursos de apicultura durante o mes de xullo no CFEA de Monforte

As accións formativas inclúen iniciación á apicultura, cría de raíñas e selección xenética de colmeas, e cría de abázcaros e produción intensiva de núcleos

Non esquezas alimentar a colmea que levará a cabo a cría real

Actividade práctica de división dunha colmea dentro dos cursos impartidos o pasado ano no CFEA de Monforte

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte de Lemos impartirá durante o vindeiro mes de xullo tres cursos dirixidos tanto a afeccionados como a profesionais da apicultura.

A primeira das accións formativas terá lugar do 5 ao 8 de xullo en horario de 4 da tarde a 9 da noite. Nestas catro xornadas, cun total de 20 horas de formación teórica e práctica, os asistentes acadarán coñecementos básicos sobre as abellas, o manexo das colmeas e a produción de mel.

Asimesmo, o CFEA monfortino impartirá tamén o vindeiro mes un curso de cría de raíñas e selección xenética, que se celebrará os días 15 e 27 de xullo de 4 a 8 da tarde, e outro de cría de abázcaros e produción intensiva de núcleos, que será os días 20 e 22 no mesmo horario.

30 prazas por curso

A cada un destes cursos, de carácter gratuito e que integran o programa formativo deste ano da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), pertencente á Consellería do Medio Rural, poderá asistir un número máximo de 30 persoas. Terán preferencia persoas en activo dadas de alta en actividades agrogandeiras ou persoas mozas con formación relacionada con este ámbito que teñan intención de incorporarse.

Para poder asistir será necesario cubrir o seguinte formulario de inscrición e envialo asinado en formato pdf por correo electrónico a cesar.crespo.vazquez@xunta.gal. A data límite para enviar as solicitudes é o día antes do inicio de cada curso.

Varroa e vespa velutina

O calendario formativo completarase en outorno con tres novos cursos, sobre actualización dos medios de loita contra a vespa velutina, sanidade apícola e control integrado de tratamentos contra a varroa, e cata de meles.

É o terceiro ano que se celebra no CFEA de Monforte de Lemos cursos específicos sobre apicultura dentro do programa de formación do centro.

Programa completo:

DatosCursosAPI2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información