“Cos colares con GPS, podo saber en todo momento onde están as vacas, gañei en tranquilidade e en tempo”

María Páez é unha gandeira de Viana do Bolo (Ourense) que instalou dispositivos de xeolocalización en todo o seu rabaño, cos que pode monitorear parámetros como a ubicación, a actividade e a temperatura dos animais

“Cos colares con GPS, podo saber en todo momento onde están as vacas, gañei en tranquilidade e en tempo”

María Páez traballando nas instalacións da súa granxa

María Paez (Viana do Bolo, Ourense) xestiona unha das primeiras granxas galegas en implantar dispositivos de xeolocalización en boa parte dos animais da súa gandería extensiva. O sistema, desenvolto no marco do proxecto Gelob (Gestión de la Ganadería Extensiva en hábitats de lobo), trátase dunha innovación tecnolóxica que permite, por unha banda, axudar ao gandeiro no seu día a día e mellorar as condicións de manexo a través de sistemas de xeolocalización e monitorización do gando e, por outra, detectar ataques de lobos en zonas de gandaría extensiva ou trashumante. “Sinceiramente, cambioume a vida por completo. Desde que me instalaron os 30 colares que teño gañei en tranquilidade e tamén en tempo”, explica María.

Na miña zona hai algunha estrada perigosa e iso é algo que sempre me preocupou. Agora, con acender o móbil xa podo saber cando me teño que achegar para pastorealas cara os lugares que me interesan

Antes, esta gandeira ourensá tiña que estar pendente continuamente da localización das súas vacas, pero agora a presión non é tanta e permitiulle gañar tempo para diversificar o seu traballo. “Na miña zona hai algunha estrada perigosa e iso é algo que sempre me preocupou. Agora, con acender o móbil xa podo saber cando me teño que achegar para pastorearlas cara os lugares que me interesan”, engade. Ademais, María agora é capaz de xestionar os pastos con eficiencia: “Como cada mes temos un informe do percorrido das vacas, podo saber que zonas están máis pastadas e cales menos. Deste xeito, fago un manexo moito máis optimizado”.

Entendemos que por agora Gelob está nunha primeira fase de toma de contacto e que, co paso do tempo, o prezo acabará baixando

Aínda que, en liñas xerais, María está contenta, tamén achega algunhas críticas construtivas. Principalmente dous: o prezo e a cobertura. “Para unha gandaría familiar como a miña, o desembolso que hai que facer por cada colar é importante e aínda estamos a valorar se realmente vai poder compensar. Aínda así, entendemos que é unha primeira toma de contacto e que, co paso do tempo, o prezo acabará baixando”, argumenta María. En calquera caso, o outro problema que se lle presenta a María ten unha solución máis complexa: “Nós non vivimos no centro de Madrid. Os gandeiros vivimos en zonas rurais onde hai pouca cobertura ou, ás veces, ningunha. Entón, se teño as vacas nunha desas zonas e non hai liña, a utilidade pérdese por completo”, remata.

Como moitas gandeiras, María naceu, como ela mesma di, entre vacas. Cando era pequena, a súa nai xestionaba a explotación familiar que contaba con menos de 30 vacas para produción de carne. Aínda que estudou enxeñaría forestal en Lugo, tras uns anos vivindo do sector forestal entre Galicia e Castela decidiu que aquel non era o seu sitio: “Vinme nunha oficina en Ponferrada facendo papelorios de oficina e non tardei moito en reparar que o que realmente quería facer era estar no campo. Non sei se alí gañaría máis ou menos, pero o que teño claro é que na miña granxa son feliz”, explica orgullosa de tomar a decisión de volver á gandería familiar.

As gandeiras desta zona hai tempo que deixamos de sementar. Non imos estar traballando para darlle para comer aos xabarís. Menos aínda cando a terra en Ourense dá producións moi inferiores ás do resto de Galicia

Na comarca de Viana, a gandaría ten algunhas peculiaridades que a fan diferente á do resto de Galicia. Aínda que ten variedade de razas, a vienesa, a limousín e os seus cruces predominan no rabaño. As 39 vacas nodriza de María están sempre en pastoreo e a súa alimentación é completamente natural.

“Aquí xa non sementamos nada, os pastos son as especies que se han ir asentando aquí e que se rexeneran de forma orgánica”, explica esta gandeira ourensá. María conta a día de hoxe con ao redor de 40 hectáreas dedicadas integramente ao pasto porque hai anos que deixaron de sementar centeo e millo.

“As gandeiras desta zona hai tempo que deixamos de sementar. Non imos estar traballando para darlle para comer aos xabarís. Menos aínda cando a terra en Ourense dá producións moi inferiores ás do resto de Galicia. Eu con 40 hectáreas alimento a 58 cabezas. Que se pregunte un gandeiro de Pontevedra ou da Coruña cantas vacas leiteiras podería soster coa miña base territorial”, argumenta.

Unha vaca cun dos dispositivos do proxecto GelobUnha vaca cun dos dispositivos do proxecto Gelob.

O nacemento do proxecto Gelob

A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias,está a poñer en marcha o que pode convertirse nun gran avance tecnolóxico para a gandaría extensiva. Trátase do mencionado proxecto GELOB (Gestión de la ganadería extensiva en hábitat con lobos), unha iniciativa que pretende integrar visións dispares arredor do problema da convivencia do gando co lobo e, á vez, mellorar os resultados económicos das explotacións para facilitar a modernización das granxas.

Neste proxecto colaboran activamente Digitanimal, Fundación para la Investigación en Etología y Biodiversidad, a Universidad Rey Juan Carlos, a consultora CBC, a Junta de Castilla y Leon, a asociación ecoloxista WWF e a Fundación Biodiversidad F.S.P. Deste xeito, pretenden crear a estrutura adecuada para proporcionar instrumentos ao sector gandeiro para realizar unha mellor xestión do gando extensivo e permitir unha convivencia estable entre o gando doméstico e os lobos.

Malia que, nun primeiro momento, a convivencia co lobo fose o eixo vertebrador do proxecto, este grupo de investigación foi máis alá e decidíu darlle un valor engadido: o manexo do gando.

Grazas á tecnoloxía de monitoraxe que desenvolveron, os gandeiros que poñan a funcionar Gelob, poderán ter controladas as cabezas de gando dende o seu dispositivo móbil. Isto é, grazas a unha aplicación e con apenas uns clics, o gandeiro poderá saber onde se atopa cada res e o seu estado mediante algúns datos relevantes do animal, como a temperatura.

Enfocado na gandaría extensiva e a trashumancia

Unha das premisas fundamentais nas que se baseou este grupo de investigadores foi a de entender que o lobo é necesario para a conservación de ecosistemas funcionais, inseparable da defensa da biodiversidade da nosa contorna e da de toda a península. Pero á vez, tamén foron quen de ver a gandaría extensiva como fundamental para manter a poboación en moitas zonas rurais, así como os saberes e tradicións locais ligados ao aproveitamento agropecuario do medio natural. Nese contexto, a trashumancia xoga un papel protagonista.

Unha das tarefas máis tediosas do manexo do gando en producións extensivas é o control dos animais. Onde se atopan e cal é o seu estado son as dúas preguntas clave que esta nova tecnoloxía responde en tempo real. Cómpre ter en conta que o gando vacún que pasta libre en exteriores faino en superficies moi grandes de terreo que, por veces, complica a capacidade dos gandeiros de ter aos animais baixo control. 

O gandeiro pode ver dentro da aplicación web ou o móbil os indicadores de estado dos animais: a temperatura, a distancia percorrida, a súa actividade e localización

“Na actualidade, atopamos amplamente instaurados no mercado diferentes dispositivos tecnolóxicos que permiten a localización e posicionamento de persoas ou vehículos. Con todo, á hora de trasladar os devanditos dispositivos á gandaría atopamos con serios problemas de implantación”, explican técnicos da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros.

Por iso, a empresa tecnolóxica asociada, Digitanimal, desenvolveu un sistema que monitoriza a localización e o estado do animal a través dun dispositivo con diferentes sensores como GPS, sensor de temperatura e acelerómetro que se coloca nos animais e que transmite a información a través dunha rede segura ao ordenador, tablet ou teléfono móbil. Deste xeito, o gandeiro pode ver dentro da aplicación web ou o móbil os indicadores de estado dos animais: a temperatura, a distancia percorrida, a súa actividade e localización.

A continuación pódese observar un exemplo de monitoraxe, coa tecnoloxía Gelob, dun grupo de vacas na contorna da cidade de Ávila:

  • Reportaxe elaborada en colaboración co proxecto Gelob

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información