Convocadas as axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e gandeiros

Supoñen unha inxección de 30 millóns de euros destinados á creación, ampliación e modernización das instalacións industriais ou de venda. Primarase ás cooperativas ou asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0426-301222-0007_gl.html

Prazo: Ata 27/02/2023

Resumo:

Instalacións de Oviganic

Instalacións de Oviganic Ibérica en Monforte de Lemos, beneficiada con esta mesma liña de axudas o pasado ano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e buscan incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.

Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Dos 30 millóns de euros de presuposto total, para o exercicio do 2023 están consignados 12 millóns de euros, para o 2024 a cantidade reservada é de 14 millóns e para o 2025 a contía ascende aos 4 millóns de euros.

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será dun mes contado a partir deste sábado

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá sábado, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano.

Máxima puntuación para as cooperativas galegas

Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes.

Do mesmo xeito que na pasada convocatoria, apoiaranse as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, nos criterios de valoración concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *