Concentración ante Medio Rural polo “sacrificio obrigatorio de animais sans” no saneamento gandeiro

O Sindicato Labrego demanda unha reunión co conselleiro do Medio Rural, José González, para abordar casos como o do baleirado sanitario da granxa de Manzaneda afectada por un positivo de tuberculose

Concentración ante Medio Rural polo “sacrificio obrigatorio de animais sans” no saneamento gandeiro

Isabel Vilalba na concentración de Santiago.

O Sindicato Labrego desenvolveu unha concentración diante da Consellaría do Medio Rural, en Santiago de Compostela, co lema “Polo plan de saneamento fronte á tuberculose bovina e contra o sacrificio obrigatorio de animais sans e as indemnizacións de miseria”.

Na concentración, a secretaria xeral do Sindicato Labrego (SLG) reiterou o apoio á granxa de Manzaneda á que obrigaron a sacrificar tódolos seus animais no mes de marzo, e subliñou que a día de hoxe non houbo ningún tipo de reunión por parte da Consellaría cos gandeiros afectados: “nin sequera se reuniron coa granxa de Manzaneda para indicarlle que dereitos económicos ten ou incluso cal é o procedemento para esta granxa para a entrada ou saída de animais, pese a que o conselleiro dixo que Jorge Mourelo, subdirector xeral, si que ía a falar con eles; entón, isto non se deu e segue sen darse”.

Na mesma liña, Xosé Manuel Parente (SLG Ourense), lamentou a deixadez de responsabilidades na que di, está enrocada a Consellaría, malia á crecente preocupación no agro galego: “O triste é que parece ser que imos seguir sen resposta porque non se quere reunir co Sindicato Labrego. O único que fai é intercambiar notas de prensa nos periódicos. É lamentábel que ante esta situación na que están aparecendo casos de positividade e se fan baleiros sanitarios, ninguén da Administración sexa capaz de sentar a falar cos titulares das explotacións que están vendo como se rompen as súas vidas”.

“En zonas con prevalencia superior de tuberculose, non se sacrifican tódolos animais das granxas afectadas por un caso. É algo discriminatorio para Galicia” (Isabel Vilalba)

Isabel Vilalba voltou incidir ademais en que a catalogación ‘prevalencia 0 de tuberculose bovina’ en Galicia, declarada dende o ano 2022 -malia estar constatada cientificamente a súa presenza en reservorios de fauna salvaxes-, está a carrexar graves consecuencias para as granxas do noso país: “a primeira é matar animais sans, moitos animais sans, o cal non vai levar a ningunha situación de erradicación da enfermidade nin de un mellor control. A outra cuestión é que as indemnizacións son totalmente insuficientes para que estas granxas continúen, é dicir, significa para moitas pechar dun día para outro”.

Vilalba tamén chamou a atención sobre o contraditorio desta medida: “mentras tanto, ás granxas ca mesma situación pero en territorios con prevalencia superior só se lles sacrifican os animais positivos. É dicir, podemos chegar ao caso de que nunha granxa galega á que lle acaben de matar tódolos animais entre gando novo doutra na que tamén se detectou un positivo, pero nun territorio con prevalencia superior. É totalmente absurdo e discriminatorio para Galiza”, valora.

“Se se dese un caso nunha granxa de 400 animais, sacrificaríanse tódalas vacas?”, cuestiona Isabel Vilalba

O Sindicato Labrego dubida ademais de que se vaia aplicar o mesmo protocolo en tódolos casos: “Querémoslle preguntar ao conselleiro se nunha desas granxas que lle gusta a el visitar, de 400 ou 500 animais, se cando apareza o primeiro positivo van matalas todas tamén ou se so esta cuestión lle parece ben cando son granxas máis pequenas”, cuestiona Seivane.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información