Forestal

Como o inventario forestal continuo de Galicia está a analizar os recursos do monte

O control da evolución das masas forestais por imaxes satélite abre novas posibilidades, como a de definir mapas de dispoñibilidade de aproveitamentos madeireiros

Alejandro Gómez 20/04/2022 3:31 p.m.

O inventario forestal continuo de Galicia está xa a obter os seus primeiros resultados, con datos publicados sobre catro concellos, un por provincia: Alfoz (Lugo), Oia (Pontevedra), Laza (Ourense) e Abegondo (A Coruña). Coñecemos máis sobre o proxecto do inventario forestal continuo da man de Juan Picos e de Julia Armesto, ambos da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), que participaron recentemente nunhas videoxornadas forestais para presentar os primeiros resultados da iniciativa.

Orixe
A pesar da existencia dun inventario nacional que se realiza cada 10 anos, “a propia natureza do medio, un entorno forestal activo como o galego, ou as propias dinámicas rurais facían necesario reducir ese intervalo”, explica Juan Picos.

Deste xeito, ábrese no 2020 un convenio entre a Consellería de Medio Rural, a Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo para poñer en marcha o inventario forestal continuo de Galicia. A idea é “non só reducir ese intervalo de 10 anos entre inventarios, senón asumir un traballo continuo de seguemento dos recursos forestais en Galicia, podendo actualizarse o máis en tempo real posible”.

Obxectivos
Pero,en que consiste o inventario? O que busca é “caracterizar os recursos forestais tanto en superficie como noutras variables, como existencia de madeira”, define Juan Picos. Para definir os parámetros a estudar, procedeuse a “unha consulta a entidades do Consello Forestal de Galicia para coñecer as variables que podían ser de interese para elas”, explica.

A partir das súas respostas, “optouse por proceder a un inventario forestal aumentado, incluíndo as variables dos recursos forestais, e cuantificar outras, como o seu aproveitamento desde o punto de vista económico, tecnolóxico ou legal; isto é, nunha masa determinada, ademais de saber a especie e a cantidade, amosar posibles restricións en torno a patrimonio ou rede natura, por exemplo, ou mesmo atribuír a propiedade do monte, etc.”, detalla o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos.

Sistema
Para conseguir isto, o proxecto parte do uso de imaxes satélite “que non só procuran facer un rexistro do mapa de vexetación, senón tamén aplicar unha serie de variables á superficie de control”.

Este proxecto “vai ir gañando eficiencia co paso da constancia, posto que é esta última a que nos vai dar unha inercia na medición, e precisión”, amplía o enxeñeiro. A evolución máis próxima xira en torno á integración de novas variables, como “capturas con tecnoloxía Lidar, o que nos permite ir introducindo melloras e afinando o sistema”, detalla.

Entre as vantaxes que aporta o Inventario está “o acceso a unha información actualizada dos recursos, o cambio de percepcións sobre o territorio por datos precisos, e en definitiva, ter unha información precisa que permita tomar medidas obxetivadas”, aporta Picos. O traballo polo desenvolvemento deste inventario forestal continuo “é unha carreira de fondo”, remata.

En canto ás perspectivas de futuro, Juan Picos afirma que “para Galicia non hai opción de que non teña un proxecto continuo de medición e estimación transparente, tanto para políticas, como para axentes privados do mercado ou para os propios consumidores de madeira do territorio, xa que permite observar que os recursos proveñen dunha superficie totalmente controlada”, defende.

[box style="0"]

Resultados

Na súa intervención nas xornadas, a doutora en enxeñería de montes Julia Armesto aludiu a dúas liñas de resultados: a detección de cambios en masas forestais mediante cartografía de media resolución, e un mapa de usos xerais en alta resolución.

As imaxes da teledetección proveñen de dous satélites, o Sentinel2, de Copernicus, e o Worldview 3, diferenciados, entre outras cuestións, pola súa resolución. As imaxes obtidas intégranse con algoritmos para ver cambios na evolución de masas forestais, e compróbanse con traballos de campo da empresa Seaga, para “ir adestrando o algoritmo para o territorio galego, e así clasificar eficazmente os recursos”, destaca Juan Picos.

Imaxes de media resolución: cambios no monte
Nun primeiro momento, os resultados da detección de cambios con Sentinel2 tiveron que pasar por un filtrado e eliminación de ruído, e pola localización de falsos positivos. Unha vez corrixidos estes erros, lograron o “obxectivo primixenio de identificación de cortas ano a ano”, explica Armesto.

[caption id="attachment_167576" align="alignright" width="660"] Gráfico que amosa resultados cartográficos do satélite Sentinel2[/caption]

Imaxes de alta resolución: mapa de usos
En canto á cartografía de alta resolución, con imaxes dos satélite Worldview 3, cómpre partir da consideración de que “a fiestra temporal de adquisición é moi ampla, polo que as imaxes vense afectadas pola perda de folla dalgunhas especies, e polo cambio de incidencia solar, o que da lugar a sombras, e con elas, dificultades de identificación de información”, matiza Armesto.

Ao igual que no caso de Sentinel2, ás imaxes de alta resolución do Worldview 3 aplícaselles un algoritmo de clasificación, afinado e adestrado cos traballos de campo de Seaga. Ademais, a estas imaxes tamén se lles aplican correccións doutras fontes de medición, como os resultados das análises multitemporais de Sentinel2, ou a aplicación de Lidar para controlar o arborado de rexeneración. Desta maneira, precísanse os usos do monte e as especies que o integran.

[caption id="attachment_167579" align="alignright" width="660"] Imaxes comparativas da integración de correccións a partir doutras tecnoloxías [/caption]

A pesar de que, polo de agora, na detección de novas plantacións ningunha das metodoloxías é plenamente efectiva, no resultado final do Worldview 3 obsérvase unha maior precisión. Non obstante, desde o grupo de investigación, están traballando en métodos complementarios para tentar estimar estas superficies.

[caption id="attachment_167582" align="alignright" width="660"] Imaxe cartográfica sobre a diferenciación de variedades de conífera en Laza[/caption]

Definir a viabilidade de aproveitamentos
Unha vez chegada á obtención das clasificacións dos terreos nos mapas de usos, o proxecto procedeu a “unha caracterización da viabilidade de aproveitamento”, explica Juan Picos. A metodoloxía seguida para este caso parte da aplicación dunha serie de indicadores por píxel ás cartografías de Sentinel2, como poden ser “a forma da parcela, a superficie, a pendente, a distancia á vía de saca máis próxima, ou a fragmentación do entorno da parcela; entendendo que estes factores son os que poden condicionar o aproveitamento”.

Nesta caracterización, tamén se inclúen as seis restricións legais máis importantes sobre o aproveitamento, é dicir, “aquelas vinculadas a infraestruturas, patrimonio cultural, augas, espazos naturais, costas e estradas”, detalla Picos. Coa agregación de todos estes indicadores e variables xerouse “un modelo de dispoñibilidade de aproveitamento técnico, e de dispoñibilidade legal de aproveitamento que, combinados, esperamos que poidan caracterizar a posibilidade de aproveitamento en cada unha das áreas que se estuden”, avanza.

[caption id="attachment_167573" align="alignright" width="660"] Imaxe sobre a definición do inventario forestal aumentado[/caption]

Adicionalmente á cartografía forestal, “o Inventario Forestal Continuo de Galicia inclúe o levantamento de parcelas en campo, de xeito complementario, baixo o deseño dos investigadores da USC liderados por César Pérez Cruzado”, engade Juan Picos. Nestes traballos medíronse preto de 400 parcelas nunha rede piloto e estanse comezar os traballos da rede definitiva na que se agarda chegar a unas 4000 parcelas.

Nelas adquírense datos sobre as especies, tamaño das árbores e numerosos parámetros que facilitarán a extensión da información da mostra ao conxunto do monte galego” -especifica Picos-. Este proceso está coordinado coa rede de danos dos bosques e inclúe a toma de datos sobre o mato “para desenvolver un mapa de combustibles que axude á prevención e á loita contra os incendios forestais, cuestión no que están a traballar o Centro de Investigacións de Lourizán e a Universidade de Vigo”, detalla.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada