Apicultura

A colleita de mel redúcese, afectada pola seca estival e as chuvias da primavera

A meteoroloxía irregular condicionou a floración e a actividade das abellas, tanto na costa como na montaña, o que provoca en xeral unha baixada da produción esta campaña

L. Martínez 10/08/2020 1:29 p.m.

Este ano, as previsións dos abelleiros e as primeiras esmelgas xa realizadas, sobre todo en zonas de costa, fan prever unha menor colleita de mel, ademais de resultar moi dispar. Unha primavera cunha meteoroloxía moi irregular deixou consecuencias nos apiarios, cunha redución tanto do mel coma da produción de polen.

A seca dos últimos meses tampouco contribuíu a mellorar as previsións, posto que floracións como a do castiñeiro ou da silva foron escasas en moitas zonas da montaña, o que condicionará a colleita de mel.

No sector tamén se apunta a que a produción será este ano moi irregular. Así, algúns apicultores teñen boas previsións de colleita, pola contra outros están a ver reducida a súa produción de xeito moi notable.

Baixa produción na costa

“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”, resume Xesús Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA). A meteoroloxía cambiante dos primeiros meses da primavera provocou, segundo explica Asorey, que moitas colmeas comezasen a traballar moi cedo naquelas zonas do litoral centradas, sobre todo, no mel de eucalipto. “O mal tempo que lles veu despois fixo que moitas colmeas xa non puidesen volver recuperar. Así é que na costa hai moitos apicultores que non teñen case ningún mel”, detallan dende AGA.

“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”: Xesús Asorey, AGA

A mesma opinión comparten dende a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “A previsión xeral é que sexa unha colleita menor que a doutros anos, aínda que nalgúns casos puntuais pode lograrse boa produción”, valora Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia. A meteoroloxía cambiante da primavera condicionou en gran medida non só a produción de mel de eucalipto na costa, senón mesmo a supervivencia dos apiarios.

“As chuvias do mes de abril pillaron a moitas colmeas moi avanzadas na produción de mel, pero cando volveu o bo tempo xa non conseguiron recuperarse, porque xa rematara a floración. Houbo moitas colmeas que comeron toda a produción que tiñan e mesmo algunhas chegaron a morrer de fame”, detalla Ordóñez.

“Houbo moitas colmeas que na primavera comeron toda a produción que tiñan acumulada”: Esther Ordóñez, Mel de Galicia

Tamén coinciden nestas valoracións dende Mieles Anta, a maior produtora de mel de Galicia. A pesares de que a maioría das súas colmeas se atopan na montaña lucense, tamén contan cunha pequena parte da produción na costa, onde este ano as previsións de colleita son máis baixas. “Nas colmeas da costa está a haber moi pouca cantidade de mel. No resto, aínda que non é unha das mellores colleitas con respecto dos anos máis abundantes, agárdase ter mesmo un 10% máis de produción que o ano pasado”, concreta David Iriso, xerente de Mieles Anta.

Cunha produción anual dunhas 300 toneladas de mel, a empresa lucense comezou a finais de xullo coas primeiras esmelgas, logo de rematar a recollida de polen, que lles resultou mellor que a campaña pasada. “Este ano acadamos unhas 7 toneladas de pole de castiñeiro, pero a avespiña está a afectar moito e redúcese a recollida ó non botar ou ter menos flor os castiñeiros”, detalla Iriso.

A seca, un dos condicionantes

Mentres na primavera foron as chuvias, a baixada de temperaturas e a inestabilidade as que condicionaron a colleita, nas zonas de interior e na montaña a seca prolongada dos últimos meses tamén influíu directamente na produción. Así o poñen de manifesto dende a Asociación Provincial Lucense de Apicultores. “Non é un dos peores anos, pero en xeral parece que vai haber menos produción”, explica Pablo Piñeiro, presidente do colectivo e apicultor.

Nos seus apiarios, situados na zona da Pontenova (Lugo), xa realizou a esmelga en días pasados e a produción foi bastante boa, porén indica que moitos abelleiros da zona do interior e da montaña de Lugo están notando os efectos da seca. “Nas zonas máis próximas á costa as floracións de castiñeiro e silva van case cun mes de adianto, co que as abellas puideron aproveitalas moi ben. Tamén para eles o comezo do ano, coa flor do eucalipto, resultou boa, pero na montaña esta seca fixo que esas flores non foran tan produtivas”, detalla Piñeiro.

"É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas para que poidan superar malas condicións meteorolóxicas": Román Cid, Abellas Nais

Na provincia de Ourense, a situación é moi irregular, con apiarios onde as perspectivas están a ser boas e outros nos que xa contan cunha baixa produción, segundo explica Román Cid, promotor da Asociación Abellas Nais. Así, na zona Verín, Ourense ou A Veiga, algúns dos socios constatan que está a ser un ano frouxo de mel. Porén, no Carballiño ou en Celanova, algúns dos apicultores asociados apuntan a que terán producións de entre 30 ou 40 quilos por colmea.

Nesta provincia, cunha importante produción de mel, os recentes incendios en concellos como Cualedro ou Monterrei tamén deixaron danos nos apiarios. "Cada ano vémonos afectados polos lumes nas colmeas, nunha época na que non só perdemos as nosas abellas senón tamén a produción de mel",valora Cid.

Dende a Asociación Abellas Nais inciden en que, a pesar do papel fundamental que xoga a meteoroloxía para a colleita do mel, tamén os coidados dos abelleiros son determinantes. “É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas e preparadas para que poidan superar as malas condicións meteorolóxicas. O manexo que se fai do apiario é determinante”, explica Cid, ó tempo que recomenda optimizar o apiario e optar por un menor número de colmeas ben xestionadas e coas que garantir unha maior produción.

[box style="0"]

Adianto da esmelga

Nas últimas tempadas, tamén se está detectando un adianto da esmelga, que nalgúns casos mesmo chega a ser dun mes. Mentres que hai anos, a cata das colmeas adoitaba realizarse en setembro, sobre todo naquelas zonas de montaña e interior de Galicia, agora estes traballos realízanse, en moitos apiarios xa a finais de agosto ou mesmo no mes de xullo, máis aínda cando se trata das zonas costeiras.

Un dos motivos que está detrás deste adianto é a presenza de vespa velutina. “Os apicultores prefiren recoller antes o mel e protexer as abellas contra o ataque da velutina, que é máis intenso nos últimos meses do verán”, explica Asorey.

A posibilidade da venda directa do mel ós turistas e visitantes é outro dos motivos que apuntan dende o sector para querer realizar a esmelga máis cedo e aproveitar a maior presenza de clientes nos meses de estío.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada