De Heus, coa súa dilatada experiencia no ámbito da nutrición de vacún leiteiro, foi capaz de adaptar, segundo a demanda xenética dos animais e a evolución das explotacións, un plan de recría que permite cubrir as necesidades dunha maneira eficiente, aproveitando así todo o potencial xenético das tenreiras, desde o nacemento ata o parto, buscando como último fin o alcanzar unha produción vitalicia excelente e un animal san.
Neste período son moitos os factores que inflúen no resultado. As granxas xóganse moito neses 22 a 24 meses de duración da recría, debido a que se está facendo un investimento de diñeiro en forma de alimento que rolda entre os 1.650 e 1.850 euros hoxe en día, ademais dos custos de man de obra, uso de instalacións, e tamén outros factores ocultos difíciles de medir, como o impacto económico da idade ao primeiro parto, ou o impacto dunha recría ineficiente na produtividade futura dese animal.
Por este motivo, é clave deseñar sistemas de recría simples pero moi eficientes para conseguir xatas que cheguen ao parto en menos de 24 meses, cunhas condicións de desenvolvemento óptimas que garantan animais moi produtivos, eficientes e lonxevos que permitan xerar un retorno económico da recría óptimo.
Todo isto resúmese nas características dunha xata Kaliber.
• Idade ao primeiro parto sempre menor a 24 meses.
• Gran desenvolvemento musculoesquelético.
• Sen engraxamento.
• Peso posparto 570 quilos.
Para conseguir estes resultados debemos conseguir a máxima eficiencia durante todo o período de recría. Son moitos os factores que inflúen nos resultados:
• O plan de manexo e alimentación das vacas en transición. O Plan Prelacto para período seco é clave para a viabilidade da futura tenreira. As últimas tres semanas de xestación supoñen un reto metabólico crucial, polas demandas de calcio tanto para o crecemento rápido da tenreira, como para a formación do calostro.
Recentes estudos relacionan directamente equilibrios macrominerais en racións de vacas secas con calidades de calostro e, por tanto, a inmunidade da tenreira. Condicións de Score Corporal inadecuadas afectan directamente á cantidade e á calidade do calostro en termos de concentración de IgG. A pregunta obrigada é: medimos e rexistramos a calidade do calostro para obter conclusións de soporte á toma de decisións? A estratexia de manexo e subministración é un punto crave que determina a produtividade futura.
• As instalacións e o manexo das vacas secas, tanto na estratexia de alimentación como na duración do período seco.
• Agrupamentos e momentos de emprazamentos.
• Plan vacinal para a prevención de problemas respiratorios e profilaxes de problemas dixestivos.
• A hixiene da paridera.
• Deseños de estratexias de alimentación durante a lactación personalizados en función das posibilidades e características de cada granxa.
• Sistemas de ventilación artificial. Existen sistemas moi avanzados, capaces de calcular niveis de CO2 e NH3 en función do número de tenreiras e programar en función dunha temperatura de aire ideal ciclos de extracción e renovación de aire que brindan niveis de confort moi altos.
A nivel nutricional, é fundamental considerar as realidades fisiolóxicas cambiantes ao longo das catro fases do período de recría.
Se nos centramos na idade comprendida entre o destete e o primeiro parto, ás veces atopámonos con instalacións non adecuadas, xatas alimentadas con restos de racións de lactación ou con forraxes de baixa calidade. Isto fai que o desenvolvemento da xata non sexa o correcto e atrásase a idade do primeiro parto. O obxectivo sería conseguir que o primeiro parto tivese lugar antes dos 24 meses, incluso achegándose aos 20 meses, a condición de que o desenvolvemento do animal no momento da inseminación sexa correcto.
Nunha granxa de 100 cabezas, un retraso medio dun mes nos partos supón unha perda de 9.000 euros ó ano
O impacto económico é considerable. Para unha explotación de 100 cabezas, cada mes de atraso na media de partos supoñería aproximadamente 9.000 euros ao ano, ou visto doutro xeito, cada mes que adiantamos o primeiro parto supón un aforro dun 10% do custo de recría da xata, baseado no menor custo de alimentación do ciclo de recría máis curto, o menor stock de animais necesarios e a maior produtividade contrastada dos animais que chegan antes ao parto.
Para evitar este sobrecusto e conseguir unha altura e pesos correctos a fin de reducir a idade de primeira inseminación deben de marcarse uns obxectivos para seguir. Para iso, podemos dividir o período de recría en 4 etapas. A primeira, desde o nacemento ao destete (fase nova). Como xa mencionamos anteriormente, é unha etapa clave para a futura tenreira.
A etapa de crecemento. Vai dende o destete ata os 8 meses. A intención é conseguir 900-1000 gr GMD, promover o crecemento do sistema esquelético, tanto óseo como muscular, e evitar o engraxamento, que é contraproducente para unha correcta función ovárica e desenvolvemento mamario.
Momento da inseminación
A seguinte etapa sería a fase de puberdade, entre os 8 e 14 meses. A puberdade aparece cando o animal alcanza o 45 a 50% do seu peso como adulto. O corpo da tenreira continua o seu desenvolvemento en peso e altura, evitando o depósito de graxa do mesmo xeito que na etapa anterior. A esta idade, incluso un pouco antes (5 meses), xa existe a capacidade plena de dixerir fibras e producir ácidos graxos volátiles como substrato enerxético. Os requerimentos enerxéticos e de PB son algo menores, pero non debemos descoidalos.
A recomendación para esta etapa é dunha GMD entre 800- 900 g/día. A inseminación debe facerse cando as xatas teñen unha estrutura corporal adecuada acorde ao momento Kaliber obxectivo, sen ser o peso un carácter definitivo á hora de facelo. Deberían ter unha altura superior a 1,33 metros á cruz.
Na fase de xestación, desde o momento da inseminación ata parto, o noso obxectivo é o desenvolvemento da xovenca cun mínimo depósito de graxa. Un correcto crecemento permitirá o óptimo desenvolvemento do feto e un animal saudable. O obxectivo desta etapa a nivel nutricional é conseguir altos consumos de materia seca cunha boa achega de fibra de calidade.
Unha vez confirmada a preñez, a ración debería estar en torno ao 15% de PB. O obxectivo sería alcanzar consumos de materia seca de aproximadamente 11 quilos aos 22 meses. A altura ideal das xovencas ao parto é de 1,40 metros de altura á cruz e un peso de entre 610 e 630 quilos en preparto.
Como identificamos unha xata Kaliber?
Os ‘Puntos Kaliber’ son os indicadores que utilizamos como complemento da ganancia de peso diaria para confirmar que imos polo camiño correcto. Consisten na visibilidade da marca das últimas costelas, a visibilidade da liña dorsal nunhas proporcións de altura e peso axeitadas como garantía de que non estamos a engraxar ás xovencas e estamos a evitar os efectos nocivos que este proceso ten sobre o noso proxecto.
Para garantir un bo crecemento é esencial controlar nas dúas primeiras fases a cociente PB/EM, debido a que se esta relación non é correcta non cumpriremos os puntos de control futuros e non lograremos o obxectivo. A modo de conclusión podemos dicir que, no deseño dun plan de recría, é moi importante saber onde queremos chegar.
O noso obxectivo debe ser lograr unha xata de alta produción, que mellore a lonxevidade da granxa, ao mínimo custo e evitar os custos ocultos que xeran ineficiencias tales como:
• Baixos aumentos medios diarios na etapa de lactación.
• Mortalidade.
• Atrasos na idade ao primeiro parto.
• Eliminación de xata en primeira lactación.
Para chegar a este ambicioso obxectivo, debemos poñer en orde todos os factores, tanto internos como externos, para que nos acheguen:
• Un rápido crecemento para optimizar a ocupación do espazo e non sobrecargar a gandería de recría.
• Unha óptima transición de pre-ruminante a ruminante que nos permita seguir afrontando os cambios fisiolóxicos internos e como piar para o desenvolvemento musculoesquelético, que será factor primordial na capacidade de inxestión de materia seca.
• Unha rápida chegada á fase de puberdade con bo desenvolvemento do aparello reprodutivo que nos permita unha xestación a unha idade media de 13 a 14 meses. Ata que chega o momento da puberdade, a tenreira pasou por dúas fases nas que hai que procurar que o equilibrio entre necesidades de crecemento e o que lle achegamos sexa correcto.
Para evitar chegar á fase de puberdade con tenreiras fóra de condición corporal é necesario establecer un sistema de monitorización e pesadas periódicas baseados no sistema Nutriexpert do equipo técnico de De Heus.