A Xunta de Galicia conta ao longo deste ano con 10 drons máis, que se suman aos 2 do ano anterior, durante a tempada de alto risco de incendios, que arrancou o pasado 1 de xullo e que se prolongará ata o próximo 30 de setembro.
Estes vehículos non tripulados traballan na localización de incendiarios e na mellora da vixilancia preventiva, na detección e na extinción de lumes. Así mesmo, dan apoio na medición e na avaliación de superficies queimadas, así como na detección de posibles incumprimentos en materia de xestión de biomasa ou distancias de plantación.
Os drons están controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Deste xeito, incorporan un sistema anticolisión perimetral, con sensores frontal, inferior, traseiro, superior e lateral. O seu tempo de voo está entre os 20 e os 30 minutos e incorporan unha cámara dual con varios modelos de visualización de vídeo. Así, grazas a estes aparellos, poderanse tamén controlar as posibles accións delituosas que poidan supoñer un risco de incendio forestal.
Deste xeito, mediante a tecnoloxía que brindan estes drons, poderanse tomar decisións en incendios activos ou estabilizados grazas ao envío de cartografía e determinación de puntos quentes, co obxectivo de atallar os focos que se poidan producir.
Vixilancia fixa
A maiores do aumento dos dispositivos móbiles, a Xunta mellorou tamén a vixilancia fixa. Así, un total de 32 novas cámaras de última xeración xa están instaladas nos montes galegos, sumándose ás 88 xa despregadas na Rede de videovixilancia forestal.
Desta forma, este ano un total de 120 cámaras vixiarán en tempo real case o 60% da superficie da comunidade.
“O uso do dron aporta múltiples vantaxes na loita e prevención de incendios forestais”
O persoal do distrito forestal 19, que abarca as comarcas de Pontevedra, Caldas, O Salnés e O Morrazo, é un dos que comezou a traballar este ano cun dron para mellorar a loita e a prevención contra os incendios forestais.
“O dron entregáronnolo a comezos da época de alto risco de incendios deste ano, polo que aínda é recente para facer unha avaliación”, explica Carlos Magariños Fernández, axente ambiental da Brigada de Incendios Forestais do distrito XIX e que, xunto a outro compañeiro, é o responsable de pilotar o dron, despois de superar un curso de formación avanzado o pasado mes de setembro.
Ao igual que os outros 12 drons da Consellería do Medio Rural que empregan este ano o persoal das brigadas de incendios, trátase dun DJI Mavi 2 Interprecide Dual, equipado cunha cámara térmica infravermella que analiza automaticamente con gran precisión a temperatura de persoas, animais ou calquera outro obxecto inerte sobre o terreo, pero sobre todo detecta con gran precisión lumes cando son incipientes.
O peso do aparello é de tan só 905 gramos, o que facilita moito o traballo, e está equipado cunha batería que lle permite aproximadamente uns 30 minutos de voo nun radio máximo de 1 kilómetro arredor do piloto. “No noso caso, levamos 3 baterías, polo que temos máis tempo de voo e ao irmos dous pilotos, o principal e o auxiliar, podemos, dependendo da emerxencia, voar con el a 1 km de distancia, por riba dos 500 metros que establece a normativa”, explica Carlos Magariños.
As numerosas vantaxes que aporta o dron na loita e prevención de lumes
“Agora mesmo no noso distrito estamos voando co dron principalmente facendo labores de disuasión, pero as vantaxes e potencialidades que nos aporta no noso traballo son múltiples”, recoñece o axente ambiental da Brigada de Incendios Forestais do distrito XIX. Entre os avances que supón esta nova tecnoloxía destaca:
-A visualización dun dron voando ten un efecto disuasorio para os posibles infractores.
-Mellora a vixilancia e detección de posibles infraccións e delitos no monte ou no medio natural. Por exemplo, o uso do dron permítelles detectar vehículos e outra maquinaria que circule polo monte e identificar aos infractores.
-Permite realizar de forma rápida, a baixo custo e sen pór en risco a vida dos pilotos, unha vixilancia aérea do territorio, con imaxes de vídeo e fotografías de alta resolución.
-Permite analizar o estado da cuberta vexetal, sobre todo arborado, para detectar posibles pragas e enfermidades, así como realizar labores topográficas, o que supón un aforro de tempo e esforzo, especialmente en zonas de difícil acceso.
-Unha das súas principais vantaxes é que permite detectar focos de lumes incipientes e difíciles de visualizar por estaren en zonas tapadas ou de altura. “E unha vez que se produce o lume, sérvenos para facer un estudo da súa posible evolución, detectando tamén pistas para acceder e vías de escape para o persoal de extinción”, precisa Carlos Magariños.
E é que o dron envía en tempo real información ao dispositivo ao que está conectado, como unha táblet ou teléfono móbil, o que permite ter máis datos para atacar o incendio cos medios terrestres e aéreos.
-O uso do dron, que tamén pode voar de noite, posibilita controlar certos riscos nun incendio que non se ven dende terra, como a existencia de vivendas próximas, ou o acceso a zonas que por medios terrestres sería imposible, polo fume e o calor do propio incendio. “O dron pode cruzar o fume, pero un medio aéreo non”, subliña o axente.
-Unha vez extinguido o incendio o uso do dron facilita a medición da superficie afectada, elaborando planimetrías, pero tamén detectando puntos quentes no perímetro do incendio para buscar posibles reproducións.
-”Na investigación dos lumes temos utilizado os drons, que nos valen para facer un estudo dos vestixios físicos do incendio: a xeometría do lume, os indicadores de dirección, elementos naturais que puderan influir na evolución do incendio como ríos, valgadas, estradas, pistas forestais ou camiños. Todo iso vai influir na propagación do lume e non é o mesmo ter que percorrer todo o terreo que miralo dende o aire, con fotos e vídeos de alta resolución que melloran a perspectiva”, engade Carlos Magariños.
-O uso do dron tamén permite realizar dende o aire un estudo de indicios de actividade na zona que poden influír na orixe ou evolución do lume, como gando nas zonas exteriores, fincas agrícolas, liñas eléctricas, zonas de afluencia de xente como merendeiros, ermidas, abellarizas, vertedoiros incontrolados….
Dron empregado este ano pola Xunta para previr e loitar contra os lumes forestais: