A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Así se controla o estrés por calor das vacas nas granxas de Israel

Unha xornada online organizada por MSD Animal Health con expertos israelís explica os sistemas que empregan para mellorar o confort dos animais nunha rexión que se enfronta con frecuencia a altas temperaturas

Así se controla o estrés por calor das vacas nas granxas de Israel

Moitas das granxas de Israel de vacún de leite teñen sistemas de refrixeración por ducha e ventiladores na zona do pesebre.

As elevadas temperaturas na granxa son un factor que condiciona tanto o benestar do animal como a produción. A firma farmacéutica MSD Animal Health abordou recentemente nun seminario como enfrontan ó estrés por calor as granxas situadas en rexións de climas cálidos como Israel. A empresa contou con varios expertos e experiencias en gandarías que están a encarar con éxito estas situacións.

Os esforzos no país de Oriente Medio céntranse en contar tanto con métodos eficaces e economicamente rendibles para paliar as elevadas temperaturas como con dispositivos para coñecer cando a vaca está a sufrir estrés por calor.

O director do Departamento de Produción Animal do Ministerio de Agricultura de Israel, Gaby Adin, achegou durante unha xornada online organizada por MSD Animal Health algunhas das claves que teñen en conta no seu país para aliviar as altas temperaturas que adoitan rexistrar. No verán, nas zonas de costa e montañas, a temperatura media sitúase ao redor dos 30 – 35 graos, mentres que nos vales chega aos 40 graos.

MSD reuniu expertos de Israel que traballan con sistemas para mitigar a calor que se rexistra tanto de día como pola noite

“Nos últimos 40 anos comprobamos como tamén as temperaturas nocturnas se incrementaron, co que a vaca xa non consegue refrescarse pola noite e a produción reséntese se non se empregan sistemas que lle axuden a baixar a temperatura corporal”, detalla o experto.

Detectar o estrés por calor

A combinación de elevadas temperaturas e humidade provoca no animal efectos negativos que afectan á súa saúde e rendemento. “Cando a vaca supera os 39 graos de temperatura corporal ou ben ela ou nós deberemos de facer algo para que se reduza, xa que as súas consecuencias son similares a que estivese enferma”, declara Adin.

Cando a vaca está sometida a unha situación de estrés por calor o seu ritmo respiratorio supera as 60 respiracións por minuto. O consumo de alimento e a produción de leite nestas circunstancias tamén se reduce entre un 10% e un 15%. O mesmo ocorre coa fertilidade do animal, a calidade do calostro que produce ou o peso da cría.

O estrés por calor nestas gandarías reduce o consumo de alimento e a produción de leite entre un 10 e un 15%

Daniel Weisz, técnico agropecuario e director da Finca Kibutz Ein Ashlosha, unha gandaría de vacún de leite situada nas proximidades da fronteira con Gaza, case no comezo do deserto, revela que as perdas por calor poden supor ao redor de 3 litros por día, cando algún dos sistemas de refrixeración cos que contan se avaría.

Unha das ferramentas máis utilizadas para estimar a tensión por calor no animal segue sendo o Índice de Temperatura e Humidade relativa (ITH), que ten en conta ambos factores. Así, cando este índice alcanza un valor de 72 ou superior, o animal empeza a sufrir estrés por calor. Ademais, Adin traballou tamén con outros métodos, como a recompilación da temperatura rectal do animal cada 15 minutos, unhas medicións que ofrecen información dos picos de calor. “Aínda que coñecemos esta información a posteriori, axúdanos a estimar cada canto tempo debemos arrefriar ao animal”, detalla Adin.

Estes traballos leváronnos a cabo en 1980 con vacas cunha produción duns 9.000 quilos de leite ao ano e que permanecían atadas. A observación dos datos permitiulles determinar que cada 2 horas e 30 minutos necesitaban ser refrixeradas durante 45 minutos. O estudo repetiuse hai uns anos con vacas cunha produción de 12.000 quilos ao ano e o tempo reduciuse até ser necesaria a refrixeración do animal cada hora. “Arrefriar o animal cada hora pode ser moi problemático, polas implicacións todas que supón, pero estes estudos dannos unha idea de cal sería a frecuencia óptima”, explica o experto.

Utilizan sistemas de medición da frecuencia respiratoria do animal para estimar cando sofre tensión por calor

Un dos métodos que se están empregando nestes momentos en Israel é o control das respiracións das vacas mediante a instalación de dispositivos que monitorizan a frecuencia respiratoria a través de colares. “Permítenos identificar o momento do día no que a vaca necesita da axuda do gandeiro para arrefriarse”, apunta Rotem Rabinovich, técnico da firma Allflex, empresa que está a desenvolver estes sistemas en granxas de Israel.

“Ao monitorizar a frecuencia respiratoria e detectar que as súas respiracións son entre 60 e 70 por minuto, sabemos que nese momento o animal está a sufrir de estrés por calor, xa que só pode estar a respirar. Esa frecuencia respiratoria non lle permite xa nin comer nin estar remoendo”, concreta o experto. Este é o sistema que empregan tamén na gandaría que xestiona Daniel e no que se baseou para establecer os momentos en que arrefriar ás súas vacas.

Mecanismos para regular a temperatura na granxa

Nas gandarías israelís adoitan optar por combinar diferentes sistemas de ventilación e arrefriado dos animais para reducir a tensión por calor. Así, en granxas como a que xestiona Daniel dispoñen de sistemas de refrixeración directa, que combina duchas con ventiladores, que están colocados na zona de muxido e funcionan durante uns 45 minutos. “É importante que as vacas nunca volvan ao grupo molladas, por iso empregamos os ventiladores. Desta forma conseguimos reducir a súa temperatura e evitar outros problemas derivados da humidade como os fungos, a irritación da pel ou a aparición de mastite”, detalla o produtor.

Refrigeracion-indirecta-granjas-Israel-MSD

Sistemas de refrixeración indirecta en granxas de Israel.

A estes, súmanse sistemas de nebulización, onde o achegue de auga é inferior, xa que o gasto de auga é unha das limitacións que teñen. Nestes casos tamén recorren ao uso do ventilador para potenciar o efecto da auga. Estes sistemas están colocados na zona dos comedeiros. Polo xeral, no verán na granxa arrefrían ás vacas, cos diferentes sistemas, 7 veces ao día. “Os máis importantes son os que se fan no muxido e pola noite, no comedeiro”, explica Weisz.

Optan por empregar ventiladores e duchas ou nebulizadores para reducir a temperatura corporal das vacas

Ademais, en Israel apostan pola instalación de grandes ventiladores en diferentes puntos da granxa e por construcións pensadas para climas cálidos, cunha altura de entre 12 e 13 metros nas zonas máis altas e de 5 metros nos costados. Inclúen sistemas de chemineas que funcionan como condutos para facer mover o aire quente de novo cara ao exterior. “Algunhas granxas mesmo contan con teitos móbiles para ventilar, pero que tampouco terminan sendo moi utilizados”, concretan desde o Ministerio de Agricultura.

Construcciones-para-climas-calidos-MSD-Israel-

As naves para o gando en Israel contan con teitos altos e estruturas pensadas para favorecer a ventilación.

Xunto a estes sistemas, a variación da ración do animal está a resultar un método para tentar reducir o estrés nas vacas en produción. O traballo doutoral de Adin aborda os resultados que se poden obter con estes cambios. As recomendacións neste sentido pasan por concentrar a enerxía e axustar a proteína, ademais de reducir tanto a forraxe basta como a súa calidade. Neste caso, Adin aposta por substituír parte da forraxe basta por subproductos facilmente dixeribles como a casca de soia ou a pulpa de remolacha (ao redor duns 2,8 quilos).

O experto recomenda ter en conta a perda de minerais, como sodio e potasio, que as elevadas temperaturas xeran ao animal, polo que adoitan agregar sal á ración. Tamén axusta a porcentaxe de humidade da dieta e insiste en proporcionar auga limpa e fresca ao gando en áreas accesibles.

Efectos-refrigeracion-y-dieta-fria-en-la-granja-MSD-

Efectos da refrixeración directa ou da dieta fría tanto en vacas de produción como nas secas.

Adin concreta que a combinación dunha dieta fría e a utilización de sistemas de refrixeración son fundamentais para evitar o estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.

Consulta aquí o video da sesión de MSD centrada no estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *