Apicultura

Así reparte a Xunta 1,4 millóns en axudas aos apicultores galegos

09/10/2023 6:32 p.m.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Medio Rural para mellorar as condicións xerais da produción e comercialización dos produtos apícolas, enmarcada na Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC). Esta liña de axudas reforzouse, ampliándose de 1,3 millóns de euros a máis de 1,4 que se lle concederon a 25 beneficiarios, nos que se inclúen asociacións apícolas, sociedades e produtores autónomos.

Estas axudas contemplan cinco liñas de intervención. A primeira está orientada a servizos de asesoramento, asistencia técnica, formación, información e intercambio de mellores prácticas, en particular mediante actividades de colaboración en redes, para apicultores/as e organizacións de apicultores/as. Neste caso, é subvencionable a contratación de persoal técnico e de especialistas para prestar información e asistencia a persoas apiculturas, así como de persoal de administración. Tamén se pode financiar tanto a organización de cursos e xornadas como a edición de folletos e publicacións para divulgación.

A segunda liña de intervención serve para loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas, en particular a varroose ou a vespa velutina; para previr os danos ocasionados por fenómenos climáticos adversos e fomentar o desenvolvemento e a utilización de prácticas de xestión adaptadas a unhas condicións climáticas cambiantes; para repoboar as colmeas mediante a cría de abellas ou para a racionalización da transhumancia.

Esta convocatoria conta cunha terceira liña de actuación, que contempla axudas para os laboratorios na análise de produtos apícolas, a perda de abellas ou as caídas na produtividade, e de substancias potencialmente tóxicas para as abella;, financiar a contratación de servizos de análise do mel e de produtos apícolas por apicultores/as e agrupación de apicultores/as, a adquisición de equipos e outro material para análise ou a contratación de servizos de análise de abellas, os seus produtos e outras matrices das colmeas para a detección de praguicidas.

A cuarta liña contempla a promoción, comunicación e comercialización, incluídas accións e actividades de vixilancia do mercado destinadas, en particular, a sensibilizar aos consumidores sobre a calidade dos produtos apícolas. Darase axuda para estudos de viabilidade económica e/ou de custos de produción das explotacións apícolas, estudos de mercado ou elaboración de proxectos piloto sobre novos produtos apícolas e/ou novas formas de presentación ou actividades de información e promoción do consumo do mel e produtos apícolas.

Por último, a quinta liña é relativa a actuacións para aumentar a calidade dos produtos, na que se engloban accións de promoción, creación e mantemento, incluíndo, no seu caso, os gastos de certificación, de figuras e normas de calidade dos produtos apícolas por parte das agrupacións de apicultores/as ou o seguimento da cadea de calidade dos meles no mercado.

Os beneficiarios destas axudas son persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas tamén as integrantes de explotacións de titularidade compartida, e as agrupacións de apicultores. Algúns dos requisitos esixidos para a obtención destas achegas foron levar realizado actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ser titular dunha explotación de máis de 15 colmeas a título individual ou 50 colmeas se solicitan axudas para realizar a transhumancia. Para o caso das agrupacións de apicultores, a solicitude debeu incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

Ligazón á publicación da resolución no DOG

Etiquetado
Ir a la portada