Así reparte a Xunta os 30 millóns de axudas ás industrias agrogalimentarias: Coren, Entrepinares e os chinos de Oviganic Ibérica, entre as máis beneficiadas

Así reparte a Xunta os 30 millóns de axudas ás industrias agrogalimentarias: Coren, Entrepinares e os chinos de Oviganic Ibérica, entre as máis beneficiadas

Centro de Procesado Avícola de COREN en Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, dependente da Consellería do Medio Rural, cos beneficiarios das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Deste xeito, 79 empresas do sector agroalimentario recibirán preto de 30 millóns de euros, que están cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader).

O principal beneficiario é o grupo cooperativo COREN que recibe uns 5,7 millóns de axudas repartidas entre o seu matadoiro de Frigolouro no Porriño (1,28 millóns de axudas para un investimento de 3,21 millóns); 2 millóns para o seu matadoiro de NOVAFRIGSA en Lugo, onde realizou un investimento este ano de 5 millóns, e outros 2,2 millóns para COREN AGROINDUSTRIAL SA, que investirán 5,6 millóns de euros.

A segunda industria que percibiu máis axudas foi Queserias Entrepinares SL, que tivo unha achega da Xunta de 4 millóns para investir 23 millóns de euros este ano na ampliación da súa planta de Vilalba.

A terceira máis beneficiada é Oviganic Ibérica SAL, a planta de Monforte de Lemos, propiedade do grupo chinés Yeeper Dairy, que recibe 3,3 millóns de euros para a ampliación da súa factoría, onde investiu este ano 22,5 millóns de euros.

Nova queixería en Friol e produción de fariña de insectos

Outras industrias xa coñecidas que reciben axudas son Leche Celta (1,19 millóns para un investimento de 4,3); Agrupación de Cooperativas Lácteas SL, (748.000 euros de axudas para un investimento de 1,8 millóns na antiga fábrica de CLESA en Caldas de Reis) ou Matadero del Sar, que percibirá 1,1 millóns para un investimento de 3,7 millóns.

Xunto a elas destacan as axudas a industrias de recente creación, como Alternative Fats and Proteins of Galicia, S.L.U, empresa viguesa constituída o pasado ano, e dedicada á elaboración de fariñas de insectos, que recibiu da Xunta 1,2 millóns para un investimento de 5 millóns de euros nunha fábrica; ou Queixería Silvela SL, empresa tamén creada no 2022, e que recibe 951.000 euros para investir 4,1 millóns de euros nunha nova queixería no concello lugués de Friol.

Enlace á orde no DOG coa listaxe de beneficiarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información